Volven as protestas contra a empresa farmacéutica Lonza do Porriño por un novo caso de represión sindical
A CIG desenvolveu onte unha protesta diante das instalacións da empresa Lonza do Porriño para rexeitar un novo caso de represión sindical por parte da compañía farmacéutica. Este xoves terá lugar o xuízo en Vigo polos constantes cambios de posto e de funcións a unha operaria afiliada da central sindical tras volver de excedencia por cargo público.
Dende a CIG-Industria de Vigo consideran que o acoso a esta traballadora ten que ver tamén co feito de que intentou montar candidatura da central sindical para concorrer ás eleccións sindicais na empresa, “algo que está a pagar agora”. Entenden que se trata dunha “clara represalia” por parte da responsábel de recursos humanos de Lonza, que obriga a afectada a cambios continuos de posto de traballo e a realizar funcións propias de categorías laborais inferiores á dela.
O secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, mantivo unha xuntanza coa responsábel de recursos humanos para intentar achegar posturas, “algo que foi imposíbel pola actitude inmobilista desta persoa”. Ao mesmo tempo, a traballadora presentou denuncia no Xulgado do Social para que se lle respecten os seus dereitos laborais, e o xuízo terá lugar este mesmo xoves día 7 ás 11:00 horas. Media hora antes a central sindical desenvolverá unha concentración solidaria ás portas do edificio xudicial da rúa Lalín.
Este non é o primeiro caso de represión sindical en Lonza, xa que a finais de 2020 a CIG levou a cabo tamén protestas diante da empresa para denunciar que a compañía farmacéutica lle impedía o acceso ás súas instalacións ao delegado de persoal, que pertence a unha contrata de mantemento.