Venezuela: a loita é pola soberanía e os seus recursos naturais

Álvaro Verzi Rangel - 06 Ago 2024

 O tema de fondo sempre é o petróleo... O proceso electoral venezolano está 100% automatizado. O software dos procesos de votación, escrutinio e totalización audítanse e certifícanse con participación de todos os partidos políticos e observadores

 Por máis edulcorante que lle queiran engadir á realidade, Venezuela está novamente sumida nunha espiral de violencia pola determinación dos Estados Unidos e os seus axentes locais de descoñecer calquera resultado electoral adverso aos plans de Washington de impor un goberno monicreque que lle entregue o control político, diplomático e económico do país, pero sobre todo os seus recursos naturais.

 O que está en xogo en Venezuela non é quen será presidente no próximos seis anos, senón a súa supervivencia como nación soberana: impor a Edmundo González, candidato dunha coalición de dereita, candidato de palla da empresaria golpista María Corina Machado e da oligarquía á que representan significaría non só o sometemento aos ditados dos EUA senón o saqueo total do seu petróleo. Xa o fixeron con Iraq hai 20 anos.

 O tema de fondo sempre é o petróleo. Juan Pablo Pérez Alfonzo, ministro de Petróleo de Venezuela foi gráfico ao sinalar na década de 1970 que «están a nos afogar no excremento do diaño».

 O que hai que aclarar é que María Corina Machado non foi inhabilitada por ser opositora senón porque pediu activar o Tratado Interamericano de Asistencia Recíproca para viabilizar unha coalición militar que invadise Venezuela. Tamén usurpou o posto do representante diplomático de Panamá ante a OEA, o cal, sen dúbidas, é un delito.

 Desde 2019, os Estados Unidos e os seus cómplices vernáculos roubaron todos os activos venezolanos no exterior aos que puideron botar man, e demócratas e republicanos deixaron claro, sempre, que o seu plan para Venezuela é a repartición do territorio entre as empresas petroleiras transnacionais, en especial as estadounidenses. Machado e Edmundo González xa falaron de privatizar nada menos que Petróleos de Venezuela.

 Desde 2015 até o 2023 Venezuela deixou de percibir 642.000 millóns de dólares, só polo ingreso petroleiro perdido, ao que debe sumarse a confiscación de activos, de empresas, e de recursos que se atopaban en contas de bancos privados estranxeiros. Foron confiscados dúas veces os recursos que estaban destinados á compra de vacinas contra a covid.

 Soa a tango, pero a historia volve repetirse. Unha tentativa de golpe de estado foi posta en marcha polo goberno dos Estados Unidos, coa complicidade da secretaría xeral da Organización de Estados Americanos (OEA), os hexemónicos medios de comunicación corporativos e a ultradereita venezolana, cando advertiron un novo fracaso nas urnas.

 De Perogrullo: tentan deslexitimar o cálculo oficial e o sistema electoral, e basearse nas cifras proporcionadas por unha das partes, sen aval ou proba ningunha. Falan de fraude antes de se coñecer os resultados. Ocúltase que as máquinas de votación electrónicas e o sistema de transmisión dos resultados foron auditados en repetidas ocasións por representantes opositores, que non atoparon nin denunciaron falla ou alteración ningunha neles.

 Reclaman ao Consello Nacional Electoral (CNE) a presentación das actas ao mesmo tempo que levan a cabo ataques criminais contra as sedes do organismo e perpetran asaltos cibernéticos contra os seus sistemas de cómputo.

 Mentres, Wikileaks publicaba en X que a oposición de dereita de Venezuela e os medios de comunicación estadounidenses afirman que houbo fraude nas eleccións do 28 de xullo baseándose nunha enquisa a pé de urna realizada pola firma Edison Research, vinculada ao goberno dos EUA, que traballa con órganos de propaganda estatais ligados á CIA e que estivo activa en Ucraína, Xeorxia e Iraq. A historia volve repetirse agora no Caribe.

 Un editorial do diario mexicano La Jornada sinala que no contexto de extrema polarización que xera a cuestión venezolana, hai sectores que pretenden desmarcarse do neocolonialismo e do espolio neoliberal, pero xustifican o intervencionismo co argumento de que a democracia é un valor superior á soberanía, que non é un adorno nin un atributo obsoleto, senón a condición sine qua non da democracia.

 Se as decisións cruciais sobre o deseño do sistema político e o modelo económico a seguir son tomadas desde a Casa Branca, os think tanks occidentais e os consellos de administración das transnacionais, a vontade popular queda anulada e o sufraxio convértese nunha simple simulación, nun espectáculo mediante o cal se outorga falsa lexitimidade a decisións tomadas de antemán polas elites, engade.

 Desde a dereita queren impor o imaxinario de que a defensa do Estado soberano é un pretexto para defender a ditaduras e réximes autocráticos como, ao seu xuízo, é o de Nicolás Maduro. Calquera sexa a opinión sobre o goberno de Nicolás Maduro, nada xustifica a inxerencia nos asuntos internos de Venezuela fóra das canles habilitadas pola legalidade.

México e Colombia

 Hoxe os Estados Unidos pretenden que o mundo considere normal que toda a dereita venezolana sexa adestrada, financiada e dirixida polas súas axencias de espionaxe. México sinalou que defender a democracia presupón esixir o final da inxerencia dos EUA, organismos internacionais (como a OEA) e outros países,  e a saída de todos os seus axentes locais da vida política venezolana. Con que fundamento a OEA sostén que gañou o outro candidato?, preguntou o presidente Andrés Manuel López Obrador.

 O presidente colombiano Gustavo Petro advertiu que “as graves dúbidas que se estabdlecen ao redor do proceso electoral venezolano poden levar ao seu pobo a unha profunda polarización violenta con graves consecuencias de división permanente dunha nación que soubo unirse moitas veces na súa historia”.

 Propuxo chegar a un acordo entre goberno e oposición que permita o respecto máximo á forza que perda as eleccións e solicitou ao goberno dos EUA suspender os bloqueos e as decisións en contra de cidadáns venezolanos. “O bloqueo é unha medida antihumana que só trae máis fame e máis violencia das que xa hai e promoven o éxodo masivo dos pobos”, sinalou.

 Petro indicou que a emigración aos EUA desde Latinoamérica diminuirá se se levantan os bloqueos: Os pobos libres saben tomar as súas decisións. “O presidente Maduro ten hoxe unha gran responsabilidade, lembrar o espírito de Chávez, e permitir que o pobo venezolano regrese á tranquilidade mentres terminan as eleccións en calma e se acepta o resultado transparente calquera que sexa. O escrutinio é o final de todo proceso electoral, debe ser transparente e asegurar a paz e a democracia”, engadiu.

 “A situación actual do mundo, onde rompe o dereito internacional, asasinando nenos con impunidade total e onde pobos irmáns se enfrontan coas armas ante designios de poderes escuros que gravitan ao redor da cobiza e non pensan na vida da humanidade, pode facer do Caribe un fogón da violencia e da inestabilidade enfrontando potencias estranxeiras alleas á nosa historia e o noso territorio”, advertiu o presidente colombiano.

A lexislación electoral

 O proceso electoral venezolano está 100% automatizado. O software dos procesos de votación, escrutinio e totalización audítanse e certifícanse con participación dos partidos políticos e observadores. O voto, o escrutinio e a totalización son electrónicos. A impresión que fai a máquina de votación ao elector e no momento do escrutinio, son comprobantes para efectos da auditoría cidadá. Esta vez, a auditoría cidadá fíxose sobre o 54% do total de mesas electorais.

 A totalización de votos é automatizada, electrónica, e sobre esa totalización adxudícase e proclama ao candidato con maioría de votos. A totalización faise dentro das 48-72 horas posteriores ao evento, e o CNE ten 30 días para publicar  na Gaceta Electoral os resultados (sempre o fixo antes de se cumprir o prazo). É falso que se venceu algún lapso de publicación de resultados totais ou desagregados.

 O CNE denunciou que se bloqueou a súa páxina de forma maliciosa, mediante hackeo, así como  denunciou mesmo un ataque masivo ao sistema para tentar impedir e retardar a totalización de resultados. A totalización, adxudicación e proclamación xa foi realizada  polo CNE. O CNE non está obrigado a publicar copias de Actas de Escrutinio porque son só comprobantes.

 O que se publicou é o escrutinio automatizado. As Actas de Escrutinio emitidas, comprobante do escrutinio realizado automaticamente e as outras Actas de Verificación cidadá, instalación e constitución de mesas, quedan en resgardo do CNE e é material electoral probatorio que conforman o expediente administrativo que se entrega en caso de haber impugnacións ante o Tribunal Supremo de Xustiza. En calquera momento do proceso quen considere que hai vicios ou fraude pode recorrer ao TSJ.

 

[Artigo tirado do sitio web Observatorio de la crisis, do 4 de agosto de 2024]