Veciños/as e profesionais demandan na rúa máis persoal para o centro de saúde de Navia
Máis dun milleiro de veciños/as e de profesionais da sanidade participaron este mércores na manifestación convocada pola xunta de persoal do Chuvi, a Plataforma SOS Sanidade Pública e a asociación veciñal Novo Vigo para reclamar máis persoal no centro de saúde de Navia. Coa moilización tamén demandan apertura do centro polas tardes e que se poñan a disposición todos os recursos necesarios para rematar coas listas de espera dos pacientes que solicitan o cambio de médico/a.
A marcha arrincou pasadas as 19.00 horas da rúa Teixugueiras e rematou diante do centro de saúde tras facer un percorrido pola zona. Durante o traxecto, no que participaron veciños/as da parroquia, profesionais da sanidade e representantes sindicais e políticos, berráronse consignas como “Máis traballadores e menos directores”, “Felix Rubial, máis persoal” ou “A sanidade non se vende, deféndese”.
O obxectivo da protesta é reclamar máis persoal para o centro de saúde -especialmente pediatras- ante os problemas de cobertura sanitaria que padece unha das zonas con máis nenos/as de Galiza. Tamén demandan a súa apertura polas tardes, así como a posta a disposición dos recursos necesarios para rematar coas listas de espera das persoas que solicitan o cambio de médico de familia.
Isto pasaría por un reforzamento da atención primaria no conxunto da área sanitaria viguesa, “onde a falta de persoal é ben coñecida por todos/as pois sufrímola cando pedimos cita para acudir a unha consulta de medicina de familia, de enfermaría ou necesitamos fisioterapia, situación que se agrava cando necesitamos acudir ás consultas de pediatría”, segundo se explica no comunicado ao que se deu lectura ao remate da manifestación.
Mala planificación do Sergas
Ao mesmo tempo, no texto cuxa lectura correu a cargo do director teatral e veciño da parroquia Cándido Pazó denúnciase a mala planificación do Sergas no que respecta ás necesidades dos profesionais, especialmente no caso da pediatría, “xa que temos poucos profesionais formados cada ano e non permiten cubrir nin as xubilacións que se producen no sistema”.
Na súa opinión, o estado do centro de saúde de Navia é un bo indicador da situación global da atención primaria. Esta infraestrutura foi concibida para ter 24 médicos de familia en quendas de mañá e tarde, cos profesionais de enfermaría e de pediatría correspondentes, ademais dos profesionais da función administrativa, dos técnicos/as en coidados auxiliares de enfermaría, hixienistas dentais, odontólogos/as, fisioterapeutas e matronas en función do número de pacientes adscritos ao centro.
“Pero a realidade é ben diferente, xa que na actualidade conta só con seis profesionais de medicina de familia, que cos cupos axeitados de 1250 pacientes so poderían atender a 7500 persoas; e os dous pediatras, con cupos de 900, unicamente atenderían a 1800 nenos/as”.
Fortalecer a atención primaria
Diante disto, reclaman un incremento progresivo do número de profesionais, “pero para cubrir as necesidades actuais xa precisamos, cando menos, catro médicos de familia, dous pediatras e seis enfermeiros/as máis, ademais do persoal administrativo e do resto das especialidades correspondentes”.
Ademais, para fortalecer o conxunto da atención primaria da cidade de Vigo tamén é necesario crear un Centro de Atención Primaria no Anexo II do hospital Xeral que permita, ademais do traslado xa feito da rúa Bolivia, redistribuír tarxetas sanitarias da Dobrada e da rúa Cuba e adscribir as do barrio de San Roque na contorna do Xeral.
Finalmente, demandan que unha vez pechados os Centros de Especialidades se dediquen á atención primaria para mellorar o espazo dispoñíbel no centro de saúde da Dobrada e para desconxestionar os de López Mora e Coia.