Veciñas e veciños de Guísamo mobilízase coa CIG contra o peche da oficina do Banco Santander
A CIG mobilizouse este mércores en rexeitamento á decisión do Banco Santander de pechar a oficina que ten en Guísamo, deixando así á localidade sen servizos financeiros. Á protesta tamén se sumaron veciños e veciñas afectadas pola decisión empresarial e representantes da Corporación municipal de Bergondo que esixen a continuidade da actividade desta sucursal.
Esta decisión haina que enmarcar no proceso de cerre de oficinas, recorte de servizos e horarios de caixas, e de redución de postos de traballo que está a levar adiante o Banco Santander, que ten unha especial afectación nas zonas rurais e nas vilas máis pequenas ao deixar á cidadanía sen acceso aos servizos financeiros. No caso de Guísamo, ademais, significará deixar a localidade sen ningunha sucursal cando hai uns anos contaba con oficinas de varias entidades que foron cerrando a medida que avanzaba o proceso de concentración bancaria.
Dixitalización forzosa da clientela
O Santander xustifica este peche alegando que vai reabrir unha oficina no polígono industrial de Bergondo, que no seu día pertenceu ao Banco Popular. Porén a nova localización resulta de máis difícil acceso para a clientela posto que, como lembraron os veciños e as veciñas durante a concentración, queda apartada do núcleo da parroquia e non hai transporte público que chegue até alí.
Neste senso, hai que ter en conta que boa parte da clientela que fai uso dos servizos da oficina son persoas maiores ou que non dispón dos medios técnicos e coñecementos para manexarse na banca dixital ou incluso nos caixeiro. Porén, CIG-Banca denuncia que o Santander segue a pechar oficinas de proximidade, reducindo horarios de caixa “e facendo que a clientela teña que trasladarse dende a súa sucursal de toda a vida cara a outra punta das cidades ou mesmo cara a outros concellos para poder facer as xestións que precisan, nunhas oficinas que ademais xa están colapsadas”.
Todo este proceso, que non é exclusivo do Santander, vai acompañado de recortes nos horarios e nos servizos que se prestan nas oficinas e de incrementos das comisións para expulsar a clientela das sucursais e forzar a súa dixitalización. Deste xeito, as entidades financeiras preparan o escenario para seguir xustificando máis despedimentos e peches de oficinas, aínda que se trate de centros de traballo rendíbeis.
Nova mobilización o día 23
A CIG seguirá a reclamar emprego digno na nosa terra e velará polos dereitos da clientela polo que ten convocada unha nova mobilización en Guísamo para o 23 de abril, data na que está previsto o peche da sucursal. Así mesmo, dende a central sindical animouse a todas as persoas asistentes á concentración a pór reclamacións na propia oficina esixindo ao Banco Santander que manteña aberta a oficina e preste unha atención presencial de calidade.