Unhas 5.000 persoas mobilízanse en Viveiro en defensa da sanidade pública

A manifestación discorreu baixo o lema “pola resurrección da nosa sanidade”
Viveiro - 24 Mar 2025

Arredor de 5.000 persoas manifestáronse polas rúas de Viveiro este domingo para denunciar o desmantelamento da sanidade pública na comarca e a falta de persoal e medios tanto na atención hospitalaria como en primaria. Baixo o lema “pola resurrección da nosa sanidade”, a mobilización convocada pola Plataforma en defensa da sanidade pública da Mariña partiu do entorno da Cruz Vermella e rematou diante do centro de saúde onde se deu lectura ao manifesto final contra as políticas de recortes, privatizacións e desmantelamento do Goberno da Xunta.

“A Mariña saíu novamente á rúa para lembrarlle a quen xestiona a nosa sanidade que estaremos agora, aquí e sempre, na defensa da sanidade pública”, asevera a CIG-Saúde, quen denuncia que “o que ten que facer o presidente da Xunta é deixar de mentir e manipular, de recortar e de privatizar a sanidade pública da Mariña e escoitar as demandas dos mariñaos e das mariñás”.

Con esta resposta contundente, a comarca denuncia o desmantelamento da atención primaria con falta de recursos humanos (persoal médico, pediatras, enfermaría, matronas, traballadoras sociais, PSX…) e materiais; PAC sen dotación adecuada; falta de servizo de logopedia; ou un hospital que foi ampliado grazas á mobilización social, pero que non conta con máis e mellores servizos.

Como exemplos, subliña a CIG-Saúde, a falta de dunha consulta de cirurxía vascular, electroencefalogramas, densitometrías, panorámicas dentais ou electromiografías aumentando as derivacións aos hospitais privados de Lugo e A Coruña non só para probas diagnósticas, tamén para intervencións cirúrxicas.

Xunto a isto, apuntan a unha situación de “alerta vermella” en servizos como medicina interna, uroloxía, cardioloxía, dixestivo, dermatoloxía ou radioloxía por falta de persoal “que provoca suspensión de consultas, aumento das listas de espera e derivacións a Lugo para probas diagnósticas, cirurxías e ingresos”.

A falta de profesionais, apunta a CIG-Saúde, “non se debe tan só a escaseza destes, e así atopámonos con categorías nas que existe moita dispoñibilidade, pero o SERGAS négase a incrementar o cadro de persoal como acontece, entre outras categorías coas técnicas de farmacia ou servizos como o paritorio que se atopa sen dotación de TCAE.

Consecuencias de anos de políticas de recortes do PP

Para o sindicato nacionalista, esta, e non outra, “é a verdadeira sanidade de Rueda. Mentres, o PP defende que está a realizar unha magnífica xestión, un discurso soberbio e frívolo cando se xoga coa saúde das persoas”. A CIG-Saúde reitera que a actual situación de desmantelamento e falta de profesionais “non é froito dunha fatalidade nin dunha maldición bíblica, é froito de todas as decisións do PP destes anos e dunha política de recortes continuos que ten consecuencias”.

Reivindicacións fundamentais

Dende o sindicato nacionalista inciden en que algunha das reivindicacións básicas e fundamentais para garantir unha asistencia sanitaria de calidade na Atención Primaria son a creación de prazas de persoal de todas as categorías profesionais en xornada ordinaria e redución de cupos; estabelecer o cupo base de persoal médico e enfermería nun máximo de 1.250 tarxetas sanitarias(TSI), e 800 en pediatría; dotar de pediatras a todos os centros de saúde da Mariña; incrementar os/as profesionais de apoio coa incorporación de matronas, traballadoras/es sociais, odontólogas/os e hixienistas dentais, fisioterapeutas, logopedas, terapeuta ocupacional, PSX…

De igual xeito, demandan a cobertura do 100% das ausencias en todas as categorías; dúas equipas completas enfermaría-médica en todos os PAC e dotalos de material.

Recupera a área sanitaria roubada

No relativo á Atención hospitalaria reclaman a recuperación da “área sanitaria roubada”; a dotación de electromiogramas, densitometrías óseas, electroencefalogramas, consulta de cirurxía vascular, e recuperar a implantación de marcapasos, as operacións de fimose pediátrica...; dotar tamén do persoal necesario en todas as categorías existentes, e crear prazas públicas de logopedas, terapeutas ocupacionais etc.

Así mesmo, rematar coas derivacións aos hospitais privados de Lugo e A Coruña e as privatizacións de servizos hospitalarios (mantemento, historias clínicas…).

“Nin nos rendemos nin nos resignamos e sairemos unha e mil veces á rúa para que o Partido Popular teña moi claro que non imos dar nin un só paso atrás na defensa dos nosos servizos públicos como é a sanidade de todas e todos”, conclúen.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.