Vía Galega entrega na Xunta o manifesto “Galiza, un Pobo, unha selección”, avalado por 4326 sinaturas
VÍA GALEGA, plataforma social da que fai partre a CIG, presentou esta mañá, no rexistro da Xunta, un total de 4.326 sinaturas dirixidas ao presidente da Xunta de Galiza en apoio ao manifesto “Galiza, un Pobo, unha selección”. O acto insírese na campaña que está levando a cabo por toda Galiza a prol do dereito a competir coas nosas seleccións, en todas as disciplinas deportivas. Entre os/as asinantes están significados e significadas deportistas vinculadas a diferentes disciplinas deportivas como o taekwondo, Mercé Barrientos; a marcha, Manuel Polo; ou nos 1500 metros, Serafín Carballo.
No manifesto reclámase o dereito de Galiza de estar representada, como tal, en todas as disciplinas deportivas; a podermos conformar seleccións galegas en todos os deportes e termos o dereito a competir a nivel oficial e internacional; a que os nosos deportistas e deportistas podan competir baixo a bandeira galega e poder exhibila cando soben ao podio, a galeguizar o deporte e a impulsar a igualdade de xénero.
Grande acollida
Anxo Louzao, da portavocía de Vía Galega, resaltou “a grande acollida que está tendo a campaña”, agradeceu o apoio a todas as persoas asinantes e as alí presentes e reclamou “o dereito a competir coas nosas seleccións, baixo a nosa bandeira e himno e a termos selección en todos os deportes”. Un dereito que considerou que nos asiste como galegos e galegas e que non pode ser prohibido por máis tempo.
Nese sentido apuntou que “Feixoo, como presidente da Xunta, ten a responsabilidade é obriga de facelo posíbel. Só unha Xunta que non acredita na nosa identidade nacional e que procura a invisibilidade e irrelevancia de Galiza pode negarnos a vibrar coas nosas seleccións, entoar o noso himno e izar a nosa bandeira”.
Para Vía Galega, tal e como sinalou Louzao, “o podermos competir como nación que somos, non só reforza a nosa autoestima e o sentido de pertenza a un Pobo, senón que tamén supón unha maior oportunidade para os e as nosas deportistas. Se hoxe Galiza é unha potencia e referencia en diferentes disciplinas deportivas, de competirmos oficialmente e internacionalmente estas acrecentaríanse exponencialmente”.
O portavoz da plataforma social exixiu ademais todas as competencias deportivas porque “os nosos e nosas deportistas e seleccións son as únicas que nos representan e, por tanto, a Xunta ten a obriga de tomar todas as medidas para que este sentir colectivo se faga realidade”.
O deporte fala
Pola súa banda Mercé Barrientos, expresidenta da Federción Galega de taekwondo, presidenta da Asociación de Mulleres Deportistas Galegas e asinante do manifesto lembrou que “os rapaces galegos competían en Bélxica, en Holanda, en Alemaña, Corea” e lamentou que isto “experimentou unha regresión na que as seleccións galegas foron perdendo capacidade de manobra”.
Nese sentido lembrou un campionato en Holanda onde os e as rapazas galegas se encheron de medallas e “un adestrador iraniano preguntaba onde estaba Galiza porque gañaban tanto e despois de explicarllo pensaba que era unha illa”.
Xunto a ela, o tamén asinante do manifesto, Manuel Polo, subcampión europeo máster 45 de marcha atlética e adestrador de atletismo, manifestou que “é fundamental ter capacidade de representar ao noso país a nivel internacional e ese é o obxectivo fundamental desta campaña”.
Para Serafín Carballo, Subcampión de 1500 metros “é unha tristura que moitas rapazas e rapaces podían estar representando a Galiza, o noso país, e que non poden por ser os segundo ou terceiros do Estado e non ter a posibilidade de competir”. Por iso considerou que “se tiveramos unha selección galega moitos deportistas da alta competición que aparcas por eses resultados terían a posibilidade de prolongar a súa vida deportiva e conseguir moitos éxitos”.