Ex responsábel de Ambulancias do Atlántico, condenada a prisión por difundir comunicacións dirixidas a representantes sindicais
O Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra vén de condenar a ex responsábel de Xestión de Ambulancias do Atlántico a un ano e tres meses de prisión como autora dun delito de descubrimento e revelación de segredos, na súa modalidade de difusión a terceiras persoas, por facer públicas comunicacións da Inspección de Traballo dirixidas aos representantes sindicais. A propia empresa concesionaria do transporte sanitario dos hospitais públicos vigueses foi considerada culpábel de dous delitos de descubrimento e revelación de segredos, tamén na súa modalidade de difusión a terceiras persoas.
A sentenza, contra a que cabe recurso, establece ademais unha multa de 15 meses cunha cota diaria de seis euros para a ex responsábel de Xestión e de 9 meses cunha cota diaria de 100 euros para cada un dos dous delitos atribuídos á empresa, o que supón unha importante sanción económica acorde coa gravidade dos feitos.
Segundo explican dende a representación da CIG en Ambulancias do Atlántico, a orixe dos acontecementos xulgados remóntase a finais de 2020, cando os tres delegados de prevención de riscos laborais da empresa, pertencentes a distintos sindicatos, deciden presentar varias denuncian diante da Inspección de Traballo.
O 16 de abril de 2021 os representantes sindicais solicítanlle á autoridade laboral información sobre o estado das denuncias, e 15 días despois, para a súa sorpresa, reciben un correo da naquel entón responsábel de Xestión da empresa coa resposta da Inspección de Traballo escaneada, correo que se lle remite tamén a outras persoas responsábeis do grupo Orthem -ao que pertencía Ambulancias do Atlántico-, do departamento xurídico da empresa e incluso a unha avogada externa. A continuación, o 19 de maio un dos delegados que presentara a denuncia recibe da empresa a comunicación da Inspección, pero sen o correspondente sobre.
Con anterioridade, o 4 de marzo de 2021, o delegado da CIG presenta unha nova denuncia diante da Inspección, recibindo posteriormente un correo da responsábel de Xestión coa carta escaneada, que ao igual que na ocasión anterior tamén lle fora remitido a outras persoas. Mentres que uns días entrégaselle por parte da empresa a resolución da autoridade laboral. “A carta viña aberta pero con sobre, e o sobre tiña a típica xanela plástica que permite ver quen é a persoa destinataria”, sinalan dende a representación da CIG en Ambulancias.
Varios antecedentes similares
Diante disto, os delegados da central sindical deciden presentar denuncia diante do Xulgado do Penal, que agora vén de condenar a ex responsábel de Xestión e a propia empresa. Unha empresa que conta xa con varios antecedentes neste sentido, ao igual que a traballadora agora condenada, que en 2019 “xa nos abrira unha carta, pero non denunciamos pensando que fora un erro”.
A empresa, pola súa banda, foi condenada en 2022 por vulnerar a intimidade dunha traballadora á que lle abriron a taquilla estando de baixa para cederlla a outra persoa que acababa de contratar. E en decembro de 2023 a xustiza anulaba o despido dun traballador ao que compañía lle puxo un detective para vixilalo cando se atopaba tamén de baixa. Curiosamente, nos dous casos se tratou de persoas vinculadas coa CIG.