Uruguai: Multitudinaria marcha contra a reforma da seguridade social

Nicolás Centurión - 27 Mar 2023

 Este 23 de marzo a central única de traballadores do Uruguai, PIT-CNT, realizou unha folga e mobilización contra o proxecto do goberno neoliberal que busca aumentar a idade de xubilación de 60 a 65 anos e deixar as súas pensións en mans de fondos privados.

 Desde o goberno aseguran que, coa reforma, xubilados e xubiladas gañarán o mesmo ou máis. Desde a central sindical consideraron que o proxecto impulsado polo goberno é “criminal” e aseguran que seguirán a se mobilizar na súa contra no caso de que se aprobe. Fronte a isto, desde os sindicatos, propúxose que se dea a opción de optar polo sistema anterior ou o novo e que cada traballador/a estime cal lle convén.

 Ademais de incrementar a idade de xubilación, a reforma impulsada polo presidente Luis Lacalle volverá obrigatorio para todas as traballadoras e traballadoras contribuír ás administradoras privadas de fondos de aforro de pensións (AFAP), creadas en 1996 e as que actualmente só é obrigatorio contribuír se se percibe un salario superior a un montante fixado pola lei. Mentres, todos os traballadores e traballadoras contribuían ao Banco de Previsión Social.

 Os analistas consideran que seguir pensando nunha reforma en contra da opinión dos representantes sociais non soamente é unha barbaridade política, senón que claramente violenta unha das columnas constitutivas da Organización Internacional do Traballo (OIT).

 O proxecto parece ser máis presidencial que da coalición dereitista de goberno: o deputado Aberto Álvaro Perrone negou este venres que exista un acordo entre os socios da coalición multicolor para implementar 11 cambios no proxecto de reforma da seguridade social exixidos pola súa agrupación e o Partido Colorado, ambos os integrantes da coalición multicolor do goberno neoliberal..

 Os traballadores concentráronse na chaira da Universidade da República para se manifestaren cara ao Palacio Lexislativo onde hai días están montadas carpas de protesta. As rúas tinxíronse de fumes de cores e alagáronse co son da pirotecnia, que acompañou a multitude durante o traxecto.

 Ás bandeiras de cada sindicato, sumáronse un gran número de carteis con mensaxes contra a reforma, que ían desde os máis sinxelos, como “non a esta reforma”, aos que cuestionaban un “exceso de oligarquía” e pedían por un “plebiscito que garanta unha seguridade social do pobo”.

 As intervencións comezaron por Lucía Padula, en representación da Intersocial, que reafirmou o rexeitamento da organización ao proxecto impulsado polo goberno. Manifestou que “con esta reforma, o goberno séguenos demostrando que favorece á malla ouro” e que “pretende que todas as crises as paguen os traballadores e traballadoras, e os sectores máis vulnerábeis da sociedade”. Sinalou que a iniciativa “carece de perspectiva de xénero, ignora as disidencias, as persoas en situación de discapacidade e as crianzas”.

 Enrique Méndez, responsábel da Secretaría de Organización do PIT-CNT, que sinalou que a reforma é unha “síntese brutal” do proceso de axuste que “vén levando a cabo o goberno” e que “segue golpeando os sectores máis vulnerábeis da sociedade”. Afirmou que a iniciativa naceu “sen apoios populares” e que con esta mobilización iso quedou demostrado. Por esa mesma liña, lembrou que “toda a representación social no Banco de Previsión Social se opuxo a esta reforma criminal” e que mesmo se opuxo a representación dos empresarios.

 Méndez asegurou que o peso da reforma “cae sobre os sectores populares do país”, “as políticas sobre seguridade social teñen que ser de avance e para mellorar as condicións das grandes maiorías populares”, engadiu.

A reforma que deforma

 O PIT-CNT sinala que é necesaria unha reforma que abranga de xeito integral o sistema de seguridade social. “Uruguai é o único país do mundo no que ao sistema previsional achegan máis os traballadores que os empresarios», apuntou Gabriel Molina, titular do Sindicato Único de Telecomunicacións (SUTEL).

 O proxecto xa foi aprobado no Senado e agora está á espera do tratamento en Deputados, onde a coalición oficialista ten maioría. Non obstante o PIT-CNT non desbota -en caso de ser aprobado- sinaturas as firmas necesarias para sometela a consulta popular.

 A central sindical sostivo desde a súa conta de Twitter que a reforma “limita” os dereitos dos traballadores, e que “non é a que necesitamos”, xa que a esta debe ser integral e non só referida ás xubilacións. A organización de traballadores afirmou que “outra reforma é posíbel”, e convocou a mobilizarse baixo a consigna “polo meu futuro e polo teu”.

 O presidente Lacalle, nun recente xantar na Asociación de Dirixentes de Mercadotecnia (ADM), dixo que a progresista Frente Amplio “está a desexar” que se aprobe a reforma neste goberno. Mesmo redobrou a aposta: todos “os partidos políticos” que pretenden chegar ao goberno nas eleccións de 2024 “van estar aliviados se se aproba esta reforma”, expresou.

 Do outro lado do océano chegan novas desde Francia onde as protestas contra a reforma de pensións nese país vai a máis a nivel nacional e cun compoñente intenso de mobilizacións, represión, folga xeral e gran conflitividade. Deste lado do océano, a ritmo pausado con pouco involucramento social –aínda que esta marcha sexa multitudinaria- parece que a reforma, a pesar do axuste que supoñerá, vén saíndo airosa.

 

[Artigo tirado do sitio web Estrategia Latinoamericana, do 24 de marzo de 2023]