“Venezuela está a sufrir un ataque frontal de guerra de quinta xeración”
O salón de plenos do Concello de Moaña acolleu este mércores un coloquio sobre a situación que atravesa Venezuela como consecuencia da actual ofensiva da dereita. No charla, organizada por 17 organizacións sindicais, políticas e sociais –entre eles a CIG– co propósito de dar a coñecer a realidade do país sudamericano, participou o novo Cónsul Xeral da República Bolivariana de Venezuela en Vigo, Martín Pacheco, que denunciou que están a sufrir “un ataque frontal de guerra de quinta xeración”.
Durante o acto, no que participaron 90 persoas –entre elas a alcaldesa, Leticia Santos– e no que tamén interveu o ex ministro de Cultura de Venezuela Farruco Sesto, proxectáronse imaxes dalgunhas das marchas violentas desenvolvidas pola oposición venezolana nos últimos 70 días co obxectivo de alterar a orde pública na capital e noutras cidades do país, así como das accións que emprendeu o Goberno de Nicolás Maduro para restablecer a paz en todo o territorio e rematar coas manifestacións de “vandalismo e terrorismo” que co “apoio decidido da maioría do pobo están a superarse”.
O novo Cónsul Xeral da República Bolivariana de Venezuela en Vigo denunciou que o seu país vive “un ataque frontal de guerra de quinta xeración”. Nese contexto, Martín Pacheco manifestou que Venezuela loita por manter unha República que se desposuíu do colonialismo. “O país está a loitar pola súa emancipación, está en loita permanente dende o mesmo momento en que o presidente ex Chávez chegou ao poder; foi el quen lle entregou o poder ao pobo como mostra do país democrático e participativo que queremos; non queremos a guerra, pero non imos permitir que unha elite se apodere das conquistas do pobo”, sinalou.
Ademais, agradeceu a achega solidaria dos movementos sociais de Galiza, expresou a súa convicción de que a situación ha de ser pronto superada e amosou a súa confianza no pobo venezolano “e no poder que ten a Revolución bolivariana”.
Pola súa banda, Farruco Sesto indicou que se atopan nun proceso de cambio moi profundo. “Para entender o que realmente está a pasar necesario saber que Venezuela está a traballar na entrega do coñecemento popular, que é o principal poder de cambio dun país”. Ao mesmo tempo, referiuse á decisión tomada polo presidente Maduro de chamar a unha Asemblea Nacional Constituínte como “un acto de enorme valentía e sabedoría política, xa que é un instrumento que permitirá ir ao corazón do pobo, que é o único que pode decidir o rumbo do país”.