Vía Galega sae ás rúas de preto de 50 concellos para denunciar que “Non emigramos, expúlsannos”
Centos de persoas sumáronse ás concentracións convocadas por Vía Galega en preto de 50 concellos de toda Galiza para denunciar a sangría poboacional que supón o feito migratorio e para exixir a súa reversibilidade de cara a garantir o futuro da nosa nación.
Ao remate das concentracións deuse lectura a un manifesto no que se lembra que Galiza conta cunha riqueza e recursos naturais e enerxéticos innegábeis e que “atesouramos un territorio con múltiples posibilidades produtivas. Somos unha nación con grandes potencialidades para asegurármonos un futuro de benestar para todas e todos os galegos e rematar, así, coa emigración”.
Denúnciase que, porén, milleiros de galegas, nomeadamente, desde mediados do s. XIX, víronse condenados a ter que marchar lonxe da Terra para buscar traballo. Todo un drama persoal, máis tamén nacional e social. A emigración provoca desgarro familiar, desarraigamento e despoboación. Conduce ao subdesenvolvemento económico, a falta de estima colectiva e a perda de horizonte de futuro como país.
A emigración galega, lamentabelmente, non é pasado. É unha triste realidade que nos continúa golpeando e ameazando como pobo. Nos últimos 10 anos (2008-2017) emigraron de Galiza 216.413 persoas con idades comprendidas entre os 16 e 54 anos. Idades entre as que se concentran a maior parte das persoas demandantes de emprego.
Nese período, 79.529 persoas con idades comprendidas entre os 16 e os 29 anos abandonaron o noso país. Mozas e mozos que ante a falta de perspectivas de realización persoal e laboral tiveron que coller a maleta para se gañar a vida fóra. Unha desfeita para Galiza, que se esforzou en formar cos seus impostos a unha xeración para que, porén, o seu coñecemento e o seu traballo contribúa ao progreso e desenvolvemento doutros territorios en vez de reverter no propio país.
O impacto da emigración constatase no noso devalo demográfico e no avellentamento da poboación. A poboación activa de Galiza (persoas entre 16 e 65 anos que están traballando ou buscan emprego) non chega, hoxe, nen sequera, a supor a metade da nosa poboación.
A poboación de Galiza, no ano 1900, representaba o 10.6% do total da do Estado Español e duplicaba a media estatal. En 1950 situábase no 9,3% e en 2018 era só do 5,7%. É dicir, o peso relativo da poboación de Galiza no Estado español reduciuse á metade. A nosa densidade de poboación situouse por vez primeira por baixo da media. Se non lle poñemos remedio a esta sangría poboacional, a viabilidade futura de Galiza estará en perigo.
Mais, como se explica que sendo Galiza un país con grandes recursos naturais e enerxéticos, múltiples potencialidades e capacidade produtiva e de traballo continúe emigrando?
A explicación hai que buscala na nosa subordinación política e na condición periférica e dependente da nosa economía. A nosa relación colonial co estado condenounos a ser fornecedores de recursos naturais, a ser man de obra barata, a drenar o noso aforro para o exterior e a que se apropien do noso excedente para beneficio da burguesía española. A falta de poder político, de soberanía para decidir, someteu a Galiza aos intereses da oligarquía española, das grandes potencias económicas da UE e do seu capital financeiro. Isto é o que explica a destrución de parte importante da nosa base produtiva, o espolio dos nosos recursos, o desmantelamento industrial e do sector agrario e gandeiro. Todo isto
contribuíu ao desemprego, aos baixos salarios, á precariedade laboral, á ausencia de políticas sociais ambiciosas, ao devalo demográfico e ao aumento da emigración.
Por iso Vía Galega exixe:
Que a Xunta de Galiza asuma a emigración galega como un drama social e nacional. Que conciba este problema como unha emerxencia nacional e outorgue prioridade ás políticas que ataquen as súas causas. Impulse políticas que aseguren o dereito a un traballo digno na terra e creen as condicións para favorecer o retorno das nosas persoas emigradas.
Constituír no seo do Parlamento galego, unha ponencia sobre a emigración galega, co obxecto de que, no prazo máximo de cinco meses, estude e propoña as medidas e políticas necesarias para rematar con este drama que ao longo da historia e actualmente golpea ao Pobo Galego.
Deben ser eixos destas políticas:
A defensa da base produtiva do país e dunha economía autocentrada, que contemple un plano de desenvolvemento industrial e mobilice os enormes recursos que posuímos para xerar a riqueza e emprego en Galiza.
A creación de emprego digno e de calidade.
O desenvolvemento de políticas sociais que aseguren a igualdade e favorezan, a conciliación da vida laboral e familiar, a atención á dependencia e o fortalecemento dos servizos públicos.
A posta en marcha de políticas que promovan e lle dean forza aos sectores estratéxicos e ao tecido industrial de Galiza, nomeadamente ao agropecuario, forestal, marítimo-pesqueiro , enerxético, I+D+i e TIC.