Unión Europea: cara a unha segunda vaga de desemprego?

Michel Husson - 02 Feb 2021

Sería inxenuo pensar que un posíbel reinicio tras a pandemia podería devolvernos á situación anterior á crise. Ou pensar que os “días de despois” corrixirán espontaneamente as taras do sistema. Porque as clases dominantes seguen emboscadas e xa preparan a súa resposta

 Mesmo aínda que iso signifique xogar ao avogado do demo, hai que comezar con esta constatación: a primeira vaga de desemprego estivo relativamente contida na zona euro.

 Relativamente, iso significa que o emprego caeu netamente menos que a actividade económica (PIB) e especialmente que o número total de horas traballadas. E que, ademais, o desemprego se viu contido polo aumento do número de quen tivo que deixar de buscar traballo.

A amplitude do choque

Algúns cálculos (necesariamente aproximados dada a fraxilidade dos datos) conducen a valoracións mareantes. Entre 2019 e 2020, o número total de horas de traballo se reduciu en arredor dun 12% na zona do euro, o que equivale a 35.000 millóns de horas. Esas son aproximadamente o número de horas traballadas no Estado español en 2019. Pero o emprego caería “só” en 4 millóns, aproximadamente o 2 ou 3%, mentres que a actividade económica (PIB) caeu un 8%. Se xuntamos estas dúas cifras, descubrimos que o tempo medio de traballo caeu arredor dun 10%, pasando de 1.800 a 1.630 horas ao ano. Este é o resultado do recurso masivo aos mecanismos de mantemento do emprego en forma de desemprego parcial e paro técnico. Dito doutro xeito, esta redución do tempo de traballo “defensivo” permitiu absorber parcialmente o choque. Este é un punto importante que non esquecer.

 En canto ao desemprego, o seu crecemento até o de agora foi moderado: a taxa de desemprego aumentou só 1,2 puntos na zona euro entre febreiro e outubro de 2020. Porén, a perda de emprego foi importante: o número de persoas empregadas foi de 5,2 millóns menos no segundo trimestre de 2020 en comparanza co final de 2019, unha diminución do 3,2%.

 Como explicar que teñamos tanto unha caída significativa do emprego como un aumento moderado do desemprego? A razón dáa un estudo do Banco Central Europeo (BCE)[01], do que se extraen os datos que se utilizan aquí: “A poboación activa caeu nuns cinco millóns de persoas no primeiro semestre de 2020”. É dicir, unha gran proporción de solicitantes de emprego deixou de buscar un, por diversas causas vinculadas á crise sanitaria.

Escuras predicións

 Segundo a Comisión Europea, o desemprego na zona euro aumentará en 1,9 millóns en 2021, e despois 1,4 en 2020, co que o número de parados e paradas achégase aos 16 millóns, e isto malia unha recuperación do crecemento estimada nun 4%. No caso de Francia, as estimacións converxen para dicir que se destruíron de 800 a 900.000 postos de traballo en 2020 [segundo o Ministerio de Traballo, no Estado español perdéronse 622.600 postos de traballo e o desemprego aumentaría en 724.000 persoas, a cifra máis alta desde o 2009]. Doutra banda, as previsións para 2021 non chegan a un consenso: 435.000 postos de traballo creados segundo o goberno no seu proxecto de orzamento, pero case cero segundo a Banque de France e a OFCE [02] Les Échos, 15 de decembro de 2020. Polo tanto, segundo a OFCE, a taxa de paro debería seguir aumentando até alcanzar o 10,6% a finais de 2021[o Banco de España corrixiu as súas previsións máis negativas co comezo da vacinación, pero malia todo prevé que o desemprego no Estado español se vai manter entre o 17,1% e o 20,5% [03].

As cicatrices da crise

 Estas previsións son moi aleatorias porque dependen de parámetros sobre os que pesa a maior incerteza. En primeiro lugar, está a evolución global da pandemia: o ritmo da súa propagación (ou da súa extinción gradual) dá un perfil específico á evolución económica. Ademais, non todo o mundo foi golpeado do mesmo xeito, o que significa que as cicatrices da crise non desaparecerán todas, ou en todo caso non ao mesmo ritmo. Podémolas evocar rapidamente aquí: están as e os precarios, os e as estudantes e a xente nova en xeral, os sectores particularmente afectados (restauración, cultura, aeronáutica, sector asociativo) e ameazados de crebas. Sobre os estudantes, a revista do FMI publicou un artigo co revelador título: “A sombra permanente dunha recuperación desgraciada”[04]. A nivel macroeconómico, a mesma “sombra permanente” paira sobre os diferentes elementos da demanda: os consumidores (ou máis ben o 20% máis rico) gastarán os seus “aforros forzosos”? As empresas van investir? Renovaranse as exportacións?

Contragolpe?

 Xa que logo, sería inxenuo pensar que un posíbel reinicio podería devolvernos á situación anterior á crise. Ou pensar que os “días de despois” corrixirán espontaneamente as taras do sistema. Porque as clases dominantes seguen emboscadas e xa preparan a súa resposta. Por suposto, os seus intereses foron ben defendidos, mais a súa situación viuse comprometida e o seu obxectivo será recuperar a rendibilidade. Para logralo, un dos medios é cepillar a nómina, recortando salarios e emprego. Algunhas persoas falan da necesidade de eliminar os patos coxos, denominados “empresas zombis”, outras consideran a automatización para mellorar a súa prodctividade, ou a extensión do teletraballo.

 Este desexo de recuperar o tempo perdido e aproveitar a oportunidade xa está ilustrado pola posta en marcha de plans sociais ou o continuo endurecemento das indemnizacións por desemprego.

 Unha enquisa de Unédic [entidade que xestiona as prestacións de desemprego en Francia][05] sinala que “tanto os asalariados como os demandantes de emprego din que están dispostos a facer concesións para ter mellores oportunidades de que o seu proxecto profesional teña éxito”. O que un director de axencia do Pôle Emploi (parafraseando a Marx) traduce do seguinte xeito: “por mor da crise, hai máis man de obra dispoñíbel. Os empregadores poden permitirse o luxo de permanecer esixentes. Ou mesmo de selo máis”[06].

 Todos estes proxectos non son o resultado de leis económicas senón de relacións sociais de forza, e é por iso polo que hai que se preparar para unha brusca reacción social e política. Máis que centrarse na eventual cancelación da débeda pública en poder do BCE e na teoría monetaria, sen dúbida é máis urxente poñer en primeiro plano o tema da defensa e a transformación social en torno a dúas ideas. A primeira é a da redución do tempo de traballo, xa que esta é a que permitiu reducir a magnitude do choque.

 A segunda é a da garantía do emprego. En calquera caso, é sobre estas cuestións vitais sobre as que se centrarán os conflitos sociais vindeiros.

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 25 de xaneiro de 2021]