O 60% persoal de Unísono secunda a folga por melloras laborais, o cese das presións e os erros constantes nas nóminas

En campañas como a de Abanca o seguimento da folga acada o 80%
Vigo - 15 Abr 2026

Arredor do 60% das traballadoras e traballadores de Unísono-Intelcia en Vigo están secundando a xornada de folga para reclamar melloras laborais, medidas para rematar coa excesiva presión á que está sometido o persoal e que, dunha vez, se corrixan os continuos problemas coas nóminas.

Aínda que o gran volume de persoal que está en teletraballo dificulta contabilizar o seguimento da folga, o 60% das traballadoras e traballadores en presencial non acudiron hoxe ao seu posto e en campañas como a de Abanca o seguimento mesmo acadou o 80% do persoal.

O comité denuncia que leva máis dun ano trasladándolle á empresa unha serie de problemáticas sen obter ningunha resposta. Mentres, neste tempo produciuse unha reestruturación do departamento de quendas que deixou de xestionarse dende Vigo para pasar a un modelo global dentro de Unísono. O resultado, explican, foi unha maior presión para o persoal de quendas e unha xestión deficiente desas e das reclamacións presentadas a través da plataforma Creatio.

“Isto tradúcese en que compañeiros e compañeiras teñan que traballar moitos máis fins de semana e festivos sen telo solicitado; e na imposición de descansos semanais separados para facilitar a organización da empresa e evitar novas contratacións”, critica o comité. Ademais, cando un día de descanso semanal coincide cun festivo, a empresa négase a compensalo, a pesar das sentenzas do Tribunal Supremo que avalan este dereito.

A esta precariedade súmase a “situación insostíbel” das nóminas con erros constantes mes tras mes, descontos inxustificados, incentivos non abonados e conceptos mal calculados. “Polo que solicitamos que as reclamacións sexan xestionadas directamente co departamento de Relacións Laborais e que as respostas sexan razoadas, pero tras varias xuntanzas só obtivemos evasivas”.

Formación e recoñecemento da experiencia

Con esta folga tamén se reivindica unha formación continua “real e presencial”, porque a formación “non pode limitarse a unha lectura rápida de novidades ao entrar ao posto”. En consecuencia, o persoal esixe tempo efectivo para a lectura de novidades dentro da xornada; formacións de reforzo de calidade; e reunións presenciais dos equipos para fomentar a cohesión e resolver dúbidas, “fuxindo de parches dixitais”.

Que se valore así mesmo a experiencia laboral, recoñecendo a antigüidade de todo o persoal indefinido e abonando o plus de polivalencia a quen asume diversas tarefas e habilidades. E se dote as persoas traballadoras do material básico e as ferramentas axeitadas para desenvolver as súas funcións, xa que na actualidade carecen por exemplo de regretas, elevadores de pantalla, teclados, ratos, etc.

Por último, reclaman medidas para garantir a seguridade nas zonas comúns, poñendo fin aos roubos mediante a provisión de taquillas seguras e suficientes para todo o persoal.