Unha sentenza recoñece o dereito dunha traballadora da limpeza a cambiar de quenda para poder conciliar
O Xulgado do Social número 1 de Ourense vén de facer pública a sentenza que condena a empresa Eulen a cambiar de quenda a unha traballadora do sector da limpeza que así o solicitara para poder conciliar a vida persoal, familiar e laboral. Dende a CIG, que asesorou a afectada na súa denuncia, valoran moi positivamente unha decisión xudicial que fixa ademais unha indemnización para a demandante.
A sentenza, contra a que cabe recurso diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TXG), establece o dereito da empregada a cambiar de quenda de traballo para poder atender os dous fillos menores que ten ao seu cargo, un deles con menos dun ano de idade.
Aínda que a lei recoñece o dereito a adaptar a duración e distribución da xornada para poder conciliar, moitas empresas non o permiten
Segundo explican dende a Secretaría das Mulleres da CIG de Ourense, a afectada desenvolvía o seu labor na quenda de noite (de 20:30 a 04:30 horas), e cando ten coñecemento de que hai unha vacante noutra quenda distinta e con horario diurno (de 11:30 a 19:30 horas) solicítalle á empresa o cambio para poder conciliar. “Pero a empresa denégalle este dereito rotundamente, polo que a afectada vese obrigada a denunciar”, indican.
Neste senso, lembran que “aínda que a lei recoñece o dereito a adaptar a duración e a distribución da xornada de traballo para facer efectivo o dereito a conciliación da vida persoal, familiar e laboral nos termos previstos na negociación colectiva ou no acordo que se chegue coa empresa, a día de hoxe segue a haber empresas que fan caso omiso e non permiten conciliar”.
Sanción económica
Tamén inciden no feito de que neste caso non se trata dunha pequena empresa local, “senón que estamos a falar de Eulen, compañía que de pequena ten ben pouco” e que presta servizos a nivel estatal de limpeza, seguridade ou traballo temporal. “Ademais é curioso, e sangrante ao mesmo tempo, que a persoa responsable de Eulen en Galiza sexa unha muller e leve uns apelidos ben recoñecidos publicamente”.
Finalmente, amosan a súa satisfacción polo feito de que a sentenza vaia acompañada tamén dunha sanción económica que a compañía deberá de abonarlle á traballadora como indemnización, “pois deste xeito moitas empresas farán algo máis de caso e permitirán que as mulleres poidan conciliar, ou cando menos, pensarano ben antes de poñer impedimentos”.