Gasóleos Tea acosa a unha traballadora que colleu unha baixa por maternidade
O Xulgado do Social de Vigo acollerá este luns 19 o xuízo no que se dirimirá a denuncia presentada por unha traballadora contra Gasóleos Tea, empresa dedicada á distribución de combustíbel, por vulneración de dereitos fundamentais. Os problemas para a afectada, que tivo que coller varias baixas laborais por depresión como consecuencia do trato denigrante á que a somete a compañía, comezaron tras coller unha baixa por maternidade.
Dende a FGAMT-CIG queren aproveitar a próxima celebración da vista xudicial para denunciar publicamente a situación na que se atopa esta traballadora como consecuencia do “trato inaceptábel” que recibe por parte da empresa: berros e reproches, críticas inxustificadas ao seu traballo, un control esaxerado de todo o que fai, insultos, humillacións constantes, difamacións falsas, etc. Segundo sinalan, esta situación xa lle causou varias baixas laborais por depresión, mentres que na actualidade “atópase totalmente desfeita a nivel psicolóxico”.
Na central explican que a afectada presta servizos como administrativa para esta empresa no centro de traballo da Guarda dende o ano 1995. En 2011 reincorporouse ao seu posto logo dunha baixa por maternidade e, coincidindo cun cambio na administración da empresa, reducíronlle drasticamente o salario.
Logo dunha reclamación xudicial ambas partes chegaron a un acordo retributivo. Mais xunto coa baixada salarial comezou a sufrir constantes desprezos públicos e humillacións, “incluso inventando cousas co fin de atentar contra a súa dignidade”. Dende ese momento, e até o día de hoxe, esta persoa segue a traballar nunha situación límite.
Ademais, unha vez que fai uso do seu dereito á redución de xornada para o coidado da súa filla, a traballadora recibe comunicación da empresa (19-06-17) de que se pecha o seu centro de traballo e que terá que desprazarse a outro centro de traballo situado no concello de Ponteareas (a unha hora de camiño en coche da oficina actual).
Nova estratexia para que deixe a empresa
Dende a FGAMT-CIG sosteñen que o centro de traballo da Guarda non ten perdas económicos e sitúase nunha oficina propiedade da empresa que hoxe en día segue rotulada co seu nome, polo que non alteraría o funcionamento da empresa que ela traballara dende A Guarda. “Queda claro, por tanto, que a única intención da empresa é penalizala, denegándolle o seu dereito á conciliación, xa que entre ir e vir catro veces ao día destinaría diariamente catro horas máis a ir ao traballo”. Trataríase pois dunha nova estratexia para provocar que sexa a propia traballadora a que deixe o seu posto de traballo logo de máis de 20 anos na empresa.
“Ante esta situación de acoso tan límite, que atenta contra a súa dignidade e crea un entorno intimidatorio, degradante e ofensivo, é necesario visibilizar o que esta empresa está a facer coa traballadora e denunciar publicamente a dramática situación á que está sometida”, rematan.
Gasóleos Tea conta con centros de traballo na Guarda e Ponteareas, mais tamén distribúe combustíbel para calefacción a domicilio e para a industria da automoción en Vigo e noutras localidades da zona.