Volver á normalidade?

Atilio A. Boron - 01 Xun 2020

Os gobernos que apostaron pola “maxia dos mercados” para atenderen os problemas de saúde da súa poboación exhiben índices de mortalidade por millón de habitantes inmensamente superiores aos dos estados socialistas que conciben a saúde como un inalienábel dereito humano

 A cruel pandemia que afecta á humanidade xerou reaccións de todo tipo. Uns poucos vena como a cruel pero fecunda epifanía dun mundo mellor e máis ventureiro que xurdirá como remate inexorábel da xeneralizada destrución producida polo coronavirus. Se Edouard Bernstein pensaba que o só despregamento das contradicións económicas inelutabelmente remataría no capitalismo, os seus actuais (e inconscientes) herdeiros apostan por que o virus obre o milagre de abolir o sistema social vixente e substituílo por outro mellor. O fondo relixioso ou mesiánico desta crenza salta á vista e exímenos de maiores análises. Outros percíbena como unha catástrofe que clausura un período histórico e sitúa a humanidade ante un inexorábel dilema cuxo resultado é incerto. Os que partillan este argumento están lonxe de ser un conxunto homoxéneo pois difiren en dous temas centrais: a causalidade, ou a xénese da pandemia, e o mundo que se perfila á súa saída. En relación ao primeiro hai quen adxudica a responsabilidade da súa aparición a unha entelequia: “ser humano”, como os ecoloxistas inxenuos que din que aquel -entendido nun sentido xenérico, como ser humano- é quen coa súa actividade destrúe a natureza e entón o Covid-19 sería tamén causado polo “ser humano”. Mais a verdade é que non é este senón un sistema, o capitalismo, quen destrúe natureza e sociedades como o demostra o pensamento marxista e, mesmo, aqueles que sen se adherir a el son analistas rigorosos da realidade, como Karl Polanyi. Sistema que coas súas políticas privatizadoras e de “austeridade” (para os pobres, máis non para os ricos) fixo posíbel a gran expansión da pandemia.

 Probas ao canto: o Covid-19 espiu a responsabilidade das clases dominantes do capitalismo e os seus gobernos, comezando polo de Estados Unidos e os seus “vasalos” no resto do mundo. Cando se compara o número de mortes ocorridas nos países con gobernos capitalistas cos que se rexistran en estados socialistas, como China, Vietnam, Cuba, Venezuela, os resultados son horríbeis. En China os mortos por millón de habitantes son 3; en Vietnam até o 18 de maio non morrera ninguén a causa do virus, e iso que ten unha poboación de 96 millóns de persoas; Cuba, con pouco máis de 11 millóns, ten unha taxa de mortos por millón igual a 7 e na República Bolivariana de Venezuela esta ratio é de 0,4. En Arxentina, cun goberno acosado polo sicariato mediático e a gran burguesía o número é 9, pero triplícase cando se observa o “oasis neoliberal” de Sebastián Piñera, cunha ratio de 27 mortos por millón de habitantes. México, cuxo goberno ao principio cometeu o erro de subestimar o coronavirus está con 44 decesos por millón, por riba da media o mundial, que é 41,8. Pero logo vén o escándalo: Ecuador, onde manda o máis rastreiro lambebotas de Donald Trump, leva todas as fúnebres palmas da nosa América con 161 mortos por millón de habitantes, 54 veces máis que China e 23 máis que en Cuba. Suíza, a elegante gorida fiscal europea, rexistra unha obscena ratio de 219 mortos por millón e Estados Unidos 283 por millón, ou sexa, 95 veces máis que China e unhas 40 veces maior que a agredida e bloqueada Cuba. Non lles vai mellor á rica Bélxica, campioa mundial cun escandaloso récord de 790 mortos por millón de habitantes e a quen lle seguen no podio: España, con 594, Italia con 532 e o Reino Unido con 521.

 Conclusión: os gobernos que apostaron pola “maxia dos mercados” para atenderen os problemas de saúde da súa poboación exhiben índices de mortalidade por millón de habitantes inmensamente superiores aos dos estados socialistas que conciben a saúde como un inalienábel dereito humano. Isto compróbase aínda en países como Cuba e Venezuela malia padecer múltiples sancións económicas e os rigores do criminal bloqueo imposto por Washington. Nos antípodas atópase Brasil que cos seus 18.130 mortos ocupa o sexto lugar na lutuosa estatística de vítimas do coronavirus e cos seus 85 mortos por millón de habitantes rexistra unha incidencia 12 veces maior que Cuba e 28 maior que China. Á súa vez Chile, paradigma neoliberal por excelencia, ten unha taxa 9 veces maior que a de China e case catro veces superior á da acosada illa caribeña. Mención á parte merece o Uruguai, que grazas aos quince anos de activismo estatal dos gobernos frenteamplistas, nos cales o investimento en saúde pública foi prioritario, rexistra unha taxa de 6 mortos por millón de habitantes. É de esperar que o seu actual presidente, Luis Lacalle Pou, confeso admirador de Jair Bolsonaro e Sebastián Piñera, tome nota desta lección e se absteña de aplicar as súas letais fantasías neoliberais ao sistema de saúde público do Uruguai.

 Esta disímil resposta ofrecida polos estados capitalistas e socialistas (máis aló dalgunhas necesarias precisións sobre esta caracterización, que deberían ser obxecto doutro traballo) é suficiente para fundamentar a necesidade de que o novo mundo que se asome unha vez concluído o pesadelo do Covid-19 se caracterice pola presenza de trazos definitivamente non-capitalistas. É dicir, un ordenamento socioeconómico e político que reverta o desvarío dominante durante catro décadas cando ao impulso da traizoeira melodía neoliberal case todos os gobernos do mundo se apresuraron a seguir as directivas emanadas da Casa Branca e privatizar e mercantilizar todo o que fose privatizábel ou mercantilizábel, aínda a custa de violar dereitos humanos, a dignidade das persoas e os dereitos da Nai Terra. Un mundo que, seguindo algúns razoamentos de Salvador Allende, podería ser caracterizado como “protosocialista”; é dicir, como unha imprescindíbel fase previa para viabilizar a transición cara ao socialismo. Este período é requirido para reforzar o estado democrático; introducir ríxidas limitacións ao “killing instinct” dos mercados e a súa descontrolada actividade, especialmente da súa fracción financeira; a nacionalización e/ou estatización das riquezas básicas dos nosos países; a estatización do comercio exterior e os servizos públicos; a desmercantilización da saúde e os medicamentos; e unha agresiva política de redistribución da riqueza que supón unha fonda reforma tributaria e unha moi activa política social de eliminación do flaxelo da pobreza. Tendo en conta a cifra de vítimas que deixou o Covid-19 (que está lonxe de chegar ao seu pico) sería unha monumental insensatez intentar “volver á normalidade”. Só espíritos pervertidos por un insaciábel afán de lucro poden pretender reincidir nos seus crimes e volver sacrificar a millóns de persoas e á propia natureza no altar da ganancia, considerando tales crimes como unha “normalidade” que non pode nin debe ser posta en cuestión. Como pensar que un holocausto social e ecolóxico como o que produciu o capitalismo, potenciado hiperbolicamente pola pandemia, poida agora ser concibido como algo “normal”, como unha situación beneficiosa á cal deberiamos retornar sen maior demora? Unha “normalidade” como esa debe ser definitivamente desterrada como opción civilizatoria. Só podería ser imposta por unha recomposición neofascista do capitalismo, pouco probábel ante o desprestixio e a deslexitimación que este sufriu en tempos recentes e a acumulación de forzas sociais aliñadas en contra dos verdugos do pasado. Claro que a historia non está pechada pero estou seguro, volvendo ás palabras de Salvador Allende, de que despois da pandemia “se abrirán as grandes alamedas para que pasen homes e mulleres para construíren unha sociedade mellor”.

 

[Artigo tirado do blog do autor, do 20 de maio de 2020]