Xabier Filgueira Domínguez, reelixido como secretario comarcal da CIG da Coruña
O Centro Cívico dos Mallos acollía este sábado a VII Asemblea Comarcal da CIG da Coruña, na que Xabier Filgueira Domínguez saíu reelixido Secretario Comarcal con 180 votos a favor e 1 en branco. A candidatura unitaria presentada para a Executiva Comarcal, encabezada tamén por Filgueira, recibía 177 votos a favor, 1 en branco e 3 nulos; e a lista para o Consello Confederal contou con 180 votos a favor e 1 en branco.
Composición da nova Executiva Comarcal
1. Xabier Filgueira Domínguez.
2. Óscar Calvo Varela
3. Maricarme López Santamariña
4. Ernesto López Rei
5. Roberto Tizón Miguéns
6. Rocío Quintela Castro
7. Silvia Mourelle Rilo
A CIG, á cabeza da mobilización social na comarca
No informe de xestión presentado pola Executiva saínte da CIG da Coruña (aprobado por 182 votos a favor, ningún en contra e ningunha abstención) ponse de manifesto a falta dunha política de industrialización e emprego na comarca e a ausencia de políticas públicas que dean apoio e fomenten as potencialidades dos sectores produtivos básicos. Isto provoca que a estrutura económica continúe asentada no sector servizos e nas grandes superficies comerciais "exemplos de precaridade laboral e dun modelo desconectado da economía produtiva que levou a nosa a comarca practicamente a converterse nun verdadeiro deserto industrial".
Consello Confederal
As persoas que formarán parte do Consello Confederal pola comarca son:
1.Xabier Filgueira Domínguez.
2. Óscar Calvo Varela
3. Laura Méndez Castro
4. Ernesto López Rei
5. Xabier Santos Canosa
6. Erea Estévez Campos
7. Mario Díaz Bustamante
8. Xosé Lois Rivera Jácome
9. Lois Soto Sabio
10.Roberto Pérez Vila.
Unha situación agravada polo fracaso das políticas e medidas postas en marcha polo Goberno español e a Xunta de Galiza nestes anos para, presuntamente, saír sa crise, pero que na practica supuxeron "un recorte xeneralizado de dereitos económicos e sociais para a clase traballadora e un empobrecemento para a gran maioría social do noso pobo".
Fronte a isto, CIG encabezou a resposta sindical ás contrarreformas laborais, dando a batalla en defensa do emprego, dos servizos públicos e pola mellora das condicións de vida e de traballo, con especial atención á negociación colectiva "na que debemos de centrar os nosos esforzos para ir recuperando dinámicas de mobilización e de resposta que nos permitan desbloquear moitos dos convenios hoxe paralizados", matizou Filgueira na súa defensa do informe.
Mais tamén, neste tempo a CIG foi capaz de elaborar e socializar alternativas e "fixar unha posición política ao respecto de temas que teñen unha importante repercusión como foi a Renda Social Municipal; a creación da área metropolitana (vinculándoa á necesidade de contar cun Plan de Industrialización Comarcal e un programa comarcal de infraestruturas); ou a importante mobilización social contra a especulación e venda dos terreos do porto.
Nesta liña, as mulleres da CIG "foron quen de consolidar un espazo no movemento feminista da cidade da Coruña, grazas a unha participación activa nos colectivos e organizacións das que formamos parte, iniciativas que nos levaron a ser referentes na loita non só para a comarca, senón en moitos casos, tamén para o conxunto do país", sublíñase no documento.
A CIG, primeira forza na comarca
"Un sindicalismo apegado aos centros de traballo cunha acción sindical onde combinamos mobilización, denuncia e negociación para dar resposta as agresións de gobernos e patronais", apuntou o Secretario Comarcal, Xabier Filgueira. Neste senso, engadiu que o resultado desta actuación pode verse reflectido nos bos resultados acadados en afiliación, cun incremento neto dun 2,71% sobre a afiliación de finais de 2013. "A resistencia amosada nestes duros anos de crise é a mellor garantía para fortalecer o noso proxecto sindical e afrontar un futuro baseado, coma sempre, na independencia de calquera poder político ou económico a partir da nosa propia autosuficiencia económica".
Pero tamén se reflicte no resultado das eleccións sindicais: CIG é a primeira forza sindical na comarca dende o ano 2015. Así, ao remate do período concentrado de eleccións (2012-2015), a CIG foi a única central que logrou subir a súa representatividade (case un 3%, acadando 957 delegados/as fronte aos/as 985 da UGT 27,13% os/as 955 de CCOO).
Mentres que no ano 2016 a Unión Comarcal obtivo 201 delegados/a (dun total de 693 delegados/as disputados/as), acadando unha representatividade do 29%, a seguir a UGT con 187 delegados/as e un 26,98% de representatividade, e en terceira posición CCOO con 182 delegados e un 26,26%.
No informe tamén se aborda o traballo realizado polo colectivo de persoas xubiladas e pensionistas, no eido da saúde laboral e formativo ou a actividade do Plan de Axuda Alimentar.
Filgueira apela á non resignación
Logo de coñecérense os resultados das votacións, o reelixido secretario comarcal, Xabier Filgueira, encetou o acto de clausura da VII Asemblea cunha intervención na que apelou á non resignación ante a actual situación "porque o modelo que representamos na CIG non está para esa derrota".
"Hai outro camiño, aseverou, o da mobilización social, do conflito, que require da CIG unha práctica sindical acorde co momento, adaptándonos ás novas realidades nas que se manifesta a explotación laboral e que vai requirir de nosa presenza constante nos centros de traballo, impulsando mobilizacións específicas en cada sector e ter sempre proposta e alternativas que nos permitan acumular forzas".
Neste liña, avogou por pasar á ofensiva na negociación colectiva para recuperar o poder adquisitivo dos salarios, os dereitos económicos e sociais roubados, rachando o bloqueo da maioría dos convenios. Mais tamén a continuar na loita permanente polo emprego, a creación de postos de traballo dignos e a reivindicar un plan de industrialización e emprego para a comarca.
"O sindicalismo nacionalista segue a ser unha referencia indiscutíbel para a clase traballadora na comarca da Coruña; temos pois nas nosas mans unha poderosa ferramenta colectiva coa que seguir loitando contra as políticas dos gobernos neoliberais que arruínan a vida da xente e que deixaron ao mundo do traballo sumido na precariedade máis absoluta", concluíu.
O secretario xeral, Paulo Carril, na inauguración da asemblea
Á VII Asemblea Comarcal tamén asistiu o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen se encargou de inaugurar o acto, agradecendo o compromiso das delegadas e delegados e da afiliación da central sindical. Destacou que a solidariedade obreira debe ser un activo fundamental da CIG, e neste senso, incidiu, hai que fortalecer e recuperar a negociación colectiva como ferramenta básica para a mellora das condicións laborais e sociais da clase traballadora, mais tamén como mecanismo a través da que dar resposta á pasividade, ao individualismo e a resignación que parecen instalados nos centros de traballo.
"Dende a CIG temos que ser capaces de transformar esta situación en afiliación, organización, participación sindical e acción colectiva organizada para facer fronte á explotación e ao empobrecemento", aseverou Carril. De aí que "cando falamos de ser atrevida e atrevidos nas nosas alternativas facémolo co convencemento de que reforzar a nosa organización dános máis forza para defender os nosos intereses de clase".
Coa vista neste obxectivo, destacou o grao de cohesión interna e capacidade de convivencia das diferentes correntes que integran a central que "multiplica as forzas que a CIG ten á hora de actuar nos centros de traballo".
O secretario xeral referiuse tamén a dous grandes conflitos que se viven nestes momentos na comarca: a loita do persoal de Ferroatlántica para frear as pretensións da empresa de segregar as centrais hidroeléctricas e as fábricas de ferroaliaxes; e a loita dos traballadores e traballadoras do metal por acadar un convenio colectivo digno e con dereitos.