Visto para sentenza o primeiro dos catro xuízos polos despedimentos en Montelnor
Os catro empregados foron despedidos por Montelnor tras participar na folga convocada o ano pasado contra a precarización laboral que se prolongou durante 40 días e despois de que presentasen varias denuncias contra a empresa para reclamar horas extras, categorías e produtividades.
Dende a CIG explican que Montelnor alegou causas obxectivas -en concreto motivos económicos- para xustificar a decisión, “cando ten máis de 50 traballadores/as subcontratados/as e tamén subcontratou traballos a outras empresas”. Ao mesmo tempo, lembran que a pesar de que estes empregados/as desenvolven o seu labor para Telefónica-Movistar “non se lles aplica o convenio do Metal, senón que teñen un sistema de puntos que implican xornadas de até 10 horas diarias, sábados incluídos”.
Neste senso, denuncian que Montelnor está inmersa nun proceso de pracarización laboral e pretende desfacerse do persoal que está rexido por convenio colectivo. “Telefónica-Movistar é responsábel desta situación porque foi informada do que acontece e non fixo nada ao respecto”, critican.
Diante disto, a central reclama a nulidade dos despedimentos ao considerar que atentan contra os dereitos duns traballadores/as “que o único que queren é cumprir o convenio e denuncian a empresa porque o incumpre”.