Vía Galega presenta o Congreso "Recoñecemento Internacional de Galiza Nación"
A Plataforma Social en defensa dos dereitos nacionais da Galiza, Vía Galega, presentou esta mañá, en rolda de prensa, o Congreso que, baixo o título "Recoñecemento Internacional de Galiza Nación", se desenvolverá no Museo do Pobo Galego, en Compostela, o día 16 de setembro.
Segundo explicou o coordinador da plataforma social, Anxo Louzao, que compareceu acompañado de, Lucia Veciño, membro da coordinadora nacional, para Vía Galega é motivo de máxima satisfacción a excelente acollida que tivo o congreso. Neste sentido, lamentou, por limitación no aforo, non poder satisfacer todas as solicitudes para poder asistir.
90 aniversario
Louzao lembrou que a data da celebración do congreso é porque precisamente o 16 de setembro deste ano se cumpren 90 anos da participación no IX Congreso das Nacionalidades Europeas, celebrado en Berna, os días 16 ao 19 de setembro de 1933 e que supuxo o recoñecemento internacional de Galiza Nación. Así, explicou que a pretensión da plataforma social é “conmemorar e achegarnos, a un acontecemento relevante da nosa historia, analizarmos os antecedentes, o contexto político e as propostas nacionalistas daquela época”. Mais tamén salientar a transcendencia daquel fito “para o recoñecemento internacional e proxección exterior da nación galega, destacando o papel fulcral de Plácido Castro neste cometido”.
O coordinador e Vía Galega incidiu no contido da declaración presentada ao IX Congreso de Nacionalidades Europeas pola delegación galega, na que se afirmaba que “Galiza era unha nación ben definida e tiña dereito a decidir por si mesma o seu futuro”.
Xunto a isto aseverou que o Partido Galeguista, do cal Plácido Castro foi secretario de relacións internacionais, “consideraba a integración de Galiza nun escenario mundial en pé de igualdade co resto das nacións” e que o que os movía era proclamación dos dereitos que lle asistían a Galiza como nación. “Pretendían articular alternativas en todos os ámbitos, dar a coñecer os anceios de liberdade de Galiza e situarse no panorama internacional como nación, desde unha visión antiimperialista, pacifista e en pé de igualdade co resto das nacións. Alicerces que continúan a definir ao nacionalismo galego actual”, afirmou.
Anxo Louzao salientou que para construírmos o futuro “precisamos coñecer o pasado e actuar no presente”. Por iso, Vía Galega considera necesario atender e analizar todo o que nos foi conformando como galegos e galegas. “Coñecer a nosa historia, secularmente negada, silenciada e terxiversada, reforza a autoestima colectiva, promove a conciencia nacional, contribúe a reclamar os dereitos nacionais que nos asisten como Pobo e certifica a nosa existencia nacional. Este é o próposito de Vía Galega e este é o próposito deste congreso”, concluíu o seu coordinador.
Programa
O programa, que se desenvolverá ao longo de todo o día sustentado nun destacado elenco de relatores e relatoras tanto no campo académico, investigador e político, aportará diferentes claves para afondar no coñecemento da nosa historia; interpretar a actual realidade política; reforzar a colaboración das forzas nacionalistas e soberanistas do estado e superar o actual marco político Estatal, que supoña un status político de nación para Galiza.
Ao longo do día, desenvolveranse 5 conferencias e unha mesa redonda cos seus respectivos coloquios.
- 9:45 /10:00.- Presentación do congreso.
- 10:00 / 10:50.- A Sociedade de Nacións e o recoñecemento internacional de Galiza nación en 1933. Xosé Estévez. Profesor de universidade e historiador.
- 10:50 / 11:40.- O nacionalismo galego no primeiro terzo do s. XX. Das Irmandades da Fala ao Partido Galeguista (1916-1936). Uxío Breogán. Profesor e director da Cátedra de Memoria Histórica da UDC.
- 10 / 13:00.- A significación de Plácido Castro na proxección internacional de Galiza. A voz galega no exterior. Rubén Lois, Catedrático de Xeografía da USC-
- 13:00 / 13:50.- A Unión Europea como supraestado nesta etapa do capitalismo monopolista. María do Carme Garcia Negro. Profesora de Universidade e directora do Centro de Documentación Europeo da USC.
- 16:30 / 17:20.- Galiza: o marco político actual e a súa necesaria superación. Francisco Rodríguez. Profesor e ensaísta.
- 17:20 / 19.00.- As nacións sen estado na actual Europa. O dereito de autodeterminación dos Pobos. Olaia Duarte, sendora electa de Bildu. Montserrat Fornells,deputada ERC no Parlament de Catalunya. Néstor Rego Candamil, deputado do BNG no Congreso de Deputados.