Volve a fin do traballo?

Albert Recio Andreu - 02 Out 2018

Falar da fin do traballo en sociedades de emprego asalariado o que pretende é un efecto de disciplina social. Dicir á xente que a súa participación social é redundante, que é prescindíbel, que a sociedade pode pasar sen el

 I

 A vida da poboación traballadora está periodicamente ameazada por un pesadelo recorrente: a da fin do traballo provocado polo cambio tecnolóxico. Non é que a xente estea ansiosa por romper o o lombo traballando, ou por vivir ás ordes dun superior. É que temen que a contrapartida sexa o paro, a falta de ingresos, a marxinación social.

 O debate sobre tecnoloxía e emprego é antigo. A economía capitalista caracterízase entre outras cousas por un cambio técnico constante, por desemprego recurrente e desigualdades obscenas. Polo que sabemos da historia do paro, os peores momentos, as crises, teñen menos que ver coa tecnoloxía e máis coa organización da economía e a sociedade. Pero dinnos que agora é distinto, porque a dixitalización vai permitir non só substituír millóns de empregos rutineiros, senón que reducirán tamén empregos “cualificados” porque a intelixencia artificial e a capacidade de cálculo das máquinas resultará moito máis eficaz. Ou sexa, que o paro non só é un perigo para a clase obreira tradicional, senón tamén para as clases medias educadas.

 Os que defenden esta posición adoitan ser altos empresarios ou técnicos cualificados (enxeñeiros, científicos) na materia. As súas opinións reflicten tanto a súa percepción dos feitos como os seus desexos ocultos (o que eu chamo os seus “soños húmidos”). Para un empresario, un mundo sen obreiros sería ideal. A xestión de persoal é sempre una das tarefas máis pesadas de calquera actividade en xeral. Na empresa, onde os intereses de empresarios e traballadores están en conflito -aberto ou latente- esta xestión é aínda máis ardua. Unha empresa sen traballadores, funcionando automaticamente e deixando o propietario unha renda recorrente, é o ideal que todo rentista desexaría. Tamén para os altos tecnócratas as persoas son un atranco. Moitos tenden a pensar que son as chafalleiras intervencións humanas as que provocan erros e problemas (só hai que ver que case sempre que hai un desastre se alude ao erro humano, sen pensar que se cadra este estaba propiciado pola tecnoloxía empregada). Eliminando empregados redúcense os problemas potenciais (Michel Piore, un importante economista laboral, descubriuno nunha investigación hai case 50 anos; os enxeñeiros entrevistados comentáronlle que sempre que o custo fose soportábel, recomendaban a solución que incorporaba menos emprego). Hai un nesgo capitalista e un nesgo tecnocrático na orientación do cambio tecnolóxico. Non é casualidade que Frederick W. Taylor axuntase na súa persoa o ser enxeñeiro profesional e fillo de empresario.

 Mais esta introdución do cambio tecnolóxico non supuxo até o de agora a eliminación do traballo por moitas e variadas razóns. En primeiro lugar, a eficacia da tecnoloxía nunca é completa nin se adapta por igual a todas as actividades humanas. En segundo lugar, porque as melloras tecnolóxicas viñeron asociadas a un aumento na escala da produción, a unha diversificación dos bens e servizo. E, en terceiro lugar, porque as loitas sociais impuxeron limitacións ao uso da forza de traballo e conseguiron que en bastantes casos o aumento de produtividade se traducíse nunha redución da xornada laboral. Este razoamento aplícase habitualmente ao emprego mercantil. O recoñecemento da importancia do traballo doméstico mostra ademais outras cuestións interesantes. A primeira é que anos de cambio técnico non xeraron un movemento de redución radical do tempo de traballo doméstico. A segunda é que algunhas das innovacións en bens de consumo, máis que eliminar o traballo doméstico, transformárono. Un estudo de hai vinte anos da xornada laboral das amas de casa a tempo completo mostrou que a súa xornada global era parecida. O que cambiara era o seu contido. A primeiros do século XX, a tarefa principal era a produción doméstica de pan, algo que case desaparecera 80 anos despois. A finais do século pasado, o que ocupaba máis tempo era conducir, pois estas mulleres encargábanse de transportar o resto da familia e, dado o modelo urbano estadounidense, tamén debían conducir para facer compras, acudir a centros médicos, etc. E, a terceira, que as propias necesidades familiares cambiaron co tempo (por exemplo, os procesos ligados ao avellentamento reclaman unha enorme cantidade de coidados que xeran “un segundo ciclo de actividade” posterior ao xerado polo coidado da infancia). En suma, a tecnoloxía é só un dos factores que inflúen na carga de traballo, e os seus efectos son frecuentemente ambiguos, pois ao mesmo tempo reducen e aumentan a carga de traballo. Por iso, na revisión de estudos que realizou a Organización Internacional de Traballo, a previsión do que ocorrerá no futuro é incerta. Depende de moitas variábeis.

II

 As visións unidireccionais sobre o impacto do cambio técnico esquecen ademais cuestións chave que se pasan por alto nas presentacións máis repetidas. Son de salientar cando menos tres cuestións habitualmente omitidas.

 En primeiro lugar, a introdución de cambios tecnolóxicos debe superar a proba do custo. Nunha economía capitalista, as empresas invisten para gañar diñeiro, e xa que logo os investimentos non se deciden só por cuestións tecnolóxicas, senón tamén por rendibilidade. Hai demasiados exemplos de tecnoloxías sofisticadas a introdución das cales se realiza por parte do sector público baseándose en criterios alleo á rendibilidade (desde a enerxía nuclear, pasando polo armamento sofisticado ou os trens de alta velocidade). En segundo lugar, que a dixitalización completa esixe a creación de custosas redes de comunicacións, de pesadas infraestructuras o custo das cales só é pensábel por un masivo investimento público que choca coa realidade de moitos países e coas orientacións das políticas de austeridade. (Desde a revolución industrial sabemos que o papel do sector público foi chave na construción das bases materiais do negocio privado: canles, estradas, internet…). Para rematar, e posibelmente máis crucial: o desenvolvemento da dixitalización supón un novo salto no consumo enerxético global e no uso dunhas materias primas básicas. Algo que parece imposíbel de alcanzar co que coñecemos como os límites materiais da actividade humana. Os defensores da dixitalización global adoitan ignorar os problemas que ocasiona a enerxía e o recurso a minerais específicos.

 Polo tanto, o discurso sobre a fin do traballo adoita ignorar moitas das cuestións que son chave para determinar que cantidade de traballo se desenvolverá. Ou é ignorancia, ou o discurso forma parte dunha campaña propagandística con outros fins.

III

 Falar da fin do traballo en sociedades de emprego asalariado o que pretende é un efecto de disciplina social. Dicir á xente que a súa participación social é redundante, que é prescindíbel, que a sociedade pode pasar sen el. Un efecto disciplinante no individual: se o traballo asalariado tende a desaparecer, é unha especie de lotaría manter o emprego, hai que aceptar o que saia pois sempre é mellor que nada. E tamén no colectivo: se a clase obreira asalariada é un grupo social a extinguir, deixa de ter unha verdadeira capacidade de axencia colectiva, deixa de representar a posibilidade de alternativa social. O seu destino é formar parte paulatinamente dun grupo social subsidiario. Non é un discurso novo, púxose activamente en circulación polos “think tanks” neoliberais, cando se repetía insistentemente a parvada de que o traballo “é un ben escaso” (a maioría de mulleres pode explicar polo miúdo que é unha actividade abundante). E repetiuse paulatinamente nos momentos de crises. Agora estamos nunha nova versión da mesma familia de profecías que buscan “autocumprirse”. Agora dáse outra volta de parafuso, dicir ademais á maioría de poboación, mesmo á educada, que os seus coñecementos van estar obsoletos, que só os moi preparados e moi competitivos teñen espazo.

 Pretende ademais que a sociedade acepte acriticamente o modelo de implantación de novas tecnoloxías. E isto ten un importante impacto potencial para as políticas públicas, xa que se trata de evitar que as regulacións reduzan a rendibilidade dos negocios privados, seleccionen as formas socialmente máis interesantes de usar os coñecementos colectivos ou bloqueen actividades que poden ser moi lucrativas para algúns a custa de xerar custos sociais insoportábeis. Disto tamén vai o eslogan de que o cambio técnico non se pode parar e hai que se adaptar. Isto é o que están promovendo obscenamente os Uber, Amazon, Deliveroos, etc. Que aceptemos como “naturais” a degradación das condicións laborais, a desertización das cidades e a dilapidación ambiental como unha derivada inevitábel do seu modelo tecnolóxico e social.

IV

 O futuro da sociedade humana está sempre cheo de incerteza. As cuestións ambientais cuestionan a viabilidade do crecemento económico e dos modelos de vida dominantes. As desigualdades de xénero, de clase, de nacionalidade e etnia son causa de grandes sufrimentos e conflitos. O cambio tecnolóxico actual impacta sobre estruturas sociais e condicións ambientais. Mais non é, nunca o foi, unha dinámica natural. A meirande parte de cambios técnicos prodúcense na combinación de políticas públicas e decisións individuais, maiormente empresariais. Obedecen a criterios case sempre definidos polas elites que operan en interese propio ou en resposta ás súas propias visións do mundo. Que o seu impacto sexa máis ou menos beneficioso para a xente depende ás veces de obxectivos non buscados, ou de que haxa forzas sociais que o orienten nunha dirección acaída. Por iso, o debate das tecnoloxías non se pode deixar en mans dos expertos, senón que debe ser obxecto dun verdadeiro debate social.

 Os que sosteñen que estamos ante a fin do traballo ignoran ademais a carga e a importancia social do traballo non mercantil. O que realmente debe preocupar sobre o traballo é como se reparte toda a carga de traballo social, como se constrúen regras de xogo onde cada persoa contribúa equitativamente á súa realización. Se nos interesa a relación entre traballo, tecnoloxías e produción, o que debemos determinar é que modelos de consumo, que tipos de produción son compatíbeis cos nosos límites naturais e coa garantía de condicións de vida universais. Interésanos saber os impactos sociais e ambientais de cada tipo de desenvolvemento tecnolóxico (algo que aclara o debate sobre a enerxía nuclear). Interésanos, en suma, unha reflexión colectiva sobre como organizar igualitariamente a vida no planeta, como orientar, á vez, as regulacións institucionais e os desenvolvementos tecnolóxicos máis prometedores. Se queremos falar do traballo non podemos reducilo ao emprego asalariado, senón ao conxunto da actividade laboral.

 E para este debate sobran “gurús” e agoreiros, sobran dogmatismos. O que se require é unha reflexión ordenada, que en lugar de pánicos e euforias xere capacidade analítica e democracia deliberativa.

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, núm. de outubro de 2018]