Unha nova sentenza firme obriga a Xunta a pagar a totalidade das extras do 2013
A sección sindical da CIG-Administración Autonómica dos servizos centrais (San Caetano) lembra que no ano 2013, o goberno de Feijoo decidiu recortar o complemento específico (ou concepto equivalente para o persoal laboral) nas dúas pagas extras de todo o seu persoal pasando a ser Galiza unha das escasas comunidades nas que se aplicou un recorte adicional. Recorte que continúa hoxe en día e que se mantén na Lei de Orzamentos deste ano. “Unha medida coa que aproximadamente están a quitarnos uns 200 millóns de euros por ano”.
Nestas tres sentenzas fica como novidade que ao existir silencio na reclamación salarial en vía administrativa, a Xustiza recoñece que o sentido deste é positivo e polo tanto estima na súa totalidade a reclamación da persoa traballadora. A pesar de todo, nas sentenzas nas que non haxa silencio na reclamación administrativa, a Xustiza recoñece con carácter xeral a reclamación subsidiaria do terzo do complemento específico de xuño, ou sexa, a parte devindicada en xaneiro e febreiro ata que entrou en vigor a Lei de orzamentos galega dese ano.
A sección sindical explica que se pide a totalidade dos dous complementos específicos nas das pagas extras de 2013 en base a que o EBEP recoñece que as pagas extras se establecen con carácter básico e, polo tanto, non se poden recortar cunha lei autonómica, un argumento que xa levou a un tribunal de Castela-A Mancha a promover unha cuestión de inconstitucionalidade.
“A Xunta leva desoíndo as nosas advertencias da ilegalidade das súas actuacións en canto a reclamación subsidiaria. Tamén ignora a nosa demanda lexítima da devolución destes complementos a todo o persoal afectado polo recorte. É plenamente consciente do seu comportamento pero xoga co efecto numérico das demandas xudiciais”, denuncian.
Estas actuacións implican uns custos e saturación da vía xudicial. Os representantes da CIG lamentan que á administración “lle dea igual facer fronte” á administración autonómica porque, denuncia, “non sae do peto dos seus responsables políticos”.