Vía Galega e Galiza Cultura conmemoran, o 20 de decembro, o 117 aniversario da estrea do Himno Galego con actos en todas as cidades
Vía Galega e Galiza Cultura anunciaron esta mañá, en rolda de prensa, a conmemoración do 117 aniversario da estrea do Himno Galego no Gran Teatro da Habana, con actos en todas as cidades do país, que se desenvolverán o vindeiro día 20 de decembro, ás 20:00horas, baixo o título "Cantar a nación. Aniversario da estrea do himno galego".
En representación das entidades, Anxo Louzao, explicou que esta conmemoración, que se celebra por segundo ano consecutivo, hai que inserila na campaña que ambas plataformas veñen desenvolvendo “para espallar os nosos símbolos nacionais: o himno e a bandeira, conscientes de que asistimos a unha intensa e acelerada españolización” da que denunciou que “é artífice a Xunta de Galiza, contribuíndo á persecución, marxinación, subordinación e ocultación de todo aquilo que nos significa como galegos e que nos identifica como nación”.
Nese sentido, acusou ao goberno do PP de manter unha “política galegofóbica” respecto do noso idioma, por querer “subordinalo ao español, tratalo como unha lingua allea”, co obxectivo de convertelo “nunha peza de museo e non nunha lingua útil, viva e con presenza social e pública”. O mesmo trato que considerou que dá ao himno porque “continua sen restaurarse a súa letra, malia as numerosas iniciativas levadas a cabo”.
Restauración do himno fidedigno
Louzao lembrou a estrea solemne do Himno en 1907 na Habana, a iniciativa de Fontenla, por canto “amosa un sentimento de pertenza a un pobo e a vontade de existirmos como nación”. Por iso salientou a importancia de “coñecer a súa xénese, a súa historia e o seu significado”. E a importancia dos actos previstos para o vindeiro venres nas sete cidades galegas. Actos nos que haberá distintas actuacións e que rematarán coa interpretación do himno galego completo, coa súa letra restaurada, de acordo co texto fidedigno, que fora creado, por Eduardo Pondal para o Certame Musical, convocado en 1890 na Coruña e organizado por Pascual Veiga.
A este respecto salientou a investigación do máximo especialista do noso himno e de Eduardo Pondal, o profesor da UDC Manuel Ferreiro, quen comprobou, xa hai máis de 32 anos, as alteracións e erros que se foron transmitindo no himno, alleos ao texto orixinal e vontade de Pondal. Denunciou que, porén, “malia as repetidas iniciativas presentadas, desde o ano 1996, polo BNG no Parlamento e despois de 40 anos de promulgación da Lei de Símbolos de Galiza, a día de hoxe, o seu texto continúa sen estar corrixido”.
Lembrou, neste sentido, os erros que contén o texto, a consecuencia das sucesivas alteracións, como a desaparición da indicación de que o texto é un diálogo; a introdución de formas idiomáticas alleas ao poema orixinal pondaliano, con castelanismos e hiperenxebrismos como ronco en lugar de rouco e iñorantes por ignorantes; a aparición de formas inexistentes no poema de Pondal e na lingua galega, como féridos por férridos ou a alteración co uso de chan en lugar de clan .
Último intento de restauración
O portavoz de Vía Galega lembrou que o último intento para reparar o himno foi a presentación e debate, en 2023, no Parlamento Galego da “Proposición de lei de iniciativa lexislativa popular para a restauración do texto fidedigno do himno galego e a súa difusión”, promovida por Vía Galega e Galiza Cultura e avalada por preto de 16.000 sinaturas que foi rexeitada cos votos en contra do PP e PSOE e só contou cos votos favorábeis do BNG. Denunciou que “pretenderon xustificar o seu voto en contra- ante a falta de argumentos e as documentadas correccións propostas- comprometéndose a constituír unha comisión do Parlamento para abordar o tema. E subliñou que xa van alá 15 meses daquel compromiso, “a día de hoxe, aínda que a comisión se constituíu formalmente hai uns seis meses, o PP tena totalmente paralizada, sen fixar, sequera, a orde de traballos, amosando, máis unha vez, un obstrucionismo inxustificado e un absoluto desleixo e desprezo para co noso Himno, que representa a todas e todos os galegos”.
Por iso anunciou que con estes actos, ademais da conmemoración, tamén se exixirá que o PP desbloquee a Comisión Parlamentar “para que definitivamente se restaure oficialmente a letra do Himno e se reclamará a edición dunha publicación para distribuílo masivamente, nomeadamente nos centros educativos e en todo tipo de entidades”.
ACTOS
(Todos ás 20:00 horas do 20 de decembro)
Santiago de Compostela.- Teatro Principal, coa actuación da Coral Solfa e De Vacas.
A Coruña.- Rúa Rego de Auga, fronte ao teatro Rosalía, coa actuación do “Coro Cántigas da Terra”
Ferrol.- Centro Cultural Torrente Ballester, con Cantos de Taberna de Sedes da A.C. Vai Rañala Meu!
Lugo.- Rúa San Marcos (diante da Deputación), coa Coral Lucus Terra do IV Ciclo da USC e Cántigas e Frores.
Ourense.- Edificio de Ferro. Facultade de Educación e Traballo Social co Coro Universitario do Campus de Ourense Schola Cantorum
Pontevedra.- Salón da Biblioteca Pública de Pontevedra co Grupo Maravallada.
Vigo.- Auditorio Mar de Vigo coa actuación Pandereteiras A Buxaina