Xabier Filgueira, reelixido secretario comarcal pola VIII Asemblea da CIG da Coruña
O Pazo de Exposicións da Coruña acolleu este sábado a VIII Asemblea Comarcal da CIG da Coruña que reelixiu a Xabier Filgueira Domínguez como secretario comarcal, con 151 votos a favor, 2 brancos e 0 nulos. No proceso, ao que concorreu unha única candidatura unitaria e que se desenvolveu baixo o lema "A forza para avanzar. Sindicalismo nacionalista e de clase", tamén se escolleu a nova Executiva Comarcal e as persoas que representarán á comarca no Consello Confederal. O acto tamén contou coa participación do secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que foi o encargado de inaugurar asemblea.
Composición da nova Executiva Comarcal
A nova Executiva Comarcal, que recibiu 147 votos a favor, 6 brancos e 0 nulos, está composta polas seguintes persoas:
1. Xabier Filgueira Domínguez
2. Margarida Corral Sánchez
3. Óscar Calvo Varela
4. María Xosé Corominas Tenreiro
5. Ernesto López Rey
6. Silva Mourelle Rilo
7. Adolfo Naya Fernández
Filgueira demanda un plan comarcal de industrialización e emprego
Na súa intervención tras saír reelixido secretario comarcal, Xabier Filgueira chamou a continuar "fortalecendo o noso proxecto sindical" e "a seguir camiñando na loita pola recuperación dos dereitos roubados á clase traballadora", nun momento de crise económica e social "sen precedentes". Unha crise agravada polo proceso de desmantelamento industrial que vive Galiza e a continua desertización industrial da comarca da Coruña "sen que o goberno español nin a Xunta de Galiza exerzan as súas competencias para salvar o noso tecido produtivo".
A este respecto denunciou a falta de vontade política para intervir a fábrica de Alu Ibérica e salvar os postos de traballo e a actividade neste sector estratéxico; mais tamén denunciou a falta de políticas públicas para garantir que a transición enerxética sexa realmente xusta e vaia acompañada de alternativas de reindustrialización e emprego para as localidades afectadas polo peche das centrais térmicas como a de Meirama, ou a negativa reiterada do goberno de Feijoo a aprobar unha tarifa eléctrica galega que achegue solucións tanto ao sector electrointensivo -que ten un peso específico na comarca (caso de Ferroatlántica de Sabón, XEAL ou Celsa Atlantic)-, como para rematar coa pobreza enerxética na que hoxe se atopan moitos fogares do noso país.
"Faise pois necesario seguir demandando un plan comarcal de industrialización e emprego que sobre a potenciación dos nosos sectores produtivos sexa capaz de contribuír á reactivación económica e á creación de postos de traballo; esixindo tamén das diferentes administracións plans concretos para o impulso dunha política industrial que permita unha saída galega e xusta da crise", aseverou.
Retomar o debate da folga xeral
Diante deste contexto de precariedade laboral e empobrecemento xeneralizado das maiorías sociais "temos que dar respostas e, tal e como aprobamos no VIII Congreso Confederal, retomar o debate sobre a convocatoria dunha folga xeral, de maneira sosegada e tranquila, pero con determinación para saber estar a altura das circunstancias, no caso de que non se proceda á derrogación íntegra das reformas laborais e nos sigan impondo as políticas neoliberais de recortes".
Neste punto, o responsábel da CIG da Coruña criticou que o goberno español manteña plenamente vixentes as reformas laborais, das pensións e da negociación colectiva que tanta miseria teñen causado. "É urxente a súa derrogación, non hai nada que agardar, é unha cuestión de vontade política: o goberno español ou lexisla en función do interese da gran maioría social ou lexisla para fortalecer os intereses dos poderosos", espetou.
Primeira forza sindical na comarca
Con este obxectivo, Filgueira instou a fortalecer a organización, mantendo o carácter asembleario, participativo e de contrapoder, así como a capacidade de presentar propostas e alternativas, que caracteriza a práctica sindical da CIG "e que nos levou a ser hoxe a primeira forza sindical na comarca da Coruña e en Galiza, tanto en representatividade, como afiliación e capacidade mobilizadora".
Advertiu da maior responsabilidade que conleva sermos a primeira forza sindical, polo que instou a redobrar "as nosas forzas e esforzos para seguir practicando un sindicalismo combativo, nacionalista e de clase que nos permita seguir sendo o sindicalismo de referencia para a clase traballadora galega e imprescindíbel para avanzar na defensa e na recuperación dos nosos dereitos".
Neste senso, apelou a promover a participación das e dos delegados e do conxunto da afiliación na dinámica sindical; e moi especialmente a incrementar a intervención das mulleres traballadoras, "mantendo unha actitude combativa e de confronto aos poderes económicos e contra o patriarcado, para facer do feminismo un eixo tamén vertebrador do noso traballo sindical.
No seu discurso, Filgueira tamén quixo facer un recoñecemento ao traballado desenvolvido polas persoas que formaron parte da anterior Executiva e non repiten neste mandato: Maricarme López Santamariña, Rocío Quintela Castro e Roberto Tizón Miguéns, quen durante moitos anos foi responsábel de Finanzas da comarca.
Carril chama a facer sindicalismo combativo
Carril referiuse aos procesos de renovación e posta a punto “do ideario, propostas e alternativas e da propia organización” nos que está inmerso a CIG tras da celebración do Congreso Confederal, ao que, ás portas de conmemorar o 50 aniversario das loitas do ano 72 “que conformaron o que hoxe somos”, chegamos como primeira forza en afiliación, representatividade e capacidade mobilizadora.
Defendeu que facer sindicalismo de confrontación na CIG “é actuar coherentemente coa nosa razón de ser, de existir”. Por iso, animou a traballar para a convencer a máis sectores da clase traballadora “da nosa alternativa, de facer valer con todas as nosas forzas e iniciativas o noso modelo sindical; así como ser un instrumento instrumento útil e capaz, de contrapoder real fronte a explotación de clase, de sermos combativas e firmes para avanzar nas conquistas de dereitos e na transformación da realidade”.
Como terceira vía a fortalecer, Carril referiu os piares fundamentais da CIG: o asemblearismo, a participación, e facer organización, “porque o noso obxectivo non só é ser un sindicato con gran número de afiliación e representación, a nosa loita comprende obxectivos estratéxicos”, insistiu. “Buscamos a acumulación de forzas para construír poder sindical, poder popular e facer unha transformación revolucionaria da sociedade galega no camiño de conquistar unha Galiza soberana e sen explotación”.
A este respecto, fixo descansar a credibilidade da CIG como central sindical “en termos preocupación, iniciativas, sermos referentes de calquera loita social e encabezar a conflitividade laboral e social”. Un traballo no que implicou a todo o corpo da CIG: afiliación, delegados/as, persoal liberado e membros das estruturas de dirección.
O Informe de Xestión insta a fortalecer o modelo sindical
Previamente á votación e proclamación dos/as representantes electos/as, na asemblea comarcal debateuse e votouse o Informe de Xestión da Executiva saínte que foi aprobado por 159 votos a favor, ningún en contra e 1 abstención.
No documento faise un repaso pola acción sindical e a situación da Unión Comarcal nun período caracterizado polo recorte de dereitos socio-económicos, a privatización e o deterioro dos servizos públicos e un modelo de relacións laborais asentado na precariedade laboral, froito das políticas neoliberais que se nos seguen aplicando. A comarca tamén continúa o proceso de desertización industrial, perdéndose de seguido emprego nese sector mentres o sector servizos gaña peso que xa ocupa máis do 86% do emprego.
Esta crise agravouse coa crise sanitaria, que intensificou e acelerou procesos xa en marcha como a dixitalización, a descarbonización e ou a transición enerxética, que impactan de cheo na actividade económica mais sen que haxa políticas públicas que permitan encetar unha saída xusta galega da crise, como estamos a reivindicar dende a CIG, e a posta en marcha dun plan de reactivación económica e creación de emprego en condicións dignas.
Neste contexto, a CIG presentou alternativas e propostas para mellorar as condicións de vida e de traballo (a comezar pola demanda da derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva a das pensións) e mobilizouse fronte ao desmantelamento industrial e a perda de emprego na comarca, coas loitas do persoal de Ferroatlántica de Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas, da fábrica de Alcoa Inespal, contra o peche de Isidro de la Cal, en demanda de alternativas ante o peche da térmica de Meirama,coas traballadoras do sector téxtil de Ordes, polo emprego nas telecomunicacións e contra a deslocalización das contratas de R.
Importante campo de batalla foi a negociación colectiva, elemento central da nosa acción sindical que permitiu amosar ben ás claras a nosa praxe diferenciada do resto do sindicalismo pactista e sistémico "e na que temos que seguir acumulando forzas para unha mellor defensa dos nosos intereses de clase".
Foron numerosas as folgas iniciadas neste período para conseguir melloras, ligadas á negociación colectiva, á defensa do emprego ou na mellora da seguridade e saúde laboral. Así o texto destaca dos 75 día de folga do persoal de Valoriza Auga; os 60 día de folga do persoal do sector de xustiza; a folga do metal da provincia da Coruña; do sector de ambulancias; no sector da limpeza de edificios; en Veolia (contrata de Inditex); ou as xornadas de folga en Facet Ibérica, Albada, Vero Juncal, no sector dos centros de chamadas (Abai Group, Teleperformance, Universal Support, Atento), nas tendas de Inditex, en Celsa Atlantic; contra brutal reconversión do sector bancario (ERE do Santander, do BBVA ou de Abanca); ou as mobilizacións contra os despedimentos no comercio ou no comercio de alimentación.
Unha conflitividade que afondou na represión sindical exercida pola patronal contra compañeiros e compañeiras por participar nas folgas, reclamar dereitos ou simplemente formar parte das candidaturas da CIG e "á que tamén demos cumprida resposta".
Toda esta situación, apúntase no informe, "deixa ben ás claras a inutilidade do pacto social, do diálogo social, para a recuperación dos dereitos arrebatados á clase traballadora e indícanos cal foi e cal é o camiño para recuperarmos os dereitos económico-sociais perdidos coa aplicación das distintas reformas laborais".
O feminismo de clase como eixo do traballo sindical
No documento destácase a consolidación do traballo das mulleres da CIG neste anos, dando resposta mobilizadora e combativa de confronto ao sistema, e situando á central nacionalista na comarca da Coruña como unha das organizacións vertebradoras da acción fememinista do país, espallando o feminismo de clase como eixo do noso traballo sindical.
Faise unha lembranza das moitas e multitudinarias mobilizacións levadas a cabo neste tempo polo feminismo, nas que a CIG xogou un papel destacado e determinante que se reflicte na convocatoria das folgas xerais de mulleres do 8 de marzo, "onde amosamos a fortaleza do noso proxecto sindical, como un proxecto nacionalista, feminista e antipatriarcal".
Xunto a isto, o informe de xestión fai un repaso pola participación da CIG nas demandas sociais da comarca (como constitución da área metropolitana ou a devolución dos terreos portuarios), a reivindicación dun plan de industrialización comarcal e de infraestruturas, ou as respostas innovadoras que a situación de pandemia obrigou a dar, esixindo ademais dos gobernos medidas de protección social e da saúde da clase traballadora.
O sindicalismo necesario e imprescindíbel
A CIG da Coruña chega á súa VIII asemblea sendo primeira forza sindical en representatividade, afiliación e capacidade mobilizadora, superando incluso as previsións feitas inicialmente pola Unión Comarcal. De feito, a central rematou o período concentrado de eleccións sindicais (2016-2019) co 28.69% da representación (1085 delegados/as), fronte ao 24.93% de CCOO (943 delegados/as) e o 24.46% de UGT (925 delegados/as). Deste xeito "somos a primeira forza sindical na comarca e en varios sectores: construción, ensino, industria, saúde e servizos".
Uns resultados "moi positivos" dos que hai que tirar as ensinanzas precisas que sexan útiles par continuar no futuro sendo a primeira forza sindical "ou o que é o mesmo, o sindicalismo necesario e imprescindíbel para a recuperación de dereitos".
Este incremento da presenza nos centros de traballo vai parello tamén a un aumento da base afiliativa, de maneira que entre os anos 2017 e 2019 se rexistraron incrementos superiores ao 4% anual, "o que dá a entender que o noso modelo sindical, reivindicativo e combativo reactiva a afiliación a medida que imos tendo unha maior implantación e representación nos centros de traballo".
Persoas elixidas para o Consello Condeferal
As persoas elixidas para o Consello Confederal, con 149 votos a favor, 4 brancos e 0 nulos, son:
- Xabier Filgueira Domínguez
- Margarida Corral Sánchez
- Óscar Calvo Varela
- Ana Xestal Palla
- Ernesto López Rey
- María Xosé Corominas Tenreiro
- Xabier Santos Canosa
- Divina Núñez López
- María López Alejo
- Rocío Quintela Castro