Xa nas rúas un novo número do ‘Ferramenta’, o voceiro comarcal da CIG-Vigo
A CIG de Vigo vén de editar un novo número do seu voceiro comarcal, ‘Ferramenta’. Desta volta, o exemplar céntrase no 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, e mais no 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega. A publicación en papel, da que se imprimiron 5000 exemplares que se están a distribuír de maneira gratuíta nos centros de traballo, na rúa e nos locais da CIG, aborda tamén a situación social e laboral da comarca de Vigo.
No cuarto número do ‘Ferramenta’ recóllese unha breve retrospectiva arredor dos sucesos do 10 de marzo de 1972, que deron lugar á proclamación do Día da Clase Obreira Galega, cando se veñen de cumprir 45 anos. Ademais, explícase a campaña confederal da CIG que co gallo desta data desenvolveu para urxir unha mudanza radical nas políticas sociais, económicas e laborais que permita a recuperación do emprego estábel e dos dereitos roubados durante a crise.
Por outra parte, recóllese unha breve escolma de conflitos, dando conta das protestas polos despedimentos en Eroski, as mobilizacións dos traballadores/as dos centros de chamadas para esixiren un convenio digno e máis a exitosa folga desenvolvida en Alonarti Envases e que logrou a reincorporación dun traballador despedido. Denúncianse tamén os problemas que continúan a ter lugar no hospital Álvaro Cunqueiro, por mor da súa xestión privada, tanto no referido á falla de medios humanos e materiais, como ás dificultades derivadas do mal acceso e da falla de vagas de aparcadoiro.
A perspectiva de xénero ocupa a metade das páxinas deste exemplar, explicando de maneira detallada a campaña promovida pola CIG co gallo do 8 de marzo, sob o lema “Igualdade, para que?”. Inclúese tamén un artigo, a dupla páxina, da secretaria confederal das Mulleres do noso sindicato, Margarida Corral, titulado “Feminismo? Si, por suposto”, no que se explica a importancia de incorporarmos en todos os niveis da loita sindical a perspectiva feminista.
Por último, o secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberte Gonçalves, denuncia nun artigo como o Partido Popular continúa a negarlles o indulto aos compañeiros Carlos e Serafín.
Deseguido podes descargar a edición do voceiro en PDF: