Venres de negro na sede central de Pull&Bear en Narón por unha xornada que permita conciliar
A sección sindical da CIG en Pull&Bear vén de pór en marcha unha iniciativa na sede central de Narón en demanda dunha xornada laboral que permita conciliar, que consiste nunha chamada aos/ás preto de 200 traballadores e traballadoras para que acudan os venres ao seu posto vestidos e vestidas de negro. O obxectivo desta acción, explican, é visibilizar unha demanda "que ten como primeira reivindicación saír os venres ás 15:00 horas, ao igual que sucede nos meses de verán".
"Trátase dunha campaña da sección sindical que pretende modificar a xornada laboral, para que esta permita conciliar ao persoal", sinala Fran Cartelle, secretario confederal de Emprego da CIG.
Neste senso, apunta que está constatado que a produtividade da empresa (que forma parte do Grupo Inditex) non é escusa para non modificar a xornada, "pois durante os catro meses de verán nos que xa se conta con ese horario, esta non se veu prexudicada de ningún xeito".
A sección sindical ten solicitada unha xuntanza coa dirección de Recursos Humanos de Pull&Bear España "que agardamos se produza pronto" e na que se trasladarán as demandas do persoal no referente á modificación da xornada laboral. No caso de non se producir dita xuntanza ou de que nela non se acaden avances no sentido do demandado, a sección sindical estudará a adopción doutro tipo de medidas.