Unha sentenza obriga a CEVA, empresa de loxística de Stellantis, a axeitar a bolsa de horas á lexislación laboral

Terá que preavisar ao persoal con antelación, non poderá acumular xornadas en exceso e deberá compensalas dentro do ano
Vigo - 01 Out 2026

O Xulgado do Social número 4 de Vigo vén de obrigar a CEVA Logistics (antiga Gefco), empresa que se encarga da loxística na planta viguesa de Stellantis, a axeitar a bolsa de horas á lexislación laboral, xa que entende que a compañía utilizaba este mecanismo de distribución irregular da xornada para evitar recoñecer as horas extraordinarias. Tras a sentenza emitida o pasado 22 de setembro CEVA terá que preavisarlle ao persoal os cambios des xornadas cun mínimo de cinco días de antelación, non poderá acumulalas e deberá compensalas dentro do ano e non de xeito plurianual.

A resolución xudicial, contra a que a empresa xa presentou recurso diante do TSXG aínda que terá que aplicala de xeito inmediato, chega tras a demanda de conflito colectivo presentada pola CIG en febreiro de 2024 contra o acordo de 2008 entre a dirección e o SITG polo que se establecía unha bolsa de horas. 

A compañía utilizaba este mecanismo de distribución irregular da xornada para evitar recoñecer as horas extraordinarias

A central sindical consideraba que este mecanismo de distribución irregular de xornada regulada polo Estatuto dos Traballadores/as non se estaba a aplicar correctamente, polo que a partir de 2020 comezou a presentar denuncias na Inspección de Traballo, que até en tres ocasións recoñeceu que a empresa incumpría a normativa e cometía fraude de lei. En concreto, co que ten que ver cos preavisos, co tope do 10% da xornada anual e coa compensación dos excesos de xornada dentro do ano.

Cuestións que agora foron ratificadas por unha sentenza xudicial que anula catro artigos do acordo, incluíndo o que establece a plurianualidade da bolsa de horas, e condena a compañía a deixar sen efecto os aspectos do texto que permiten esa perversión de saltarse os límites dos artigos 34 e 35 do Estatuto, que regulan a distribución irregular da xornada e as horas extra.