Unha sentenza recoñece o dereito de conciliación en Mercadona ao remate da garda legal para o coidado de crianzas
O Xulgado do Social número 2 de Pontevedra vén de recoñecer o dereito de conciliación do persoal de Mercadona unha vez rematado o período de garda legal para o coidado de crianzas menores de 12 anos. A decisión xudicial aclara o artigo 22 do convenio colectivo da empresa, que posibilita ampliar o dereito de conciliación até que as crianzas cumpran 15 anos mediante un novo contrato. Mais a dirección aplicábao de xeito que permitía a redución da xornada, pero non establecer unha distribución horaria que garantise a conciliación.
Responsábeis da CIG-Servizos de Pontevedra compareceron hoxe en rolda de prensa para denunciar que a empresa está a limitar na práctica o dereito de conciliación da vida laboral e familiar, mais pouco meses despois de que a central lograse representación no comité provincial de Pontevedra “o cadro de persoal comeza a avanzar en dereitos”. Xa que a recente sentenza do Xulgado do Social número 2 recoñece o dereito dunha delegada da CIG a ampliar o dereito de conciliación laboral mantendo o seu horario até que as súas crianzas cumpran 15 anos.
Segundo explicaron, esta reclamación presentada pola central sindical permitiu aclarar un aspecto importante recollido no convenio colectivo, segundo o que un traballador/a cando remata o período de conciliación por garda legal de crianzas até os 12 anos pode ampliar este dereito até que a crianza teña 15 anos mediante unha negociación contractual a tempo parcial. “Isto significa que se lle permite esa a ampliación, pero mediante un novo contrato, algo que a empresa utiliza despois para presionar as persoas que o solicitan para que renuncien a este dereito”.
Neste senso, lembraron que tanto a dirección como o resto de sindicatos -CCOO e UGT- entendían que esta parcialidade xa garante o dereito de conciliación, “pero nós cremos que se non existe un horario pactado coa empresa non existe conciliación como tal”. Agora a sentenza vén a establecer precisamente isto, que se trata dun dereito de conciliación e non só a parcialidade do contrato. “Nin CCOO nin UGT se atreveron a reclamar este dereito e permitiron que Mercadona actuase con total liberdade á hora de aplicalo”.
Modelo de explotación laboral
Aproveitaron a comparecencia para poñer en valor o feito de que un sindicato como a CIG, combativo e reivindicativo, teña presenza no comité de empresa, porque permite avanzar en dereitos e rematar cos abusos por parte da dirección. “E cando falamos de abusos estamos a falar de xornadas continuadas de máis de 10 horas; distribución irregular da xornada que lle permite unha total flexibilidade á empresa á hora de cambiar os horarios semanalmente, e incluso na mesma semana; ausencia de descanso retribuído dentro da xornada continuada para o café ou a merenda (poden collelo, pero despois teñen que recuperar o tempo); ou elevadas cargas de traballo e ritmos moi altos”.
Finalmente, fixeron un chamamento aos traballadores/as de Mercadona para que “perdan o medo” e acudan á CIG para rematar con esta situación de precariedade que padecen e poder avanzar nos seus reitos, “poñendo fin ao modelo de explotación laboral da empresa”.
Manobras represivas
A propia afectada explicou que cando lle presentou un escrito á empresa ao rematar o período de garda legal para comunicarlle que seguiría facendo 30 horas semanais en lugar de 40 e lles sinalou o horario no que as viñera facendo “a resposta foi que non, que unha vez que reduces a xornada a dirección pode poñerche o horario que considere”. A partir de aí comezaron tamén unha serie de manobras represivas contra a traballadora, como cambios de sección que lle supuñan saír de traballar máis tarde do que ao viña facendo até o de agora.
A propia xuíza recolle na sentenza que non entende os motivos polos que a empresa cambiou a traballadora de sección, algo que Mercadona tampouco soubo xustificar por motivos organizativos ou de produción, e obriga a empresa a manterlle o mesmo horario que tiña durante a garda legal para o coidado de crianzas. “De xeito que a partir de agora xa queda claro que subscribir un novo contrato ao remate da garda legal até os 12 anos supón unha ampliación do dereito de conciliación”.