XEAL dá novas mostras da súa mala fe rachando o acordo da mesa do Plan de Igualdade e bloqueando a negociación do convenio
XEAL non deixa de evidenciar a súa mala fe negociadora, esa mesma pola que a xustiza xa lle botou abaixo o ERTE por causas organizativas derivadas da covid. Unha semana despois da reunión para constituír a mesa do Plan de Igualdade (unha necesidade urxente, en palabras do comité, cando hai casos de acoso denunciados por dúas traballadoras), a dirección rompe o acordo, ao modificar as condicións pactadas para a constitución do plan, xa que agora quere quitalo do ámbito de negociación do convenio colectivo.
O comité defende que a negociación do Plan de Igualdade debe ser parella á negociación do convenio colectivo para unha mellor garantía das medidas a adoptar. Pero ademais, cómpre salientar que a empresa ten bloqueadas as negociacións do convenio pola súa pretensión de conxelar os salarios durante os próximos tres anos e recortar as condicións sociais.
Ausencia dun calendario para o arranque dos fornos
A isto hai que sumar a ausencia dun plan de viabilidade, dun calendario para o rearranque dos fornos e dun plan de investimentos que garantan a recuperación das capacidades produtivas e o mantemento de todos os postos de traballo (incluíndo a recuperación dos empregos destruídos no último ano tanto na principal como nas auxiliares).
"Unha demanda que vimos facendo dende que se efectivizou a operación de venda, sen que até o momento a empresa teña concretado ningunha medida para reverter o desmantelamento das fábricas de Cee e Dumbría", critica o presidente do órgano de representación, Alfonso Mouzo (CIG).
Á contra, engade, cada unha das medidas que adopta XEAL "está encamiñada a afondar na segregación encuberta das actividades, incumprindo así a condición esencial da concesión para a explotación das centrais hidroeléctricas". Por iso, mentres non se garanta a viabilidade das fábricas e dos empregos, o comité continuará coas mobilizacións semanais para esixir da Xunta de Galiza que, "dunha vez por todas, exerza as súas competencias e actúe con toda a contundencia necesaria para cortar de raíz esta fraude que leva a nosa comarca á ruína".
Nulidade da operación de venda
Unha actuación da Xunta que lembra Mouzo, ten que pasar polo recoñecemento da nulidade da operación de venda entre Ferroatlántica e TPG-Ithaka por non terse requirido a correspondente autorización administrativa previa, tal e como si se requiriu no ano 1992 para a adquisición da entón Carburos Metálicos. "O goberno galego non pode seguir sendo cómplice desta trama para que os beneficios xerados a conta de explotar os nosos recursos escapen para EEUU", reitera.
Así as cousas, os traballadores e as traballadoras continuaron este venres coas concentracións semanais na fábrica de Brens (Cee) nas que tamén se reclama o cese da persecución iniciada pola dirección contra o persoal, a readmisión do compañeiro inxustamente despedido hai unhas semanas e que se adopten medidas contra o presunto acosador denunciado por dúas traballadoras.