Unhas 300 persoas percorren as rúas de Ponteareas en defensa do emprego en Ganomagoga
Arredor de 300 persoas participaron na manifestación convocada este xoves polo comité de empresa de Ganomagoga para reclamar unha solución á crítica situación económica que atravesa o grupo de empresas que permita o mantemento dos preto de 200 postos de traballo. A representación sindical manterá unha xuntanza coa Subdelegación do Goberno en Pontevedra tras o encontro celebrado onte coa Consellaría de Industria, no que os responsábeis do departamento autonómico trasladaron a existencia de posíbeis inversores que estarían interesados en adquirir algunhas das compañías do grupo, mais sen achegar nada en concreto.
A marcha a pé arrincou pasadas as 18:30 horas e tardou hora e media en percorrer a distancia entre as instalacións de Talleres Ganomagoga, na Gándara, na parroquia de Areas, e o Concello de Ponteareas, onde a mobilización quedou disolta tras a intervención do presidente do comité de empresa, Xabier Pérez, da CIG, quen agradeceu a todos os presentes o seu apoio e solidariedade e reafirmou o compromiso dos traballadores/as de Ganomagoga coa loita polo mantemento dos empregos. “Somos moitas familias afectadas por esta situación e imos continuar loitando en defensa dos nosos postos de traballo”.
Dende o comité de empresa explicaron que no marco das xestións institucionais postas en marcha para intentar salvar os postos de traballo o vindeiro martes 21 manterán unha xuntanza cos responsábeis da Subdelegación do Goberno español en Pontevedra. Onte tivo lugar un encontro coa Consellaría de Industria, no que dende o departamento autonómico se lles trasladou a existencia de posíbeis inversores interesados en adquirir algunhas das compañías que integran o grupo, mais sen achegar ningunha oferta nin proposta concreta.
Os responsábeis de Industria limitáronse a sinalar que analizarán toda a documentación do ERE para a totalidade do persoal presentado pola empresa, “e que no caso de que estea todo en regra non poden facer nada para paralizar o proceso de rescisión de contratos”. Neste senso, dende o comité anuncian que continuarán coa campaña de mobilizacións e de xestións institucionais en defensa do emprego en Ganomagoga.