Xa está dispoñíbel un novo número de 'Ferramenta', voceiro comarcal da CIG-Vigo
O terceiro número de 'Ferramenta' ten como tema principal a campaña deseñada pola CIG para conmemorar o 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, e que ten como eixo fundamental a reclamación de que as reformas laborais e a 'lei mordaza' sexan anuladas.
Ademais, a publicación inclúe unha extensa entrevista co secretario comarcal do sindicato, Alberto Gonçalves, na que o responsábel sindical repasa a situación na que se atopa a bisbarra e o propio sindicato e achega os principais argumentos a favor da necesidade de apostar pola convocatoria dunha folga xeral na comarca.
Outro dos temas destacados ten que ver coa campaña promovida pola CIG para celebrar o 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora. Tamén se pode atopar un breve resumo do informe sobre a situación económica, laboral e social da bisbarra elaborado pola Unión Comarcal.
Por último, o novo número de 'Ferramenta' incorpora tamén unha peza na que se recollen os resultados do recente período concentrado de eleccións sindicais, nas que a CIG revalidou a súa posición como primeira forza a nivel comarcal ao acadar 1175 delegados/as a eunha representatividade do 31,96%.