Unha nova sentenza gañada pola CIG consolida o dereito ao cobro da carreira profesional
A CIG vén de gañar unha nova sentenza no TSXG que recoñece o dereito a cobrar o complemento de carreira a todo o persoal que cumpra cos requisitos de anos de servizo e formación. Esta nova sentenza, apunta o sector de Autonómica da CIG-Administración, "bota por terra a chantaxe de esixir a funcionarización para cobrar o complemento de carreira".
A resolución do TSXG anula a instrución 3ª da Orde de confección de nóminas de 2019 "por entender que a mesma vulnera o dereito á igualdade e non discriminación (art.14 CE) do persoal laboral da Xunta de Galiza (fixo, indefinido e temporal), impedíndolle participar no sistema de carreira profesional establecido e pactado coas centrais sindicais, privándolle do seu dereito á promoción profesional.”
A orde impugnada excluía do acceso ao grao I do sistema de carreira o persoal laboral fixo que non presentase a solicitude de funcionarización (ou non superase o proceso). E no caso de que incumprise o compromiso tería que devolver os importes percibidos.
Para a secretaria da CIG-Autonómica, Zeltia Burgos, o fallo é moi claro "en canto que o dereito á carreira é universal para quen cumpra os requisitos de anos de servizos e formación". Neste senso, lembra que a Lei de emprego público xa recoñece o dereito do persoal funcionario interino á carreira profesional grazas as demandas da CIG.
O dereito xa está recoñecido na Lei de emprego público
"Despois dos recursos da CIG, da campaña de fake news de CCOO e UGT, da paralización do grao II, a Xunta, á vista das sentenzas, tivo que recoñecer que a carreira profesional ten que estenderse a todo o persoal. E isto faino coa aprobación no Parlamento do proxecto de lei de medidas que vén de modificar a LEPG para que, no canto de referirse ao persoal funcionario de carreira no relativo á carreira profesional, o faga ao persoal funcionario en xeral (de carreira e interino)", explica Burgos.
E así se recolle na lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas na súa exposición de motivos: “Modifícase a disposición transitoria oitava para, ademais de aclarar a regulación da consolidación de grao, estender o dereito á carreira profesional a todo o persoal funcionario, sexa de carreira ou interino, deixando así recollido na normativa os pronunciamentos xudiciais existentes en canto a este aspecto".
A secretaria da CIG-Autonómica incide en que "este era o único xeito de rematar coa causa de nulidade, que todo o mundo entendía como de sentido común, menos CCOO e UGT que azuzaban á Xunta de Galiza para retirar a carreira profesional a todo o mundo".
Atraso no desenvolvemento do grao II
Burgos critica tamén que as organizacións CCOO e UGT e a Xunta negaron dende un principio o acceso anticipado ao grao II, que xunto co grao I ordinario, tiña que estar convocado moito antes de que saíra a primeira sentenza gañada pola CIG. "A súa posta en marcha era un feito que dependía só dos asinantes do acordo e non de ningunha demanda, pero para xustificalo utilizaron como escusa da súa ineptitude a mentira de que non se podía facer porque o impedía a CIG", denuncia.
Agora que unha norma con rango legal habilita para estender ese dereito a todo o persoal, grazas ás sentenzas gañadas pola CIG, "non lles vai quedar outra que sentar a negociar un acordo inclusivo e pagar o atraso do grao II a todo o persoal. E se alguén o impide será a súa responsabilidade".