Unha nova actitude no mundo acabará coa doutrina Monroe global

Vijay Prashad - 01 Dec 2023

Os intentos dos Estados Unidos de desmantelar a política progresista en América Latina, apoiados pola Doutrina Monroe, non tiveron éxito do todo. O retorno de gobernos de esquerda ao poder en Bolivia, Brasil e Honduras tras réximes de dereita apoiados polos Estados Unidos ilustra este fracaso. Outro sinal é a resistencia das revolucións cubana e venezolana

 Cada día desde o 7 de outubro sentiuse como un Día Internacional de Solidariedade co Pobo Palestino, con centos de miles de persoas reunidas en Istambul, un millón en Iacarta, e logo outro millón en África e América Latina para esixir a fin do brutal ataque que está a levar a cabo Israel (coa colaboración de Estados Unidos). É imposíbel seguir o ritmo da escala e frecuencia das protestas, que á súa vez están a presionar a partidos políticos e gobernos para que aclaren as súas posturas sobre o ataque de Israel a Palestina. Estas manifestacións masivas xeraron tres tipos de resultados:

- Atraeron a unha nova xeración non só á actividade pro Palestina, senón a conciencia antibélica, nalgúns casos antiimperialista.

- Atraeron a un novo sector de activistas, en particular sindicalistas, que se sentiron motivados para deter o envío de mercadorías cara a e desde Israel (mesmo en lugares como Europa e A India, onde os gobernos apoiaron os ataques de Israel).

- Xeraron un proceso político para desafiar a hipocrisía da “orde internacional baseada en normas” dirixida por Occidente para exixiren que a Corte Penal Internacional acuse o primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, e a outros altos cargos do goberno israelí.

 Ningunha guerra dos últimos anos —nin sequera a campaña “conmoción e pavor” utilizada polos Estados Unidos contra Iraq en 2003— foi tan desapiadada no seu uso da forza. O máis arrepiante é a realidade de que as e os civís, acurralados pola ocupación israelí, non teñen escapatoria dos intensos bombardeos. Case a metade (polo menos 5.800) dos máis de 14.000 civís asasinados son nenos e nenas. Nin toda a propaganda israelí foi capaz de convencer a miles de millóns de persoas no mundo de que esta violencia é unha xusta represalia polo ataque do 7 de outubro. As imaxes de Gaza mostran a natureza desproporcionada e asimétrica da violencia de Israel nos últimos 75 anos.

 Unha nova actitude arraigou entre miles de millóns de persoas no Sur Global e viuse reflectida por millóns no Norte Global que xa non seguen ao pé da letra as actitudes dos líderes estadounidenses e os seus aliados occidentais. Un novo estudo do Consello Europeo de Relacións Exteriores mostra que “gran parte do resto do mundo quere que a guerra en Ucraína termine canto antes, mesmo se iso significa que Kiev perda territorio”. E moi pouca xente —mesmo en Europa— se poñería de parte de Washington se se producise unha guerra entre os Estados Unidos e China por Taiwán. O Consello suxire que isto se debe á “perda de fe en Occidente para ordenar o mundo”. Máis concretamente, a meirande parte do mundo xa non está disposta a se deixar intimidar por Occidente (en palabras da ministra de Asuntos Exteriores de Sudáfrica, Naledi Pandor). Durante os últimos 200 anos, a Doutrina Monroe do goberno estadounidense foi fundamental para xustificar este tipo de intimidación (...).

 En 1823, James Monroe, entón presidente de Estados Unidos, declarou ante o Congreso que o seu goberno se opoñería á inxerencia europea nas Américas. O que Monroe quería dicir era que, a partir daquela, Washington trataría a América Latina e o Caribe como o seu “patio traseiro”, baseándose nunha política coñecida como a Doutrina Monroe.

 Durante os últimos 200 anos, Estados Unidos operou nas Américas seguindo esta liña, exemplificada nas máis de 100 intervencións militares contra países da rexión. Desde a caída da Unión Soviética en 1991, os Estados Unidos e os seus aliados do Norte Global tentaron ampliar esta política até a converter nunha Doutrina Monroe Global, de forma máis destrutiva en Asia Occidental.

A violencia da Doutrina Monroe

 Dúas décadas antes da proclamación de Monroe, tivo lugar en Haití a primeira revolución anticolonial do mundo. A Revolución haitiana de 1804 supuxo unha grave ameaza para as economías de plantación das Américas, que dependían da man de obra escravizada procedente de África, polo que os Estados Unidos lideraron un proceso para sufocala e evitar que se estendese. Mediante intervencións militares estadounidenses en toda América Latina e o Caribe, a Doutrina Monroe impediu o auxe da autodeterminación nacional e defendeu a escravitude das plantacións e o poder das oligarquías.

 Porén, o espírito e a promesa da Revolución haitiana non se puideron extinguir, e en 1959 volveron prender coa Revolución Cubana, que á súa vez inspirou loitas revolucionarias en todo o mundo e, sobre todo, no chamado patio traseiro dos Estados Unidos. Unha vez máis, os EUA iniciaron un ciclo de violencia para destruír o exemplo revolucionario de Cuba, impedir que inspirase a outros e derrocar calquera goberno da rexión que tentase exercer a súa soberanía.

 Xuntas, as oligarquías estadounidense e latinoamericana lanzaron varias campañas, como a Operación Cóndor, para reprimir violentamente a esquerda mediante asasinatos, encarceramentos, torturas e cambios de réxime. Estes esforzos culminaron nunha serie de golpes de estado contra as forzas de esquerda na República Dominicana (1965), Chile (1973), Uruguai (1973), Arxentina (1976) e O Salvador (1980). Os gobernos militares que se instalaron posteriormente anularon a axenda soberanista e impuxeron no seu lugar un proxecto neoliberal. América Latina e o Caribe convertéronse en terreo fértil para as políticas económicas que beneficiaban os monopolios transnacionais dirixidos polos Estados Unidos. Washington cooptou amplos sectores da burguesía da rexión, vendéndolles a ilusión de que o desenvolvemento nacional viría da man do crecemento do poder estadounidense.

Ondas progresistas

 A pesar desta represión, ondas de movementos populares seguiron conformando a cultura política da rexión. Durante as décadas de 1980 e 1990, estes movementos derrocaron as ditaduras militares instauradas pola Operación Cóndor e inauguraron un ciclo de gobernos progresistas inspirados nas revolucións cubana e nicaraguana e impulsados pola vitoria electoral de Hugo Chávez en Venezuela en 1998. A resposta dos Estados Unidos a este auxe progresista estivo impulsada unha vez máis pola Doutrina Monroe, xa que pretendía asegurar os intereses da propiedade privada por riba das necesidades das masas. Esta contrarrevolución empregou tres instrumentos principais:

- Golpes de estado. Desde 2000, os Estados Unidos tentaron levar a cabo golpes de estado militares «tradicionais» en polo menos vinte e sete ocasións, e algúns destes intentos tiveron éxito, como en Honduras (2009), mentres que moitos outros foron derrotados, como en Venezuela (2002).

- Guerras híbridas. Ademais dos golpes militares, os EUA tamén desenvolveron unha serie de tácticas para someter os países que tentan construír a súa soberanía, como a guerra da información, a guerra xurídica (lawfare), a guerra diplomática e a interferencia electoral. Esta estratexia de guerra híbrida inclúe a fabricación de escándalos de destitución (por exemplo, contra Fernando Lugo en Paraguai en 2012) e medidas “anticorrupción” (como contra Cristina Kirchner en Arxentina en 2021). En Brasil, os EUA traballaron coa dereita brasileira para manipular unha plataforma anticorrupción co fin de destituír a daquela presidenta Dilma Rousseff en 2016 e encarcerar o expresidente Luís Inácio Lula da Silva en 2018, o que levou á elección do ultradereitista Jair Bolsonaro en 2018.

- Sancións económicas. O uso de medidas coercitivas ilegais e unilaterais —incluídas as sancións económicas e os bloqueos— é un instrumento chave da Doutrina Monroe. Os EUA empregaron tales instrumentos durante décadas (desde 1960 no caso de Cuba) e ampliaron o seu uso no século XXI contra países como Venezuela. O Centro Latinoamericano de Xeopolítica Estratéxica (CELAG) demostrou que as sancións dos Estados Unidos contra Venezuela provocaron a perda de máis de tres millóns de postos de traballo entre 2013 e 2017, mentres que o Centro de Investigación Económica e Política descubriu que as sancións reduciron a inxesta calórica da poboación e aumentou as enfermidades e a mortalidade, matando a 40.000 persoas nun só ano e pondo en perigo a vida doutras 300.000.

Pór fin á Doutrina Monroe

 Os intentos dos Estados Unidos de desmantelar a política progresista en América Latina, apoiados pola Doutrina Monroe, non tiveron éxito do todo. O retorno de gobernos de esquerda ao poder en Bolivia, Brasil e Honduras tras réximes de dereita apoiados polos Estados Unidos ilustra este fracaso. Outro sinal é a resistencia das revolucións cubana e venezolana. Até o momento, aínda que os esforzos por expandir a Doutrina Monroe por todo o mundo causaron unha inmensa destrución, non conseguiron instalar réximes clientelares estábeis, como vimos coa derrota dos proxectos estadounidenses en Afganistán e Iraq. Porén, Washington segue adiante e trasladou a súa atención á rexión Asia-Pacífico para se enfrontar a China.

 Hai douscentos anos, as forzas de Simón Bolívar derrotaron o Imperio español na Batalla de Carabobo de 1821 e abriron un período de independencia para América Latina. Dous anos máis tarde, en 1823, o goberno estadounidense anunciaba a súa Doutrina Monroe. A dialéctica entre Carabobo e Monroe segue a dar forma ao noso mundo, coa memoria de Bolívar impregnada na esperanza e a loita por unha sociedade máis xusta.

 Hoxe, o horror da guerra contra Gaza satura as nosas conciencias [...].

 

[Artigo tirado do sitio web The Tricontinental, do 23 de novembro de 2023]