UTE Carballo Urbaser sanciona o delegado de persoal tras reclamar a regularización dos soldos ao SMI
A CIG concentrouse este xoves diante das instalacións da empresa UTE Carballo Urbaser (situada na rúa Desiderio Varela) en rexeitamento á sanción inxusta e desproporcionada imposta ao delegado de persoal e para reclamar a retirada inmediata deste castigo completamente inmerecido.
A UTE Carballo Urbaser (que presta o servizo de recollida de lixo e residuos sólidos de Carballo) sancionou o delegado de persoal da CIG cunha suspensión de 21 días de emprego e soldo, xusto despois de facer unha reclamación para que a empresa cumprira coa lei e procedera a regularizar os salarios dos traballadores e traballadoras con respecto ao SMI, xa que a día de hoxe a maioría do cadro de persoal segue percibindo retribucións por debaixo do salario mínimo interprofesional.
O responsábel da Unión Local da CIG de Carballo, Martín Caamaño, tamén critica o proceder de Urbaser á hora de afrontar a negociación colectiva, xa que a sanción se produce no marco da negociación do convenio colectivo, sendo o delegado parte da mesa de negociación, polo que para a CIG "estamos ante unha clara actuación represiva contra o representante legal dos traballadores/as".
A empresa -unha UTE conformada polas compañías Urbaser SA e Servicios Gallegos de Lacería SL- ten a concesión da recollida do lixo, a xestión da canceira e o punto limpo, e conta con arredor de 20 traballadores e traballadoras. Na concentración deste xoves, a CIG reclamará a retirada inmediata da sanción ao delegado de persoal, mais tamén que a negociación do convenio se faga de boa fe así como unha mellora real nas condicións salariais e laborais do persoal.