Vía Galega presenta o manifesto “Galiza, un Pobo, unha selección”
A Plataforma Vía Galega presentou o manifesto “Galiza, un Pobo, unha selección” para reclamar o dereito a conformar seleccións galegas en todos os deportes e a competir a nivel oficial e internacional. Este manifesto que se pode consultar e adherir na web www.viagalega.gal “enmárcase nunha ampla campaña a prol das nosas seleccións que será presentada proximamente”, segundo explicou Anxo Louzao, portavoz de Vía Galega.
Con este manifesto quérese reclamar que deportistas poidan competir baixo a bandeira galega e exhibila cando soben ao podio, ademais de galeguizar o deporte e impulsar a igualdade de xénero. Con esta campaña, trátase de promovelo entre deportistas, adestradores, federacións, entidades deportivas, peñas e cidadanía en xeral para expresar o dereito de Galiza a estar representada, como tal, en todas as disciplinas deportivas.
“Vimos de comprobar como en citas deportivas tan importantes como a Eurocopa de fútbol e os Xogos Olímpicos, Galiza, como nación, estivo excluída é, por tanto, ausente destes dous eventos”, sinalou. “Porén, participaron deportistas galegos e galegas, pero non como delegación propia”, engadiu.
Segundo explicou Anxo Louzao, no eido deportivo, como moitos outros, “prohíbese que nos manifestemos, mostremos, como galegos e galegas”. A finalidade é “borrar os nosos sinais de identidade e impedir calquera avance que reforce a nosa autoestima como pobo”.
“Na Galiza a situación de orfandade e desleixo é total, nin a Xunta nin a Federación Galega de Fútbol son favorábeis a organizar, nin tan sequera, encontros internacionais amigábeis coas nosas seleccións, interrompendo, así, a etapa iniciada, no 2005, polo BNG que polo daquela estaba á fronte da Secretaría Xeral de Deportes”, sinalou. “Desde que o PP retomou o Goberno da Xunta (2009) tivo moi claro que había que paralizar estas competicións, aínda que foran amigábeis, nas que o pobo vibraba e sentía como propias”, explicou. “Daquela Galiza visualizábase como nación, eran as nosas cores, o noso himno, a nosa selección que nos representaba e nos identificaba como galegos e galegas”, lembrou. A razón para esta parálise é evidente, queren reprimir “calquera manifestación, símbolo ou actuación que cree cohesión e conciencia nacional e mostre a vontade de sermos nós mesmos”.
Unir voces para que Galiza poida competir en todos os deportes
Así, Vía Galega avoga por unir todas as voces para levantar un movemento reivindicativo para que Galiza, como nación, poida competir en todas as modalidades, categorías, niveis e disciplinas deportivas. “Precisamos, para isto, rachar coa nosa dependencia das federacións españolas e crear a nosa organización propia e soberana; necesitamos termos todas as competencias porque, do contrario, continuarán existindo todo tipo de trabas para que Galiza non teña recoñecido o dereito a competir oficialmente”, afirmou.
Desde Vía Galega esíxese poder competir oficialmente e internacionalmente sen ningunha limitación, como o veñen de facer Escocia e Gales que, sen ter estado propio, representaron os seus países na Eurocopa. “Trátase de reforzar a autoestima; contribuír á conciencia nacional; galeguizar o deporte e impulsar a igualdade de xénero”, proseguiu.
Competir, tanto individualmente como colectivamente, baixo a bandeira galega “contribúe á cohesión nacional e a crear conciencia colectiva de pertenza a un pobo”. “Queremos exercer o dereito que lle asiste a todo pobo: recoñecerse e verse representado nos seus símbolos e non nos que lle son alleos, pois só as seleccións deportivas galegas son as que sentimos e nos identifican, como o que somos, galegos e galegas”.
Na rolda de prensa estiveron presentes Alexandre Sanmartín Costa, adestrador da selección galega masculina de fútbol gaélico; Pablo da Silva Rocha, adestrador da selección galega feminina de fútbol gaélico; Pedro Gómez Val, presidente do C. Xabaríns-volei.Lugo; Serafín Carballo Carballeira, subcampión do Estado Español de 1500 m; e Anxo Amado, directivo do Santiago-Futsal; ademais de representantes da coordenadora de Vía Galega como Anxo Louzao, Xiana Melón, Lucía López Sobrado, Manuel Rodiño, Cosme Pombo, Olaia Chaves, Carlos Vieito e Iria Méndez.
Aquí podes ler e asinar o manifesto