Unha nova agresión a un vixilante no Hospital de Pontevedra evidencia a falta de persoal de seguridade
A federación de Servizos da CIG denuncia que a agresión sufrida o pasado domingo pola noite por un vixilante de seguridade no Hospital Provincial de Pontevedra, nesta ocasión por parte dun paciente da área de Psiquiatría, evidencia unha vez máis a falta de persoal neste servizo. Dende a central sindical reclámanlle ao Sergas que incremente os medios materiais e humanos, especialmente nas quendas de noite, fin de semana e festivos, nas que unha única persoa ten que encargarse da vixilancia de todo o centro hospitalario.
Segundo explica o responsábel do sector de Seguridade da CIG-Servizos, Pedro Pérez, o incidente durante o que o traballador sufriu importantes lesións aconteceu ás 00:06 horas do luns 27, cando o vixilante recibiu unha chamada da área de Psiquiatría, na que se estaba a producir un incidente cun paciente.
“Nada máis abrir a porta tras a que se atopaba o persoal sanitario co paciente comezou a recibir golpes que lle provocaron un traumatismo cranio-encefálico e facial, unha tendinite no ombro dereito e a rotura de varias pezas dentais, tal e como figura no propio informe médico”, indica.
Lembra que non é a primeira vez que se rexistran agresións deste tipo contra o persoal de seguridade, polo que tanto a CIG-Servizos como os membros da CIG no comité de Eulen Seguridad, concesionaria do servizo de vixilancia no CHOUP, levan tempo demandando do Sergas que incremente os medios materiais e humanos deste servizo nas instalacións hospitalarias para evitar poñer en risco a integridade tanto do persoal de seguridade como dos traballadores/as sanitarios e dos propios/as pacientes. De feito, o persoal sanitario tivo que axudar nesta ocasión a reducir ao paciente causante da agresión.
“Este incremento de medios tense que facer especialmente nas quendas de noite, fin de semana e festivos, nas que presta servizo unha única persoa”, sinala Pérez, que reclama tamén máis medios materiais e humanos tanto en Urxencias como no resto de servizos para evitar situacións como a acontecida.