Valoración da CIG-Adminstración Autonómica sobre o informe de Expertos en incendios forestais
A CIG-Administración Autonómica valora as propostas presentadas contempladas no documento de respostas ás cuestións recollidas no Dictame da comisión parlamentaria sobre incendios forestais de 2017 elaborada polo grupo de expertos, mais coida que hai cuestións que non se tratan ou non se contemplan de xeito suficiente, nomeadamente no relativo a prevención de lumes forestais. Ademais urxe a avanzar cara á profesionalización dun servizo publico que ademais responda ante diferentes emerxencias do entorno natural e rural e a defensa ambiental e da seguridade e saúde da poboación da Galiza.
Xunto a isto, no relativo a horarios e descansos para o cadro de persoal, considera que non se aborda no informe de forma axeitada. Por iso lembra que presentou en 2018 unha Proposición non de Lei para a reordenación do servizo público de incendios, que aporta solución ás rotacións e quendas horarias, unha maior operatividade e garante os descansos e ten en conta a conciliación familiar que hoxe non existe.
Canto a seguridade laboral, a CIG-Administración Autonómica considera que hai que reducir a carga de traballo e os accidentes laborais, polo que urxe recuperar os descansos do art. 19 do V convenio que foron suspendidos pola Lei de medidas do 2012 (compensacións horarias por traballar en domingos e festivos ou o descanso mínimo de dous dias). Ademais subliña como fundamental contar cun modelo dinámico para a cobertura inmediata de baixas, vacacións e/ou xa que as equipas deben estar completas e as gardas deben cubrirse as 24h todos os dias do ano.
Aumentar a dimensión e reducir a temporalidade
O obxectivo da CIG-Administración Autonómica era dobrar o número de brigadas actuais cunha temporalidade mínima de nove meses de duración ao ano. Isto incrementaría a eficacia como equipo de traballo e mantería os tempos de reacción. Porén, sinala que o informe unicamente establece que as brigadas de concellos traballen un mínimo de seis meses e, pola contra, non establece ese mínimo para as brigadas de reforzo da Xunta.
Canda isto, demanda que as brigadas helitransportadas profesionais volten estar conformadas integramente por persoal da Xunta de Galicia.
Isto xunto coa mellora das condicións físicas do persoal traballador cunha idade media entre 48 e 50 anos, para o que considera que fai falta ter preparadores físicos para os traballadores do SPIF e vixilancia da saúde específica.
Aínda que valora o feito de introducir tecnoloxía na detección e vixilancia de incendios, defende que sexa persoal propio da Xunta quen xestione.
Ademais demanda que se equipen os vehículos das unidades de bombeiros cun volume de auga para a extinción de 600 litros, ate o seu peso máximo autorizado e bombas máis eficientes.
Valoracións e propostas para a mellora da xestión
A CIG-Administración Autonómica valora que o informe contemple recomendacións e propostas que son eixes de traballo para a mellora da xestión do servizo de incendios forestais da Galiza. Nese sentido sinala que recolle cuestións que avalan as defendidas pola CIG, que fortalecen a operatividade e a mellora do dispositivo de incendios.
Entre outras salienta o concepto de multiemerxencia no medio natural e rural, fomentando a participación do persoal do servizo de incendios na intervención de emerxencias provocadas por riscos naturais (nevaradas, temporais, inundacións, etc)
A formación do persoal como eixo fundamental da profesionalización do servizo de incendios. Compre formación para facer fronte a nova tipoloxía de incendios forestais e aos seus perigos e coincidimos en que a formación axeitada é a correspondente ás cualificacións profesionais previstas.
A aplicación da lexislación de protección civil para a protección das persoas no medio natural e rural ou a coordinación cos distintos servizos de emerxencias, cos bombeiros - forestais e urbanos-. Neste sentido subliña que a central sindical leva feito “un esforzo inxente para acadarmos o recoñecemento da categoría de bombeir@ forestal cos seus dereitos laborais ademais da posibilidade de combinar servizos”.
No relativo aos criterios técnicos (medios), comparte a necesidade de reincorporar medios aéreos (avionetas), vehículos motobomba e a implantación de índices preditivos.