“Vigo precisa un revulsivo que parta das rúas e centros de traballo”
O secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberte Gonçalves, compareceu ante os medios a dous días da manifestación que o vindeiro mércores 30 de novembro aspira a amosar nas rúas o rexeitamento da narrativa oficial sobre a suposta recuperación económica. Para ilustrar a situación na que se atopa a clase traballadora da comarca valeuse dun informe que detalla a gravidade dos principais indicadores socio-económicos, exhortando a retomar a mobilización e o conflito “como única forma de mudar de raíz as políticas económicas, laborais e sociais que provocan a situación actual”.
A marcha do vindeiro mércores 30 de novembro partirá ás 20h desde a Dobrada baixo o lema “Contra a precariedade laboral e o desemprego, traballo digno na nosa terra, e forma parte da mesma que campaña que xa deu lugar á manifestación do pasado 20 de setembro.
O secretario comarcal negou na súa intervención que existisen síntomas de recuperación económica. Moi ao contrario, continúa a agonía produtiva, laboral e social da bisbarra que levamos anos denunciando, e que se recolle nun informe de recente elaboración correspondente ao período comprendido entre xaneiro e outubro de 2016.
4 ideas que resumen a situación actual da comarca de Vigo
- Continúa a destrución de emprego.
- O sector industrial segue a adelgazar.
- Rexístrase un preocupamente aumento da precariede laboral.
E resultado dos tres elementos anteriores combinados:
- O empobrecemento e a pobreza son a realidade cotiá de milleiros de persoas.
“A principal novidade en relación ao primeiro semestre do ano é que agora até as propias estatísticas oficiais confirman de maneira clara a nosa denuncia de que de recuperación nada de nada”, sentenciou.
Os últimos datos do paro reflicten un claro estancamento, con máis de 51 mil persoas desempregadas
De feito, os últimos datos do paro rexistrado reflicten un claro estancamento, rompendo a tendencia anterior, manténdose estábel en máis de 51 mil persoas desempregadas. Para maior preocupación en outubro o paro rexistrado aumentou de xeito significativo, por enriba do promedio galego e estatal.
Esta situación, para Alberte Gonçalves “lévanos a alertar de que estamos diante dun risco real de cronificación do problema do desemprego, algo que ameaza que nalgún momento se poida producir unha recuperación económica.” Tamén continúa a destrución de postos de traballo. Só na cidade de Vigo, en outubro deste ano había 3.300 persoas menos traballando que o ano anterior.
A recuperación do PP é, para a CIG de Vigo “no mellor dos casos, miseria repartida cun reparto de postos de traballo temporais e con salarios de miseria, e no peor emigración e pobreza”.
Éxodo migratorio
- A poboación activa descendeu en 8.900
- Pola contra, a poboación inactiva apenas aumentou en 4.100 persoas
- A diferenza de 4.800 confirma que continúa o éxodo migratorio.
Datos do último ano (de terceiro trimestre de 2015 a terceiro trimestre de 2016)
Cada mes, 9 de cada 10 dos contratos que se asinaron foron eventuais
Engádese o continuado aumento da precariedade laboral. Cada mes, 9 de cada 10 dos contratos que se asinaron foron eventuais. Hai cada vez un maior número de contratos a tempo parcial. A nivel sindical constátase tamén un retroceso nas condicións salariais e laborais, non só nas novas contratacións, senón no conxunto do mundo do traballo.
Tamén se observa con especial preocupación a desertización produtiva no ámbito industrial. Só na cidade de Vigo, entre o terceiro trimestre de 2015 e o deste ano, desapareceron 3.900 postos de traballo na industria, como se recolle nas cifras de ocupación da EPA.
O Sector Naval volta dar síntomas de coma produtivo
- Capacidade prodiutiva do naval da ría de Vigo: 50% do conxunto do sector naval en todo o Estado.
- Pedidos que en xullo de 2016: 25% do total do Estado.
- Escaso alcance dos pedidos. A carga de traballo só atinxe o 12% da capacidade.
- O noso naval traballa moi por debaixo do seu potencial, ao marxe de anuncios electoralistas que nunca se confirmaron en realidade, como demostra a recente cancelación dun segundo flotel de Pemex en Barreras.
Momento difícil na Automoción
- Crecente precariedade: cada vez un maior número de persoas traballando a tempo parcial.
- Hai cada vez máis persoal con salarios menores a 800€
- Importante recorte en dereitos e condicións laborais.
- Nos últimos anos en Galiza destruíronse 2 mil postos de traballo, mentres en Portugal se crearon 6 mil.
A ameaza de deslocalización empresarial e o bloqueo por parte da patronal da negociación colectiva, son factores que agravan inda máis a situación xeral.
Para facerlle fronte desde a CIG reitérase a exixencia de que se poñan en marcha medidas concretas, que van no sentido contrario das políticas do Partido Popular, que supoñen a ruína da clase traballadora galega.
Reivindicacións da CIG
- Posta en marcha dun Plano de desenvolvemento industrial para a bisbarra, con intervención pública directa, para reactivar a actividade produtiva e crear emprego estábel e de calidade.
- Aplicar a Lei do sector naval e crear un Plano galego para a industria da automoción.
- Plan integral de recuperación da Ría de Vigo, para desenvolver as súas potencialidades en pesca e marisqueo. Fin da exclusión da flota galega nos acordos pesqueiros da UE.
- Derrogación das reformas laborais, de negociación colectiva e das pensións, e da lei mordaza.
- Redución da xornada laboral cara ás 35h semanais e limitación das horas extraordinarias, para repartir o traballo.
- Eliminación das ETTs, limitación da contratación temporal e a tempo parcial.
- Aumento dos salario mínimo interprofesional e creación dun salario de inserción laboral e social para todas as persoas desempregadas que esgotaron as prestacións ou subsidios.
- Reactivación da negociación colectiva e avantarmos cara a un Marco Galego de Relacións Laborais.
- Fin dos recortes e reforzo dos servizos públicos, como o ensino e a sanidade
É tempo de dar a batalla, de pelexar polo que por xustiza merecemos
Por todo isto, a central nacionalista chamae o conxunto da clase traballadora a se mobilizar este próximo xoves 30. Segundo o secretario comarcal “desde o convencemento de que a mudanza que precisamos só vai chegar se a empurramos nós, desde abaixo, a través da mobilización e o conflito.”
Unha loita que se debe producir “desde os centros de traballo até as rúas, actuando de maneira unificada e organizada a través do sindicato.” “Non é tempo nin de pactos de salón, nin de concertación, nin de entreguismos. É tempo de dar a batalla, de pelexar polo que por xustiza merecemos. E aí, a clase traballadora sabe que pode contar coa CIG”, puntualizou.