Unha pandemia sanitaria, económica e social mundial... e as políticas neoliberais
A pandemia puxo ao descuberto de forma descarnada a crecente existencia de desigualdades de todo tipo nas nosas sociedades, que, na súa maioría, se orixinan no mundo do traballo. Esta constatación contrasta de xeito evidente coa impresión inicial de que todas as persoas son igualmente vulnerábeis á infección polo virus
O 11 de marzo de 2020, a Organización Mundial da Saúde (OMS) declarou que a COVID-19 se podía considerar unha pandemia e advertiu que non era só unha crise de saúde pública, senón unha crise que afectaría a todos os sectores, fronte á cal todos os países debían atopar un delicado equilibrio entre a protección da saúde, a minimización dos trastornos sociais e económicos, e o respecto dos dereitos humanos.
Pero, como predixo a OMS, a crise sanitaria converteuse nunha crise económica e social mundial que causou danos sen precedentes ao mundo do traballo e que dexenerou nun desastre humanitario para millóns de persoas.
É certo que en canto saíron á luz a verdadeira natureza e as consecuencias da urxencia sanitaria mundial, a comunidade internacional recoñeceu a necesidade de adoptar unha resposta proporcional a escala mundial. Dúas semanas despois de que se declarase a pandemia, os líderes do G20 reuníronse nunha cimeira extraordinaria e comprometéronse a facer todo “o que sexa necesario para superar a pandemia” e a utilizar “todas as ferramentas de política dispoñíbeis para minimizar o dano económico e social”.
Así, expresaron a súa determinación de protexer a vida das persoas, salvagardar os traballos e os ingresos, restaurar a confianza, preservar a estabilidade financeira, reactivar o crecemento e fomentar unha recuperación máis forte, minimizar as perturbacións do comercio e das cadeas mundiais de fornecemento, axudan a todos os países que necesitasen asistencia e coordinar as medidas de saúde pública e financeiras.
O discurso mantido polos líderes do G20 en marzo de 2020 coincidía en gran medida coas conclusións da Cimeira de Londres, celebrada en abril de 2009, seis meses despois de que Lehman Brothers se declarase en creba e marcase o inicio da crise financeira mundial.
Nesa ocasión, os líderes do G20 dixeron que nos enfrontabamos ao maior reto para a economía mundial da era contemporánea; unha crise “que afecta á vida das mulleres, homes e nenos de todos os países e todos os países deben xuntar esforzos para resolvela. Unha crise global esixe unha solución global”.
Porén, a medida que remitía esa ameaza existencial, tamén diminuíu o nivel de cooperación e concertación internacional para abordar as súas secuelas económicas e sociais. Axiña se impuxeron as políticas neoliberais marcadas pola austeridade, e o proceso de recuperación foi arduo, desigual, inxusto e mesmo incompleto: esa era a conxuntura cando sobreveu a pandemia da COVID-19.
Realidades moi diferentes
En 2020, as economías avanzadas estaban en condicións de aumentar o gasto nun 16,4 por cento do produto interno bruto (PIB), mentres que para as economías emerxentes esta cifra só alcanzaba o 4,2 por cento, e apenas o 1,7 por cento nos países de ingresos baixos. En termos absolutos, estas marcadas diferenzas son aínda máis pronunciadas, e non gardan proporción ningunha coas necesidades das persoas, vivan onde vivan.
Indiscutibelmente, a posición macroeconómica expansiva de moitos gobernos, alentados enerxicamente polas institucións financeiras internacionais -o Fondo Monetario Internacional (FMI) anunciara medidas fiscais por valor de 16 billóns de dólares-, foi chave para tentar mitigar os danos económicos e sociais inflixidos pola pandemia. Mais a crise está lonxe de estar superada, e persiste a necesidade de manter os estímulos.
Porén, estes estímulos non se aplicaron de xeito homoxéneo, xa que os gobernos intentan que os fondos investidos beneficien as súas propias economías e actores económicos. Aínda que en certa medida resulte lóxico, ese comportamento pode ter gravísimas consecuencias.
Co obxectivo de salvagardar a integridade da capacidade produtiva das sociedades, parece esencial soster as empresas que noutras circunstancias serían viábeis, para que non sucumban ás restricións impostas a consecuencia da pandemia, e que son alleas ao seu modelo empresarial e ás súas perspectivas de negocio en tempos normais.
Este tipo de medidas van desde o apoio financeiro directo, facilidades de acceso a créditos de baixos xuros, vacacións fiscais e moratoria de alugueiros. Puxéronse en marcha iniciativas para axudar as empresas a conservaren os seus traballadores mediante medidas de apoio aos salarios, redución do tempo de traballo, expedientes de regulación de emprego, desemprego técnico e outras medidas similares.
Aínda que a terminoloxía utilizada para se referir a estes mecanismos varía, todos eles apostan por manter a relación de traballo entre os empregadores e os traballadores, ademais de resultar ineficaces, como evidenciaron os niveis relativos de aumento do desemprego, a inactividade e a redución do tempo de traballo xa mencionados.
Como ocorre cos estímulos macroeconómicos nos que se sustentan, estas medidas concentráronse principalmente nas economías máis avanzadas, tanto por motivos de sostibilidade financeira como de capacidade institucional.
Na Unión Europea, a finais de 2020, 35 millóns de traballadores acolléronse a un plan de redución do tempo de traballo, fronte aos 50 millóns nos países da OCDE en maio dese mesmo ano, o que supón unha cifra dez veces superior á da crise financeira mundial. Se se dispuxese de cifras comparábeis para outros países, seguramente serían moi inferiores. Ademais, poden observarse limitacións en canto ao alcance desas medidas dentro dos países e entre eles.
Ante a diversificación crecente das modalidades de traballo, a incerteza acerca da situación laboral ou a desconexión entre as regras institucionais e a realidade que viven os traballadores, aumenta o risco de que moitas persoas non se poidan beneficiar das medidas de apoio.
Os traballadores por conta propia e os traballadores de plataformas son un bo exemplo diso, mais tamén os traballadores da economía informal, onde é moi difícil prestar asistencia aos que a necesitan.
Estas situacións deron lugar á multiplicación de medidas de protección social ad hoc desde o inicio da pandemia. Até abril de 2021, a OIT documentara non menos de 1.622 novas medidas de protección social ás que se acolleran centos de millóns de persoas e que consistían na ampliación ou o axuste de programas existentes ou a creación de novos programas, en particular de transferencias directas en efectivo e axudas de urxencia.
O alcance que tiveron estas medidas é en certa forma destacábel, pero tamén pon de manifesto as carencias da adecuación e cobertura dos sistemas de protección social existentes.
Que aprendemos do capitalismo... que non soubésemos?
A pandemia obrigou o mundo enteiro a seguir un programa de aprendizaxe acelerada a todos os niveis, sobre todo no ámbito da saúde. Foi preciso comprender cal é a natureza do virus, como ataca e de que xeito se pode previr a súa propagación.
E non só iso; houbo que comprender moito máis. A necesidade de aprender, e de actuar en función do aprendido, fíxose extensiva a practicamente todos os aspectos da política e da vida. Tamén, ao mundo do traballo. Cómpre pois preguntarse que cousas sabemos agora que antes non sabiamos e que ensinanzas podemos tirar desta experiencia.
En primeiro lugar, constatamos que o mundo non viu vir esta pandemia e que non estaba preparado para a enfrontar. Os científicos advertiran do perigo de futuras pandemias como algo ineludíbel.
Así e todo, no informe titulado The Global Risk Report 2020, publicado no berce do capitalismo do Foro Económico Mundial (Davos- Suíza) dous meses antes de que se declarase a pandemia, e que presentaba unha análise dos riscos que apreixaban o mundo, afirmábase que os relacionados coas enfermidades infecciosas tiñan menos probabilidade de materializarse que outras categorías de riscos, como os de carácter ambiental, económico e xeopolítico, que ocupaban posicións máis altas na clasificación.
Mesmo en termos de posíbeis repercusións, as enfermidades infecciosas só ocupaban o décimo lugar. No entanto, no informe advertíase do perigo de que os sistemas sanitarios se volvesen inadecuados, que «os avances na loita contra as pandemias tamén se ven obstaculizados pola reticencia á vacinación e a resistencia aos medicamentos» e que «o éxito na loita contra os problemas de saúde no pasado non é garantía de éxito no futuro».
Polo tanto, o baixo nivel de atención prestado ao risco de pandemia non resulta de todo sorprendente, aínda que agora, visto en retrospectiva, poida parecer que se incorrese en neglixencia culposa.
A avaliación dos riscos baséase na análise de múltiples factores, e mentres que os perigos inminentes de catástrofes ambientais, colapso económico e financeiro e, mesmo, conflito xeopolítico poden detectarse, e mesmo medirse, ao longo do tempo, é moito menos habitual que se actúe así no caso das pandemias, que xorden de forma repentina, irregular e sen previo aviso.
En consecuencia, debido a esa falta de previsión, gran parte das medidas que contribuíron a fortalecer a resiliencia do mundo do traballo fronte ao impacto da pandemia fóronse adoptando en tempo real a medida que se desenvolvían os acontecementos e se facían necesarias respostas específicas.
Independentemente da avaliación que se poida facer desas respostas, a lección que cómpre tirar é que, como preparación para facer fronte a choques sistémicos que se poidan producir en diante, haberá que configurar un futuro do traballo cunha capacidade de resiliencia moito maior e asegurar tamén a súa sostibilidade e equidade.
En segundo lugar, a pandemia puxo ao descuberto de forma descarnada a crecente existencia de desigualdades de todo tipo nas nosas sociedades, que, na súa maioría, se orixinan no mundo do traballo. Esta constatación contrasta de xeito evidente coa impresión inicial de que todas as persoas son igualmente vulnerábeis á infección polo virus.
Ademais, a pandemia da COVID-19 exacerbou esas desigualdades e existe o grave risco de que se poñan en marcha dinámicas que agudicen esa tendencia moito máis aló do que dure a pandemia. Para o mundo do traballo, unha pandemia prolongada podería xerar aínda máis desigualdades e inxustizas nun futuro próximo.
Detrás desta difícil situación xeral provocada pola pandemia agóchase unha crise moito máis apocalíptica, un caos de maior alcance e moito máis catastrófico chamado capitalismo.
[Artigo tirado do sitio web Alainet, do 1 de outubro de 2021]