Veciñanza comuneira de toda Galiza maniféstase en Compostela en defensa dos montes en man común
Centos de persoas sumáronse esta mañá en Compostela á manifestación convocada pola Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común baixo o lema “Por unha Lei de montes veciñais ao servizo da veciñanza comuneira e da sociedade galega”. Unha mobilización na que, baixo unha intensa chuvia, comuneiros e comuneiras de toda Galiza sumaron as súas voces para denunciar a pretensión da consellaría de Medio Rural e, xa que logo, da Xunta de Galiza, de privatizar os montes veciñais.
Como ten denunciado o presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común, Xosé Alfredo Pereira, que interveu ao remate da marcha na praza da Quintana, a consellaría “de forma escura e antidemocrática”, está elaborando un Libro Branco sobre o Monte Veciñal, de onde vai saír unha modificación da actual Lei, sen ter en conta a opinión das comunidades de montes que nin foron convocadas.
Entre as modificacións previstas preténdese dotar as comunidades de montes de personalidade xurídica, o que implica eliminar o carácter xermánico da propiedade veciñal e convertelas de golpe nunha propiedade de tipo privado para que se poidan vender, mercar ou repartir.
Xunto a isto búscase definir de novo o concepto de veciño ou veciña comuneira que actualmente só se adquire se se vive no lugar, na aldea ou na parroquia onde existe monte veciñal. Deste xeito a consellaría quere incluír como persoas con dereito á opción de ser comuneiro/a, a aquelas persoas físicas e xurídicas que sen vivir na aldea, no lugar ou na parroquia teñan unha relación co monte veciñal. Isto implica que, de se aprobar, poderán ser membros de pleno dereito todos os e as accionistas das empresas que teñen aproveitamentos no monte, como as empresas eléctricas, mineiras ou eólicas, entre outras.
Outra das modificacións previstas é que todos os alugueiros, servidumes, contratos pasen a ter un mínimo de 50 anos, sen ningunha capacidade das comunidades de montes para poder recuperar a xestión das súas terras, perdéndose a memoria da existencia de montes veciñais en man común.
Iniciativa Lexislativa Popular
A ORGACCMM, hai xa un par de anos e diante das agresivas modificacións que se foron introducindo a través das leis de acompañamento, puxo en marcha unha campaña con asembleas polas comunidades de montes de todo o territorio galego para elaborar un proxecto de montes veciñais, de forma democrática e participativa.
Dese proceso saíu a ILP para a que se comezaron a recoller sinaturas a principios de ano, superando as 12.000, e que seguramente será debatida no Parlamento no segundo pleno de novembro.
Esta ILP contempla o recoñecemento do monte veciñal como unha titularidade máis, distinta e en pé de igualdade coas titularidades públicas e privadas; que se reforce o carácter xermánico dos montes veciñais en man común; considerar a veciñanza como único requisito para ser titular destas terras comunitarias; impedir todo tipo de expropiación dos montes veciñais; considerar como aproveitamentos e usos dos montes veciñais todos os que se dean nos mesmos ou garantir a capacidade de decisión da veciñanza comuneira para pór en valor as súas terras comunitarias.
Ademais, demandan a declaración como nulos de pleno dereito de todos os actos de ocupación e usurpación, así como das súas posteriores transmisións, que se fixeran de xeito ilegal, e a declaración dos montes veciñais en común como figuras de protección ambiental e cultural en si mesmos.
A historia da resistencia veciñal
A ORGACCMM considera que contexto no que se vai tramitar a ILP é “agresivo”. Lembra que o monte veciñal, ao longo da historia, padeceu 5 vagas hostís: catro procedentes de gobernos do Estado, pero esta última, a diferenza das anteriores, procedente do propio goberno galego “amparando os intereses capitalistas, urbanísticos e especulativos pretende que estas terras desaparezan, que pasen a ser entidades privadas ao servizo das multinacionais”.
Con esta recollida de sinaturas e con esta manifestación, a veciñanza comuneira do século XXI segue a historia dos que os antecederon para, por todos os medios, conseguir que o monte veciñal en man común siga sendo hoxe unha realidade importante para o noso país.
A historia do monte veciñal “é a historia da resistencia da veciñanza comuneira para preservar estas terras comunitarias que non son nin públicas, nin privadas senón que pertencen a un grupo de veciños e veciñas non considerados como entes administrativos senón considerados como grupos sociais”, proclama a Organización galega de Comunidades de Montes en Man Común.