Volta ao pasado en Grecia... e a esquerda, no seu labirinto

Dabid Lazkanoiturburu - 11 Xul 2019

O electorado grego non dubidou en votar por unha viaxe ao pasado premiando o herdeiro dunha das dinastías responsábel do desastre heleno. Syriza perde mais convértese no referente opositor no magma dunha esquerda que se debate entre o posibilismo e a inacción disgregadora

 O electorado grego optou por castigar a incapacidade –imposibilidade- da Syriza de Alexis Tsipras de se enfrontar ás esixencias da Unión Europea en materia de recortes sociais, o que o levou a votar maioritariamente por unha viaxe ao pasado devolvendo o goberno á dereita de Nova Democracia, corresponsábel xunto co socialdemócrata Pasok dunha deriva que descubriu no contexto da crise global de 2008 que Grecia era un Estado económica e socialmente falido.

 O triunfo por maioría absoluta de Kyriakos Mitsotakis -posíbel polos 50 deputados adicionais cos que a derrogada en 2016 pero o domingo aínda vixente lei electoral premiou a formación máis votada- supón ademais o regreso ao poder das grandes dinastías políticas do país heleno. O primeiro ministro electo é fillo de Konstantinos Mitsotakis, quen exerceu o mesmo cargo nos noventa, a súa tía foi ministra de Exteriores e de Cultura e o seu sobriño exerce hoxe a Alcaldía de Atenas.

 O incontestábel triunfador das eleccións do pasado domingo aduce que as súas relacións familiares supoñerían máis dificultades que impulsos á súa carreira e preséntase como «liberal» en relación aos seus devanceiros pero engana a poucos en Grecia. Menos cando se bota unha simple ollada á súa biografía, con estudos nas prestixiosas universidades de Harward e Stanford, o seu traballo en consultoras financeiras e bancos e a súa etapa de ministro de Reforma Administrativa entre 2013 e 2015 durante o mandato de Antonis Samaras.

 Unha etapa na que a Konstantinos Mitsotakis non lle tremeu o pulso para impulsar recortes draconianos contra funcionarios e empregados laborais, recortes que ao cabo posibilitaron daquela a vitoria electoral da coalición de esquerdas de Syriza, liderada por Tsipras.

 Como é posíbel que Nova Democracia logre catro anos despois o 39,8% dos votos -en 2015 quedou nun 28%- , condenando a sociedade grega a viaxar nunha máquina do tempo a un pasado que está en boa parte, e coa complicidade da UE e dos acredores alemáns, na orixe do drama que sofre o país?

 O primeiro factor a ter en conta é o voto de castigo a Syriza. Máis que ante un voto de castigo sensu stricto estariamos ante unha suma de factores como a mobilización do voto contra a esquerda, alimentada pola carraxe de sectores da clase media encabuxados polo incremento de impostos decretado por Tipras.

 O seu rival fixo campaña prometendo unha rebaixa non menos draconiana de impostos, que terá como primeiros beneficiarios as empresas cunha redución en case 10 puntos do imposto de sociedades. Mitsotakis, que prometeu onte o cargo «en nome da santísima e indivisíbel Trindade», asegura que a diminución de ingresos fiscais será suplida por un crecemento económico anual do 4%, unha previsión que os economistas miran cunha mestura de retranca e desconfianza.

 A ese voto seducido polo falso axioma neoliberal -a baixada de impostos xera riqueza para todos?- súmase a deserción do voto novo, que en 2015 optou polas esperanzas xeradas por Syriza.

 De pouco lle serviu a Tsipras rebaixar a idade para votar aos 17 anos. Xa nas eleccións ao Parlamento de Estrasburgo do 26 de maio foron máis os mozos que votaron a Nova Democracia que á coalición de esquerda. Pero foi a abstención xuvenil, máis que o voto activo, o que castigou a Syriza.

 Este cansazo explícase perfectamente polo feito de que un de cada dous mozos está en paro e que moitos dos que non están na listaxe de desemprego foxen ao exilio europeo ou canadense na procura de futuro.

 Outro elemento sobre o que os grupos mediáticos que desde Europa saborean a derrota de Tsipras ten que ver coa súa decisión de acordar unha saída ao contencioso histórico coa Antiga República Iugoslava de Macedonia, polo que esta pasou a chamarse Macedonia do Norte, o que lle abre oficialmente as portas da UE e da OTAN pero que indignou o 60-70% do electorado grego, sobre todo na rexión de Macedonia e a súa capital, Salónica.

 A decisión, fortemente aplaudida en Europa Occidental, e que supón o arranxo pacífico dun litixio nos sempre convulsos Balcáns, supuxo o final da coalición de goberno entre Syriza e a formación panhelena dos Gregos Independentes, que desapareceu do mapa. É difícil calibrar o impacto desta cuestión nas eleccións pero non hai dúbida de que o tivo, máis no seo dunha sociedade que suple as súas crises existenciais con antigas saudades e vellas rivalidades, como a que historicamente a enfronta a Turquía.

 Con todo iso e máis, sorprende mesmo que Syriza recollese o 31,5% de votos, cando as enquisas agoiraba unha desfeita por baixo do 25% e apuntaban a que quedaría 15 puntos por detrás da dereita. A coalición de esquerda perde só catro puntos con respecto a 2015, cando tras convocar e gañar un referendo contra os recortes-ameazas da UE deu marcha atrás e volveu convocar eleccións para lexitimar o seu aggiornamento.

 Foi o 23% que Syriza obtivo nas eleccións europeas de maio o que levou a Tsipras a adiantar nuns meses as eleccións nun salto adiante co que soñou que podía retomar a iniciativa e dar un cambio aos pronósticos, táctica que ao longo da súa lexislatura lle deu non poucos resultados.

 É evidente que esta vez fallou, pero sen dúbida sorprende o feito de que os mesmos que viron con malos ollos a irrupción de Syriza no medio da grave crise iniciada hai unha década a acusen agora de incumprir as promesas polas que acusaban de populista o movemento. E que saúden agora as promesas non menos populistas -desde o outro extremo- e posibelmente menos realizábeis de Mitsotakis.

 Na mesma liña, moitas análises certifican o regreso da estabilidade política e do bipartidismo a Grecia. E non lles falta razón, agás polo feito de que un dos dous protagonistas desa bipolarización é a propia Syriza, que xunto con Nova Democracia suma o 70% dos votos.

 Traso seu paso polo poder -foi o único partido en completar a lexislatura na historia recente do país- a formación de Tsipras convértese na alternativa á dereita fronte a un Pasok (histórica formación socialdemócrata helena) que, baixo as siglas da coalición de centro Kinal, quedou cun 8%, dous escasos puntos por riba respecto de 2015. Polo que toca ao partido Mera25, do exministro de Finanzas Yanis Varoufakis, conseguiu cun 3,4% superar o límite para lograr a representación no Parlamento, o que permite a irrupción de quen foi abandeirado do rexeitamento á chantaxe da UE durante as «negociacións» de 2015. Totalmente distanciado con Tsipras, a formación de Varoufakis recolleu parte do voto desencantado con Syriza pero está a anos luz de conformar unha alternativa. Como lonxe están os comunistas, unha formación endogámica e de molduras estalinistas que sempre consegue os mesmos -parcos pero dignos- resultados nas eleccións gregas.

 Outra cousa é o debate en torno ao futuro da esquerda, non só grega senón a escala europea, nuns tempos nos que a dereita está á baixa pero segue tendo pulso, sobre todo no leste, e nos países en que a socialdemocracia se escora ao centro mesmo nos seus históricos feudos, como os países nórdicos.

 Sen esquecer á extrema dereita que, fronte a análises prematuras, non desapareceu en Grecia senón que se diversificou ao irromper no Parlamento unha nova formación, Solución Grega, que deixou os neonazis de Amencer Dourado a décimas do 3% para ter representación e escanos.

 En fin, que á esquerda grega, como á europea, ten por diante anos de oposición e dunha tarefa hercúlea na que deberá superar a dicotomía entre unhas promesas que é incapaz de cumprir e un posibilismo que a limita como proxecto.

 

[Artigo tirado do xornal vasco Gara, do 9 de xullo de 2019]