Venezuela: isto non vai de democracia
O obxectivo non é Maduro. O obxectivo é o proceso mesmo, é o chavismo. Ese que, sen a presenza física de Chávez, mais coa súa indeleble permanencia no subconsciente colectivo, segue sendo fonte de inspiración para construír outra sociedade. Esa é a ameaza, que esa experiencia histórica termine callando, demostre a súa viabilidade e se expanda
Momentos como este exixen analizar con detemento o que subxace tras titulares, declaracións, difusión nesgada dalgúns feitos, ocultación indecente doutros e propaganda disfrazada de análise na maioría dos grandes medios. Exixen non se deixar medio convencer polo superficial, por esa trola que, por mil veces repetida, pretenden transformar en críbel, nin se deixar levar por esa resposta emotiva falta dunha análise medianamente seria e documentada.
As eleccións do 28 de xullo non eran unhas simples eleccións, como tampouco o foi ningunha elección en Venezuela este último cuarto de século. O que se dirime vai moito máis alá da vontade da poboación venezolana. Non é a defensa da decisión deste pobo o que engraxa chancelarías, think tanks, liñas editoriais e creadores de opinión en redes sociais. O proceso popular que resiste e loita por seguir avanzando e construír un modelo diferente é «o problema». Iso malia a guerra híbrida que enfronta Venezuela desde hai máis de dúas décadas (guerra económica, financeira, diplomática, mediática, sabotaxes a infraestruturas, ataques cibernéticos, atentados, incursións paramilitares, guarimbas, guerra psicolóxica...) que tenta render por fame, enfermidades, carencias e, sobre todo, desesperanza a un pobo. Do mesmo xeito que ocorre desde hai máis de 6 décadas con Cuba, non deixa de ser unha chantaxe disfrazada de altruísta obxectivo: «se persistides por ese camiño, isto o que teredes, miseria e falta de futuro; se abandonades ese modelo, todo mellorará». Iso, ademais das inevitábeis contradicións e erros propios inherentes a todo intento de transformación social, acentuados no citado contexto de asedio.
O territorio venezolano é estratéxico, é chave na xeopolítica e na correlación de poder a nivel rexional e mundial. Xunto con Cuba e algúns outros Estados aliados en torno á ALBA-TCP, Venezuela é o motor da integración latinoamericana fronte a un imperialismo ianqui que de ningún xeito admite perder a súa histórica dominación sobre o seu «patio traseiro». Xunto con algunhas outras experiencias rexionais (MST, pobos orixinarios organizados...), Venezuela é escenario do desenvolvemento do poder popular desde a organización colectiva mediante o movemento comuneiro. A pesar da escaseza material e de financiamento, do trato preferente que recibiron algunhas empresas privadas de alimentación fronte a unha aposta máis decidida polo comunal, e de tensións con algúns cargos incrustados no aparello oficialista do chavismo, pero bastante afastados do concepto de Estado comunal formulado por Chávez, o movemento comuneiro está a reforzarse, articulándose a nivel de todo o territorio venezolano e incorporando a cada vez máis poboación. O proceso electoral desenvolvido o 25 de agosto en 4.050 circuítos comunais para priorizar entre os proxectos propostos polas comunidades aqueles que serán financiados é un claro exemplo de democracia participativa e protagónica da que, evidentemente, non se fixo eco ningún deses medios tan preocupados pola democracia en Venezuela... Un exemplo de democracia popular que pouco ten que ver coa delegativa democracia formal burguesa que nos venden como o modelo máis depurado de expresión da vontade popular...
Venezuela é, tamén, espazo de encontro para gran parte da esquerda rexional e internacional. Venezuela é petróleo, moito petróleo. E Venezuela é, ademais, un Estado con fluídas relacións en diversos ámbitos con China, Rusia ou Irán, directos competidores dos Estados Unidos pola hexemonía mundial, cando non inimigos declarados.
O obxectivo non é Maduro. O obxectivo é o proceso mesmo, é o chavismo. Ese que, sen a presenza física de Chávez, mais coa súa indeleble permanencia no subconsciente colectivo, segue sendo fonte de inspiración para construír outra sociedade. Esa é a ameaza, que esa experiencia histórica termine callando, demostre a súa viabilidade e se expanda.
A situación previa ás eleccións do 28 de xullo mostraba, unha vez máis, que a oposición de ultradereita e os seus patrocinadores non ían recoñecer outro resultado que non fose a súa suposta vitoria. Prepararon o terreo coas prospeccións que lles interesaban (mentres agochaban as enquisas que daban a vitoria a Maduro), activaron a maquinaria mediática, bloquearon webs e sistemas de cómputo. Nesas condicións adversas, nas que, probabelmente, a xestión informativa por parte do goberno podería ser mellor (tendo en conta o que podía ocorrer), a presión mediática e diplomática cuestionou de forma interesada os resultados proporcionados polo Consello Nacional Electoral e ratificados polo Tribunal Supremo de Xustiza, que, seica, en Venezuela non son imparciais pero no resto de Estados si... En calquera outro país os devanditos entes son incuestionábeis, pero no caso de Venezuela a referencia parece ser a web dunha oposición que é calquera cousa menos honesta e transparente...
A pesar de tantos anos de tentar render a toda esa poboación que puxo as súas esperanzas e enerxías no proxecto chavista, do desgaste da economía, a desvalorización da moeda, a inflación, o desabastecemento, do propósito permanente por desconectar na mente da poboación venezolana as consecuencias que sofren no seu día a día das accións que as provocan, facendo responsábel o goberno de todos os seus males, o chavismo segue resistindo e mantendo unha hexemonía social. A súa presenza, a súa forza e a enerxía e ilusión que transmite é menor que noutras épocas; non hai dúbida. Algúns sectores escindíronse pola esquerda e, aínda reivindicando o legado de Chávez, non outorgan o seu voto ao chavismo oficialista. Outros sectores outrora afíns ao chavismo, máis amplos aínda que menos ideoloxizados, cederon ao desalento e, ou ben están desactivados e non votan, ou ben pasaron a votar outras candidaturas. Outros sectores de orixe popular nin estaban nin están co chavismo. Entre eles, lumpen e desclasados que serven para ofrecer aos medios esa imaxe de rúas en chamas, en moitas ocasións baixo pagamento (os chamados «comanditos»).
Con todo, os sectores máis conscientes do chavismo mantéñense firmes e, dentro da súa heteroxeneidade e críticas internas, pechan filas en torno ao movemento que os protexe da arremetida revanchista fascista que chegaría nun escenario poschavista e en torno ao proxecto que posibilita seguir construíndo poder popular e tecer, día a día, democracia participativa e protagónica. Esa consciencia de que a solución non é dar un paso atrás, senón radicalizar o proceso de cambios e seguir arrebatando á oligarquía espazos de poder é a mellor garantía para resistir e avanzar.
Todas estas realidades bolen, dinámicas, en Venezuela, máis aló dos desexos, falsidades e ocultamentos da propaganda mediática.
Isto non vai de democracia. Vai de loita polo poder, vai de dominio imperialista, vai de pugna entre potencias, vai de loita de clases.
[Artigo tirado do sitio vasco Naiz, do 3 de setembro de 2024]