
Unha Proposición de Lei tramitada polo BNG recolle as propostas da CIG sobre a redución da xornada

Unha Proposición de Lei tramitada polo BNG recolle as principais propostas da CIG para a redución da xornada laboral a 35 horas -no camiño de avanzar cara a xornada de catro días, 32 horas á semana -para facilitar o descanso, a conciliación e a desconexión das persoas traballadoras. O secretario xeral, Paulo Carril, e o secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria, Paco Sío, compareceron hoxe en rolda de prensa xunto ao deputado da formación nacionalista no Congreso, Néstor Rego, para explicar os detalles dunha iniciativa que inclúe tamén medidas sobre a regulación da xornada para frear a precariedade e dignificar a contratación a tempo parcial.
A central sindical entende que no actual contexto de desenvolvemento tecnolóxico e de cambios na xestión e organización do traballo non existen razóns que impidan avanzar “dunha vez por todas” en dereitos laborais reais e xerar máis riqueza social favorecendo a repartición do traballo mediante a implantación da xornada de 35 horas á semana de traballo efectivo.
Neste senso, Carril considera claramente insuficientes as medidas contempladas no Anteproxecto de Lei para a Redución da Duración Máxima da xornada ordinaria de Traballo, o Rexistro de Xornada e o Dereito á Desconexión pactado entre o Goberno español e os sindicatos CCOO e UGT. De xeito que a CIG achegoulle ao Ministerio de Traballo unha serie de propostas e modificacións para incorporar ao documento, que agora veñen de ser asumidas polo BNG e trasladadas ao Congreso en forma de Proposición de Lei.
Na súa comunicación ao Ministerio a central sindical reclamaba tamén que antes da aprobación definitiva da Lei se abran de novo consultas e negociacións, garantindo en pé de igualdade os dereitos de todas as organizacións sindicais lexitimadas para a participación institucional a nivel estatal, entre as que se atopa a CIG. Xa que a central foi excluída das negociacións a pesar de súa condición de sindicato máis representativo a nivel estatal, vulnerando o principio de neutralidade e de liberdade sindical.
Entre as propostas que recolle a Proposición de Lei que vén de ser presentada salienta a implantación da xornada de 35 horas semanais -fronte ás 37,5 que figuran no Anteproxecto de Lei- co obxectivo de ir camiñando cara a xornada semanal de catro días, a 32 horas á semana.
Porque tal e como subliña o secretario xeral da CIG a redución da xornada laboral “non só permitirá mellorar a calidade de vida da clase traballadora, senón que terá un impacto positivo no emprego”, permitindo a incorporación de máis persoas ao mercado laboral. “É unha medida de xustiza social, que responde a unha demanda histórica do sindicalismo nacionalista e de clase que busca avanzar para a unha sociedade máis xusta e igualitaria”.
Frear a precariedade laboral
A Proposición inclúe ademais unha serie de medidas sobre a regulación da xornada encamiñadas a frear a precariedade laboral e dignificar a contratación a tempo parcial, unha vez que se estendeu o abuso deste tipo de contratos como consecuencia da última reforma laboral. Entre outras, garantir xornadas mínimas fixas de 20 horas en horario continuado; condicionar a realización de horas complementarias; limitar estes contratos ao 15% dos cadros de persoal e no sector público; e aumentar a retribución do persoal a tempo parcial.
Así como unha proposta concreta coa que derrogar a reforma laboral do PP do 2012, que este Goberno sigue mantendo vixente, rematando co feito de que a patronal sexa quen decida unilateralmente a distribución irregular da xornada até un 10%.
Rexistro de xornada
Outra das achegas ten que ver coa dotación dun sistema de rexistro de xornada por medios dixitais para que sexa transparente e eficaz, de xeito que permita contabilizar as horas extraordinarias con garantías para as persoas traballadoras e a súa compensación en descanso ou retribución. Porque a CIG entende que a modificación do rexistro de xornada que pretende o Goberno relaxa as esixencias que evitan que as persoas traballadoras poidan ser vítimas dos mecanismos de flexibilidade e abuso de horas extras.
“Polo tanto, a redución da xornada a 37,5 horas proposta polo Ministerio é fraudulenta, primeiro porque a xornada laboral anual media pactada na actualidade xa está moi próxima a esta cifra; e en segundo lugar porque a redución faise no cómputo anual e permitindo a distribución irregular da xornada, o que suporá que as persoas traballadoras non van poder saír antes do traballo”, sostén Carril.
Por iso insta o Executivo a abandonar os “grandes anuncios propagandísticos que non se corresponden despois con ampliación de dereitos; de xeito que se queremos avanzar neste senso temos que ir a unha xornada laboral de 35 horas semanais, que é unha reivindicación histórica do movemento obreiro”.
Finalmente, a Proposición de Lei incorpora outras cuestións como a necesidade de contar cunha regulación para o teletraballo que reforce os dereitos de desconexión dixital e intimidade das persoas traballadoras.
E con mecanismos que garantan a prevalencia das mellores condicións en materia de xornada para a persoa traballadora contempladas nos convenios sectoriais fronte aos de empresa, xa que actualmente no caso das condicións salariais o Ministerio non fai cumprir esta disposición normativa, tal e como a central sindical ten comprobado coa propia Inspección de Traballo.