Vitrasa dá por rotas as negociacións do convenio tras insistir nas mesmas propostas que en xuntanzas anteriores
A dirección de Vitrasa, concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo, deu por rotas as negociacións para renovar o convenio colectivo tras insistir na xuntanza de mediación celebrada onte nas mesmas propostas presentadas nas dúas últimas reunións. Pola súa banda, o comité de empresa intentou desbloquear o conflito aceptando rebaixar as súas pretensións de suba salarial.
Segundo explican dende a representación da CIG no comité de Vitrasa, na mediación do AGA a empresa volveu repetir a oferta realizada nos dous encontros anteriores, polo que o único movemento que se produciu foi pola banda da parte social, que se amosou disposta a reducir o incremento salarial para compensar a suba do IPC que se produciu nos tres anos que leva caducado o convenio. De xeito que a representación do persoal estaría disposta a aceptar un 2,5% en 2021 e 2022 a pesar de que a perda de poder adquisitivo dende 2021 elévase até o 16%.
Non hai que esquecer que estas demandas serían unicamente o punto de partida para comezar unha negociación e permitiría a desconvocatoria da folga indefinida iniciada hai xa tres meses, sempre e cando os traballadores/as aceptasen o acordo en asemblea. Mais a negativa da empresa non fai máis que intensificar o conflito “e condena a cidade a seguir coas mobilizacións”, tal e como sinalou o presidente do comité, Imanol Arnoso, da CIG.
Arnoso insiste en que a solución depende do Goberno local, xa que unha vez que a Oficina Nacional de Avaliación non vai emitir o informe solicitado polo Concello a respecto do reequilibrio á empresa polas perdas durante a pandemia “entendemos que é o alcalde quen ten que aclarar en que situación se atopa o proceso, xa que isto vai determinar a actuación de Vitrasa”.
Continúan as mobilizacións
Ao mesmo tempo, o representante sindical incidiu en que nestes momentos a empresa atópase cómoda co conflito e cos servizos mínimos establecidos polo Concello, “tendo en conta que con 49 autobuses diarios cheos de viaxeiros/as a súa rendibilidade aumenta de xeito considerábel”.
En canto ás sancións impostas pola empresa aos traballadores/as e membros do comité, indicou que o primeiro xuízo anulouse o luns porque se solicitou o agrupamento de todos os procesos, aínda que a compañía se negou. “Se non fose por isto o xuízo teríase celebrado, deixando sen efecto a proposta de Vitrasa de retirar as sancións”.
Finalmente lembrou que as mobilizacións do cadro de persoal continúan a diario dende as 8:00 horas mentres se manteña a folga indefinida. Para este xoves hai convocada tamén unha manifestación dende a Praza dos Cabalos ás 19:00 horas por parte da Federación de Asociacións Veciñais de Vigo Eduardo Chao (Favec) en apoio da loita do persoal de Vitrasa e por un servizo de transporte de calidade. Pola súa parte, os traballadores/as celebrarán a xa tradicional marcha a pé dos venres polo centro da cidade, con saída da Praza dos Cabalos ás 19:00 horas.