Urxen un cambio de política lingüística no ensino para reverter a situación de emerxencia na que está o galego

No marco das IV Xornadas de Normalización Lingüística organizadas pola CIG-Ensino, A Mesa e a AS-PG
Nacional - 27 Xan 2025

As IV Xornadas de Normalización Lingüística, organizadas pola CIG-Ensino, A Mesa e a AS-PG, contaron este ano cunha participación máis activa de profesorado que nas edicións anteriores dada a situación de emerxencia na que se atopa o galego, tal e como veñen de reflectir os estudos estatísticos do IGE o pasado ano e do INE máis recentemente.

Precisamente foi no debate celebrado tras a ponencia da profesora Pilar García Negro a primeira hora, e que contou con representantes das tres entidades organizadoras, da Real Academia Galega, do Consello da Cultura Galega e co secretario xeral da Lingua, Valentín García, onde esta participación foi máis intensa.

Foron unánimes as voces das persoas presentes en reclamar un cambio de política lingüística no ensino que free o devalo de falantes en xeral (hai 400.000 persoas menos que hai 20 anos que se declaraban monolingües en galego ou bilingües) e a merma na competencia no noso idioma en particular (un terzo do alumnado que remata a ESO afirma non saber expresarse en galego).

As tres entidades organizadoras (a CIG-Ensino, a Mesa e a AS-PG) pediron a derrogación inmediata do Decreto de Plurilingüismo, ao que responsabilizaron en boa parte desta situación, formar parte dos grupos de traballo que a Consellaría de Cultura anunciou para chegar a un suposto “pacto” pola lingua e que se tome en consideración a súa proposta de bases pola normalización lingüística no ensino acordada con outras organizacións sindicais e movementos de renovación pedagóxica no ano 2020.

Así mesmo afeáronlle ao secretario xeral da Lingua que a Xunta manteñan medidas tan lesivas como eliminar que se faga unha proba en galego dentro das oposicións docentes ou para o resto da administración autonómica, aprobada tamén desde a chegada do PP á Xunta. Igualmente pediron un plan específico de formación para o profesorado en materia lingüística e sociolingüística, tanto para o que xa está dentro do sistema educativo como para o que se está a formar nas facultades, estendendo a galeguización do ensino ás Universidades e ao resto das ensinanzas postobrigatorias ou de réxime especial.

Na maior parte destes aspectos concordaron os representantes da RAG, o seu vicepresidente, Henrique Monteagudo, e do Consello da Cultura Galega, Hakan Casares, quen fixeron fincapé na necesidade de levar a cabo investigación aplicada con proxectos piloto de fomento do galego, como escolas infantís nas que a lingua vehicular sexa o galego; a implicación de todas as institucións, nomeadamente Xunta e concellos; ou a maior dotación de recursos ás equipas e departamentos de normalización lingüística.

Tamén a necesidade de prestixiar o noso idioma en todos os ámbitos; o fornecemento de material didáctico ao profesorado para a aprendizaxe do noso idioma por parte de alumnado inmigrante e a ampliación da oferta formativa na nosa lingua para adultos/as ben a través das EOI, ben a través doutro tipo de cursos que cheguen a todo o territorio.

Pola súa banda, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, indicou que se “podía abrir o decreto, sempre que haxa un clima de consenso político” insistindo en que ”buscar unha única causa na perda de falantes é un erro e pensar que unha única solución pode valer para todos os contextos e para todos os territorios”.

Neste sentido atribuíu a responsabilidade de falar ou non galego “a cada un dos 2,7 millóns de habitantes que ten Galiza e que as familias poden elixir como educar aos seus fillos e fillas”, ao que o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, lle lembrou que precisamente a elección da lingua vehicular en infantil por parte das familias fora un elemento do Decreto de 2010 tombado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, e Ana Pérez Rico, presidenta da AS-PG, lle contestou que sen coñecelo, tal e como certifican todas as estatísticas, non poden escoller libremente se o empregan ou non.

Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística salientou outros ámbitos nos que “a Xunta non cesa nos seus ataques contra a nosa lingua como aprobar unha norma que permite que a radio e televisión públicas galegas emitan contidos en linguas que non sexan o galego, deixala fóra do proxecto de lei que vai desenvolver e impulsar a intelixencia artificial en Galiza, non esixir o seu coñecemento para profesionais do SERGAS, impedir o seu uso na administración de xustiza ou permitir que se vulneren continuamente os dereitos lingüísticos da poboación, entre outras afrentas”.

Conclusións e propostas

Nas Xornadas, nas que tamén participou, ademais da xa mencionada escritora e profesora da UDC, Pilar García Negro, a profesora da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, María Soliña, o profesor de soliciolingüística vasco, Kike Amonarriz, e nas que se presentou o libro Liberdade para o galego. Política, uso e disposicion da lingua, de Elsa Quintas e Marcos Maceira, achegáronse unha serie de conclusións e propostas dirixidas sobre todo ao profesorado, na liña de animalo a denunciar calquera tipo de discriminación do galego e superar os límites e prohibicións do actual decreto convertendo o galego na lingua da docencia nos centros de ensino.

“Foi precisamente a actitude comprometida do profesorado a que permitiu desde sempre suplir a falta de vontade política e o carácter desfavorecedor da lexislación educativa aínda vixente. A situación actual fai que sexa un obxectivo irrenunciábel que o galego sexa lingua vehicular de todo ensino de xeito que se empregue en todas as materias e todos os niveis educativos tal como se recollía, xa no ano 2020, na proposta de Bases para a normalización lingüística en Galiza, consensuada con outras organizacións sindicais, sociais e de renovación pedagóxica”, indicaron desde a organización.

Ademais, citáronse como necesarias outras medidas concretas para esixir á administración e facer forza conxunta na súa consecución: a galeguización dos currículos de xeito que se coñeza e valore a nosa particularidade como País en xeral e a nosa lingua en particular, a creación dun plan de formación do profesorado dirixido a acadar a normalización lingüística, a exixencia de realizar cando menos unha das probas en lingua galega nas probas de acceso á función pública docente, así como o fomento de materiais didácticos para todas as materias e módulos profesionais e, nomeadamente, en educación infantil.

Por todo iso como conclusión destas xornadas reclamaron:
  1. A actualización do PXNL do ano 2004, abandonado pola Xunta, e posta en vigor das súas propostas, reactivado de inmediato como punto de partida en aras dunha normalización lingüística real.
  2. A urxente derrogación do Decreto de Plurilingüismo e a posta en marcha dun modelo de normalización lingüística plena no ensino.
  3. A adopción de medidas concretas no ámbito educativo, hoxe en día fortemente desgaleguizador, que atallen a sangría de falantes e a perda de competencia oral da lingua.
  4. Un cambio de rumbo radical na política lingüística da Xunta de Galiza que garanta e facilite a utilización do galego en toda situación, lugar e circunstancia e que supere a actual proposta de partida que valoramos como totalmente insuficiente.

Por último incidiron no chamamento ao profesorado galego para que “se manteña firme no esforzo e superación de limitacións a respecto da lingua, tal como demanda a plataforma Queremos Galego da que as entidades organizadoras forman parte, incidindo en que a reversión desta situación é posíbel cun compromiso de todas e todos que debería ficar reflectido nos Proxectos Lingüísticos dos Centros”.

Ao mesmo tempo, “é preciso ter en conta a necesaria acción colectiva de toda a comunidade educativa á que facemos un chamamento para unha urxente activación da resposta social para avanzarmos na normalización lingüística nos centros educativos. Para isto debemos partir de propostas alternativas que supoñan unha resposta necesaria diante da situación de emerxencia lingüística e da inacción do goberno galego”, concluíron.