Unha sentenza pioneira gañada pola CIG-Ensino recoñece o dereito a indemnización por cese dun docente interino
O xulgado do contencioso administrativo de Pontevedra vén de ditar unha sentenza que rompe co proceder previo dos tribunais galegos ao respecto do recoñecemento do dereito a unha indemnización cando un docente interino é cesado e non obtén destino no curso seguinte. A sentenza fundaméntase no articulado da Lei 20/2021 de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, que estipula unha indemnización dun máximo de 20 días por ano, cun máximo de 12 mensualidades. A sentenza non é firme e a Consellaría poderá presentar recurso perante o TSXG.
Os elementos fundamentais da sentenza
O caso refírese a un docente que traballou ininterrompidamente durante 30 anos como interino para a Consellaría de Educación. Tras non obter praza no concurso de méritos excepcional non acada destino no curso 2023/24, pasando a situación de desemprego. A través da CIG-Ensino promóvese unha demanda xudicial na que se reclama a indemnización que se fixa na Lei 20/2021.
A defensa da Consellaría céntrase no que xa se dixo en múltiples ocasións na Mesa Sectorial e que a CIG-Ensino se nega a aceptar: que o sistema de contratación do persoal interino docente é curso a curso polo que non se pode entender que unha posíbel indemnización se calcule pola totalidade dos anos traballados senón, en todo caso, polo último curso (o que limitaría esa indemnización a 20 días de salario).
A argumentación da asesoría xurídica da CIG-Ensino, aceptada integramente polo xulgado, é que non se pode entender que haxa interrupción da relación laboral coa Consellaría e que o docente cumpriu cos requisitos fixados na Lei: presentarse ao proceso de estabilización e participar na petición de destinos provisionais, polo que corresponde a máxima indemnización que permite a Lei: un tope do salario dun ano, que neste caso eleva a contía a 44.713€, e isto con independencia de que a persoa cesada volvese obter destino novamente un ano despois.
Cautela e firmeza, coa idea clara de defender os dereitos do profesorado
Sobre esta sentenza a CIG-Ensino valora que:
A sentenza non é firme e, con seguridade, a Consellaría vai recorrela, polo que haberá que agardar ao final do proceso xudicial para coñecer os seus efectos non só neste caso particular senón nas repercusións que para todo o profesorado interino poida ter.
Desde o ano 2016 asistimos a moitos cambios nas decisións dos tribunais e, desde aquel momento, criticamos a quen se dedicaba a vender fume e a enganar ou confundir interesadamente o persoal temporal, sexa a nivel sindical ou desde despachos profesionais.
As primeiras sentenzas que denegaron o dereito á indemnización a profesorado interino en Galiza naquel ano 2016 (cando se produciron as primeiras novas sobre os ditames do Tribunal de Xustiza da Unión Europea) foron tamén en resposta a demandas promovidas pola CIG-Ensino e daquela perdemos.
Oito anos despois, e coa Lei 20/21 de por medio, que muda en parte as regras de xogo, obtemos esta sentenza, pioneira no ámbito docente, que aínda non podemos considerar como definitiva mais que implica un cambio radical e que apunta na dirección correcta desde a perspectiva da defensa dos dereitos do profesorado interino.
A sentenza ten un valor fundamental que, de se confirmar no TSXG, suporía algo transcendental, na liña do que a CIG-Ensino defende desde sempre: dá igual que os contratos docentes sexan anuais; se existe continuidade temporal entre un contrato e os seguintes hai que concluír que o tempo traballado a efectos de indemnización é o total dos anos traballados e non só o último curso, como pretende a Xunta para aforrarse cartos en posíbeis indemnizacións.
A sentenza garda relación directa co resultado do proceso de estabilización do concurso de méritos mais, desde o noso punto de vista, fixa un criterio (que novamente recalcamos que debe tomarse con cautela mentres non se confirme no TSXG) moi relevante de cada a futuros ceses de persoal interino que dun curso para outro non obteña destino: cumprindo coa obriga de participar na petición de destinos e existindo unha continuidade no tempo como profesorado interino superior aos 3 anos que fixa a Lei 20/2021, debería recoñecerse o dereito a indemnización que contempla esta norma.
O principal atranco de cara ao futuro recoñecemento de indemnizacións como a que se aplica nesta sentenza estará, aínda que pareza incríbel, nun pacto sindical. Na última modificación do acordo de persoal interino, coa posición contraria do sindicato maioritario (CIG-Ensino) e coa complicidade habitual do resto dos sindicatos da Mesa Sectorial (a minoría sindical conformada por CCOO, ANPE e UGT), a Consellaría incorpora unha cláusula que consideramos ilegal. Literalmente dise que “a indemnización prevista no artigo 24.4 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, non será de aplicación aos nomeamentos ou cesamentos na cobertura de prazas non estruturais”.
Isto quere dicir que a Consellaría buscará evitar o pago de indemnizacións en función dunha premisa que non é de libre decisión para o persoal interino: saber se a praza que ocupa cada ano é unha praza estrutural ou non. Como xa advertimos na negociación non só consideramos esa cláusula abertamente ilegal senón tamén unha vergoña que contara co respaldo sindical que obtivo.
Tanto desde a perspectiva dos dereitos individuais do profesorado interino, como desde unha correcta xestión das contas públicas, a alternativa pasa por asumir un compromiso de estabilidade para o profesorado interino de longa duración. Esa proposta foi, por enésima vez, posta enriba da mesa pola CIG-Ensino na última modificación do acordo de persoal interino, contando novamente co rexeitamento da Consellaría e dos sindicatos que manteñen o seu apoio a ese acordo nos termos actuais.