As delegadas da CIG no comité de Seguridade e Saúde da residencia de maiores DomusVi Ribadumia denuncian publicamente o grave accidente laboral sufrido por una xerocultora deste centro, arredor das 10:00 horas da mañá do día de onte, mércores 12 de agosto. A traballadora tivo que ser asistida e evacuada de urxencia polos servizos médicos do 061 tras sufrir un severo golpe de calor derivado do sobre esforzo físico que supón levantar e mobilizar as persoas residentes baixo condicións de estrés térmico inasumíbeis
Este grave incidente, advirten, lonxe de ser un feito illado ou accidental “é a consecuencia directa da pasividade, a neglixencia e a mala xestión da dirección da empresa”. O comité leva semanas denunciando perante a empresa e ante as autoridades que o cadro de persoal está a soportar temperaturas extremas e ilegais no interior do centro (acadando nalgúns momentos os 40 ºC en zonas como a cociña ou os 36 ºC noutras estancias onde conviven coas persoas residentes), sen que DomusVi teña adoptado ningunha medida preventiva nin instalado sistemas de climatización eficaces.
Neglixencia tras as visitas da Inspección de Traballo
O feito que xera maior indignación entre o persoal é que esta evacuación médica se produce xusto despois de que o centro recibise a visita de Inspección de Traballo. Este organismo xa foi alertado polo comité das pésimas condicións climáticas e da falta continuada de substitucións que sobrecarga as xerocultoras que están en quenda, co consecuente risco inminente para a saúde das traballadoras e das persoas usuarias de avanzada idade.
A pesar da visita da Inspección, DomusVi continuou sen poñer solucións reais, priorizando o aforro económico por riba da saúde laboral e da integridade física do seu persoal e das persoas residentes. "A empresa prefire xogar coa nosa saúde antes que investir en climatización, tapando as súas vergoñas mentres nos esixen levantar a decenas de usuarios/as e traballar baixo mínimos", sinalan dende a representación das traballadoras.
Ante este accidente laboral con derivación ao 061, o persoal di "basta". O comité de DomusVi Ribadumia esíxelle á Xunta de Galiza e ás autoridades laborais unha intervención inmediata, contundente e sancionadora contra a empresa “antes de que haxa que lamentar unha desgraza maior ou con consecuencias irreversíbeis para as traballadoras ou para as persoas residentes”.