Vidal: "A folga nas auxiliares demostra que o persoal está disposto a organizarse e mobilizarse para recuperar os seus dereitos"
A pasada semana tiña lugar a primeira xuntanza da Mesa paritaria do sector naval da Ría de Ferrol para abordar as condicións laborais e salariais do persoal das auxiliares de Navantia. A primeira reunión celebrada tras os 22 días consecutivos de folga que levaron adiante os traballadores e as traballadoras e a primeira na que a patronal non vetou a presenza da CIG. Este xoves está prevista unha nova negociación, no marco das xuntanzas semanais acordadas, na que a CIG-Industria volverá reivindicar a aplicación dos acordos de 2001, "porque esta é a reclamación que fan as traballadoras e os traballadores das auxiliares".
Este é un sector maduro que quere ter voz propia para decidir as súas condicións laborais e salariais e reivindicar o protagonismo a nivel sindical que xa teñen a nivel produtivo"
Así o explica Vicente Vidal, secretario comarcal da CIG-Industria de Ferrol, quen destacou o valor da loita que, a pesar dos múltiples ataques e tentativas de deslexitimación, está a desenvolver este persoal para recuperar os dereitos que lle foron roubados. Neste senso, recalcou que despois da votación na que se acordou a suspensión temporal do paro, "había 500 traballadores/as dispostos/as a seguir adiante coa folga para reclamar o cumprimento dos acordos retributivos de 2001 e a súa inclusión nun marco legal que lles dea eficacia".
Para o sindicalista, esta folga tamén serviu para deixar claro o desacordo do persoal "coa imposición unilateral" de condicións de traballo e salariais por parte das empresas, así como co feito de que isto se produza a través de negociacións individualizadas.
"Aguantar a folga durante 22 días demostra que este é un sector maduro que quere ter voz propia para decidir as súas condicións de traballo e as súas condicións salariais e reivindicar o protagonismo a nivel sindical que xa teñen a nivel produtivo. Neste demanda, a CIG foi o único sindicato que demostrou estar do lado dos traballadores/as". Por iso, Vidal valorou que a suspensión da folga "non é un cheque en branco. E imos seguir demandando o que nos pediu o persoal: que se apliquen os acordos ".
En cuestión o modelo sindical que quere impor Navantia
Xunto a isto, o secretario comarcal de Industria subliñou que a CIG sempre cuestionou o modelo sindical que Navantia quere instalar en Ferrol, impulsando un modelo de empresa de síntese no que a industria auxiliar "é carne de canón sen voz nin capacidade de decisión". Fronte a isto, o conflito sostido polo persoal revela que este sector "está disposto a organizarse e mobilizarse e que non vai consentir que as cúpulas de determinadas organizacións sindicais dedican por eles e por elas. Queren ser partícipes desas decisións e como CIG estaremos aí para apoialas", afirma Vidal.
A CIG demostrou ser a única central coa vocación inequívoca de defender os intereses da clase obreira, fóra de acordos institucionais e de cúpulas"
Insiste Vidal no feito de que para rachar coa dinámica sindical que Navantia quere impoñer "cómpre unha central sindical sen ataduras nin pactos baixo corda coas empresas, comezando coa propia SEPI. A CIG demostrou ser a única central en disposición de facer a labor de organización e representación do persoal da industria auxiliar, porque é a única central sindical coa vocación inequívoca de defender os intereses reais da clase obreira galega, fóra de acordos institucionais e de cúpulas".
Recuperación dos dereitos
Coa vista posta na mesa de negociación, Vicente Vidal matiza que dependerá da actitude das empresas que a folga se reactive ou se desconvoque de maneira definitiva. En todo caso, "a CIG mantén o compromiso de defender nesa mesa a recuperación de dereitos, é dicir as táboas do 2001, de manter puntualmente informado a todo o colectivo, e forzar asembleas e votacións, segundo se vaia avanzando no proceso de negociación".
E remata lanzando un chamado: "se o persoal da industria auxiliar quere deixar de ser considerado carne de canón, tanto por Navantia como polos sindicatos españois, terá que ir gañando en conciencia, en unidade, e en organización. E este conflito representa un paso de xigante nese camiño".