Visita guiada á exposición “O Sindicalismo Galego na Transición (1972-1977)”
A Asociación Cultural O Galo organiza, este mércores día 29 de marzo, ás 19:30 horas, unha visita guiada á exposición “O Sindicalismo Galego na Transición (1972-1977)”, que estará aberta ao público no claustro do Pazo de Fonseca até o vindeiro día 31 de marzo.
O profesor da Universidade da Coruña e comisario da exposición, Uxío Breogán Diéguez, será o encargado de explicar os acontecementos plasmados nos 13 paneis que a conforman, nos que se aborda, cun enfoque divulgativo, a xénese, desenvolvemento e consolidación do sindicalismo nacionalista no contexto de pulo do movemento obreiro galego, nos últimos anos do franquismo e na Transición.
A exposición, organizada pola Fundación Moncho Reboiras, contou coa colaboración económica da Deputación da Coruña, a través do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes, e antes de chegar a Compostela pasou previamente polas cidades da Coruña e Ferrol.
Forma parte, ademais, dun proxecto de divulgación cultural que pon en valor o traballo de arquivo e documentación histórica da Fundación Moncho Reboiras, depositaria do arquivo da CIG e de fondos do sindicalismo nacionalista.
A súa ubicación, no claustro do Pazo de Fonseca, foi posíbel grazas á colaboración da Universidade de Santiago e da Agrupación Cultural O Galo.