Viveiro acollerá o domingo 3 unha manifestación para esixir solucións de futuro para a fábrica de aluminio
Viveiro acollerá o próximo domingo, 3 de novembro, unha manifestación para esixir solucións que garantan a continuidade da actividade e do emprego no complexo industrial de San Cibrao. A mobilización enmárcase no calendario de protestas semanais que se están a desenvolver nos diferentes concellos da comarca da Mariña, pero que nesta ocasión se trasladou ao domingo e en formato manifestación, con saída ás 12:00 horas dende o Casino.
A manifestación agárdase que sexa multitudinaria na liña das concentracións semanais que xa se realizaron até agora nos concellos de Xove, Cervo (San Cibrao) e Burela e que aglutinaron a milleiros de mariñás e mariñaos.
"As solucións seguen sen chegar"
O presidente do comité e delegado da CIG, Xosé Paleo, advirte que está en xogo o futuro industrial da Mariña e que malia a gravidade da situación "seguen sen chegar as medidas necesarias para garantir a continuidade da produción de aluminio primario e dos empregos". Neste senso, lembra que é fundamental aprobar unha tarifa industrial máis xusta, estábel e predicíbel que permita producir e competir en condicións semellantes ás do resto de fábricas de aluminio de Europa.
Este novo marco regular da enerxía precisa da aprobación do estatuto do consumidor electrointensivo que o goberno do PSOE se comprometera a aprobar xa antes das eleccións do 28 de abril, pero que continúa sen avances e sen coñecerse sequera o seu contido. De feito, a día de hoxe non se concretou aínda a reunión á que se comprometera a ministra de Industria na súa visita ás instalacións de San Cibrao e na que, supostamente, desvelaría o contido do estatuto.
"O único que pasou dende esa visita foi a publicación da axudas por compensación de CO2, que non supoñen unha solución. É un paso máis, pero que nos deixa moi lonxe de chegar a bo porto. O único que pode facer é que as contas do grupo de empresas (alúmina e aluminio) dean beneficios e que Alcoa teña este resultado en conta para atrasar as medidas de axuste que, se non hai cambios normativos urxentes, todo apunta que nos van aplicar", alerta Paleo.
Este mércores, ademais, o comité reuniuse co conselleiro de Industria que lles foi informar das medidas en materia enerxética trasladadas pola Xunta ao goberno español "que son as que a Administración autonómica xa presentara no seu día".