Vía Galega mobilízase na Coruña para rexeitar a presenza do Rei na apertura do curso universitario
Baixo o lema “Galiza non ten Rei, avante a República Galega”, ducias de persoas sumáronse á concentración convocada este luns pola Plataforma Vía Galega diante da Reitoría da Universidade da Coruña con motivo da presenza do Rei no acto institucional de inicio de curso académico do Estado.
Con esta protesta a plataforma quere evidenciar que a monarquía fai parte dun sistema inxusto, onde prevalecen os privilexios e a herdanza do franquismo, que fomenta o centralismo e a dependencia de Galiza, ademais de limitar os dereitos para o ensino público galego.
Durante a concentración rexeitouse a presenza do Rei Filipe de Borbón "como representante dunha institución anacrónica, como a monarquía española, que nega os dereitos do pobo galego". A este respecto, Anxo Louzao, voceiro de Vía Galega, subliñou que "a presenza do Rei nun país con lingua propia, nunha universidade que se caracteriza pola súa desgaleguización absoluta, dalgunha maneira pretende ser o referendo desas políticas españolizadoras que tamén se dan no ensino universitario".
Unha plataforma integrada por máis de 50 entidades
A plataforma Vía Galega, que integra máis 50 entidades sociais e culturais en defensa dos dereitos nacionais de Galiza, ademais de organizar conmemoracións históricas ten en marcha diversas actividades como a expedición dun pasaporte galego ou a recollida de sinaturas da Carta de Dereitos do Pobo Galego, todas elas encamiñadas á difusión do recoñecemento de Galiza como nación e á reclamación do dereito de autodeterminación.