Volta á ría de Ferrol para esixir carga de traballo e investimentos para os estaleiros
Traballadores e traballadoras de Navantia e das industria auxiliar realizaron esta mañá unha marcha a pé de 16 quilómetros que deu á volta á ría de Ferrol en demanda de carga de traballo inmediata para os estaleiros e que se fagan os investimentos necesarios para actualizar e ampliar as instalacións.
A marcha saíu por volta das dez menos cuarto da mañá da porta de Navantia, cruzou a Ponte da Pías, seguiu pola estrada de Neda, percorreu un tramo da AP-9 e volveu entrar en Ferrol pola estrada de Castela para rematar no punto de inicio. Esta protesta realízase, ademais, na véspera de que o último barco para a armada australiana abandone o estaleiro de Ferrol "polo que as gradas quenda sen nada", subliñou o secretario da sección sindical da CIG, Marcelino Amado.
Sen obra nova na grada
O representante sindical lembra que non hai encargos de obra nova até que comece o corte de chapa das Fragatas F-110, cuxo inicio se foi atrasando e non está previsto, cando menos, até o segundo trimestre de 2022, polo que as instalacións entrarán en subactividade e o persoal das auxiliares non terá máis alternativa que ir ao desemprego.
Para paliar esta falta de traballo, a representación social demanda a construción dun buque loxístico para a mariña, do estilo do 'Patiño', ante a súa posíbel venda ou alugueiro a Portugal. "Ademais, a mariña xa ten manifestado que necesita dun novo barco deste tipo, que podemos construír aquí. Esta é unha decisión política e tense que tomar de inmediato, porque xa hai moito traballo de enxeñería feito que nos permitiría comezar a cortar chapa moito antes de que se inicien os traballados das F-110", explica Amado.
Onte mesmo, a representación social mantivo un encontro co novo Delegado do Goberno a quen lle reiteraron a necesidade de conseguir carga de traballo "porque é a necesidade máis urxente que temos", mais tamén que se fagan investimentos para garantir que os estaleiros da ría teñan futuro. "Dende a SEPI estánsenos negando e cuestionando as novas instalacións que nos presentaron hai catro anos no plan estratéxico, incluíndo o dique cuberto, que é unha infraestrutura fundamental", subliña Amado, quen engade que acometer estas obras "tamén suporían dotarnos de carga de traballo".
O dique, investimento fundamental
Neste senso, insiste en que "este é o investimento que ten que facer o Goberno español en Ferrolterra. A construción do dique implica pór a Navantia no futuro, tal e como xa están facendo noutros estaleiros de Europa. Se non se levanta esta infraestrutura teremos moi complicado poder competir no mercado naval civil e incluso no militar, pois quedaremos coas peores instalacións do grupo", advirte.
Xunto a isto, critica que mentres se negan os investimentos para Ferrol e novos encargos "se estea dotando con carga de traballo outros centros de Navantia". Por iso, para o representante da CIG cómpre seguir coas mobilizacións "porque estas decisións que hai que adoptar son políticas e só conseguiremos que se tomen presionando o Goberno na rúa". E chama ao conxunto dos traballadores/as e da veciñanza a participar das accións de protesta "porque esta non é problema de Navantia, é un problema de toda a comarca", tendo en conta a dependencia económica do sector naval.